2007/11/27

Medos


Alumna
: Tróuxenche o do blog.
Profa: Pero non o tiñas que imprimir, muller, senón teño que volver a copialo eu no ordenador, o que tes que facer é enviarmo ao meu correo electrónico como vos expliquei o outro día.
Alumna: Xa, pero é que meu pai non quere que saibas o meu correo electrónico.

2007/11/20

Aprender palabras

Onte nun curso de terceiro de ESO un alumno intentaba convencerme de que o léxico que teñen que aprender ao longo do curso non debía ser acumulatorio, que se el sabía unha palabra na primeira avaliación pois xa estaba, que non era xusto que tivese que seguir sabéndoa en xaneiro, en marzo e en xuño.
Primeira reacción - sorriso.
Segunda reacción - argumentación seria.
Terceira reacción - impotencia.

2007/11/18

Do privado e do público

Hai case dous meses publicaba Arume dos piñeiros un acertado comentario sobre a diverxencia entre o privado e o público entre algunhas das nosas sobranceiras personaxes e estoutro día saía o mesmo tema nunha conversa de recreo en sala de profes.
Tampouco eu son quen de dar nomes, sobre todo porque nalgúns dos casos só falo de oídas e non se debe dicir por detrás o que un non é quen de manter á cara. Sendo isto así, non quita que me entre unha mestura de carraxe e tristeza cando vexo que XXX pasa amplamente do seu traballo de docente porque está demasiado ocupad@ coas súas columnas xornalísticas, publicacións, intervencións televisivas, investigacións universitarias, creacións literarias, asistencia a actos lúdicofestivos diversos... en definitiva, en atender todo iso do aparello cultural, e cobre as súas costas dando aprobados xerais que manteñen calado o persoal.
E XXX podería dicirme que é tan mal docente como o de física, ou a de matemáticas e non debe máis explicacións que aqueles. E tería unha parte de razón, pero, aínda que non o queira, é diferente a eles, xa que a súa posición pública converte o seu comportamento nun modelo xeneralizable da cultura á que representa. É o que hai, e nese sentido ao mellor algún e algunha farían mellor pola nosa cultura creando algo menos e aplicándose un chisco máis niso que, ao cabo e ao remate, lles dá de comer.

EU SON



Eu son Pilar Ponte Patiño e ando metida nisto de ensinar lingua e literatura galegas. Despois de ter traballado en moitos centros durante este curso 2009-2010 estou en situación de expectativa no IES de Vilalonga no concello de Sanxenxo.

Se o desexas, pódeste poñer en contacto comigo a través do enderezo:
pilarponte.ensino@gmail.com

Tendendo fíos

Este blog debía ter comezado a principios de curso, que é cando comeza o ano natural para moitos dos profes, en fin, un algo lacazana, outro algo ocupada, e outro algo perfeccionista fixeron que o proxecto estivese aí parado desde o 19 de setembro ata hoxe.
Gustaríame que moitas cousas estivesen mellor, incluír máis links, etc. pero a informática non é o meu e a obra tamén se ha de ir facendo.
Desexaría que este blog servise para tender fíos de camiños coincidentes.
Benvidos e benvidas.