2009/11/30

Malo será!!


Gadis terá vontade de levar as súas prácticas lingüísticas galegas máis aló dos anuncios publicitarios?

Malo será!!

*Podemos sinalar como avances da empresa na normalización lingüística a versión en galego das páxinas web de Gadisa e do servizo Gadisline que nos permite facer a compra íntegra en galego.

2009/11/25

No purgatorio


A través de Brétemas Twitter chego a Público e vexo tres datos que me escandalizan:

  • A taxa do abandono escolar lonxe do obxectivo do 10%, nin sequera diminúe, senón que sobe fronte a anos anteriores ata un 31,9%.
  • A taxa de alumnos con problemas de comprensión lectora supera o 25%.
  • Só o 60% dos mozos menores de 22 anos superaron a ESO.
Acabada de chegar dun Inforensino centrado no futuro (do que espero facer, en canto poida, un balance polo miúdo noutro artigo) e despois de ler as cifras anteriores, dáme a sensación de que moit@s prof@s habitamos un purgatorio inmerecido a medio camiño entre o espazo da web 3.0 e os mundos de Yupi. Mentres, impasibles, vemos pasar polas nosas aulas e tamén fuxir delas, a xeracións de novos analfabetos que só se diferenciarán dos seus bisavós en que eles polo menos si eran conscientes da súa incultura cando os obrigaron a deixar a escola para ir traballar.

Ánimo

2009/11/23

Violencia de xénero


En vésperas do 25 de novembro, ofrézovos o meu blog sobre violencia de xénero.

Trátase dunha creación web con tres grandes obxectivos:

1) Informar sobre a violencia de xénero nas súas múltiples formas.
2) Previr a aparición deste tipo de violencia mediante o coñecemento do seu comportamento e manifestacións.
3) Vehiculizar os dous obxectivos anteriores a través da lingua galega fomentando a súa aprendizaxe e perfeccionamento.

Para achegarse a uns coñecementos mínimos sobre a violencia de xénero deseñouse o apartado 2. Iso da violencia de xénero, onde se pode atopar información sobre o tema desde diversas perspectivas.

Por outro lado creouse unha actividade consistente nunha exposición-concurso de carteis sobre violencia de xénero xa que o cartel é un valioso recurso para propiciar a formación de condutas positivas.

Espero que vos sexa de proveito.

2009/11/19

Catherine Margaret Ashton

A laborista británica Catherine Margaret Ashton, de 53 anos, ata esta tarde comisaria europea de Comercio, vén de se converter na Alta Representante para a Política Exterior da Unión Europea (UE) e vicepresidenta de la Comisión Europea. Que o segundo cargo en responsabilidade na UE estea en mans dunha muller é un novo logro do que nos debemos alegrar, mais non debemos esquecer tampouco que unha das razóns polas que conseguiu o cargo foi a baixísima porcentaxe de mulleres no Consello da Unión Europea. De todos os xeitos, parabéns para Catherine.

E aproveito a ocasión para sinalar unha vez máis a utilidade da Wikipedia como fonte de información privilexiada.

2009/11/12

Haiku

Helena Villar Janeiro:
Obsesión tráxica:
a folla verde soña
coa eternidade.


Eu:
A ocre do chan
que xa viviu o amor
folla verde foi.

(Hoxe en Facebook)