Mostrando postagens com marcador GUÍAS DE LECTURA. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador GUÍAS DE LECTURA. Mostrar todas as postagens

2011/05/11

Lecturas para outras lecturas

Material utilizado no curso Internet na aula de Lingua Galega organizado polo Cefore da Coruña en marzo de 2011.

2010/09/13

Guía de Lectura de Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

Preséntovos hoxe un traballo da miña autoría, a Guía de Lectura de Ás de bolboreta editada por Xerais, a novela coa que Rosa Aneiros gañou a última edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

(Clica na imaxe para ir á guía.)


Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO. 
Poderedes atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital, e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado e pode resultar ser un material moi aproveitable desde o punto de vista da interdisciplinariedade así como tamén ferramenta de traballo para os clubs de lectura.
A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo, non está concibida para realizar todas elas cun único grupo.
Déixovos aquí o mapa:

(Clica na imaxe para agrandar.)
As diferentes historias que cruzan o libro trabállanse por separado. Nas actividades atoparedes aplicacións como Vuvox, utilizadas para a recreación visual das historias e aproveitada ao mesmo tempo para a introdución de novos contidos a través dos enlaces que conteñen as imaxes.

(Clica na imaxe para ver a presentación en Vuvox.)

Ou tamén Ikimap para estudar a xeografía da obra e poder comprobar de forma visual como se reflicte no texto toda a aldea global na que estamos inseridos, entre outras.

(Clica na imaxe para acceder á aplicación.)

Quero agradecerlle a Rosa Aneiros a súa enorme amabilidade e colaboración en todo o que puiden precisar.

Espero que este traballo sexa do voso agrado e agradecerei calquera contribución que me axude a melloralo. Grazas.

2010/06/01

Rosa Salgueiro: Guía de lectura de "Makinaria" de Carlos negro


Rosa Salgueiro, ademais de ser unha magnífica recompiladora de recursos para as aulas de lingua e literatura galegas a través da súa páxina Na punta da lingua, tamén recolle na web traballos de produción propia. A máis recente destas producións é unha guía de lectura de Makinaria, o libro poético de Carlos Negro en formato LIM.
É un material moi atractivo que seguro lle ha de resultar interesante ao alumnado. Contén actividades, digamos máis "clásicas", como identificación da estrutura da obra, de temas e de narradores.  Ao carón  atopamos outras propostas máis frescas e novidosas como aquelas relacionadas con outras artes como a pintura e especialmente coa música que levan a outras formas de ler.
Un núcleo de traballo da guía moi interesante é todo o tratamento que se fai da relación entre  morte, velocidade e alcol. Ofrécenos así unha serie de actividades, onde se aproveita tamén para traballar coa prensa, que convidan ao alumnado a reflexionar sobre o tema pero sen caer no tópico e deixando ao final unha mensaxe esperanzadora e positiva.
Nótase nesta guía que hai detrás un importante traballo de documentación e de selección de materiais que redunda de forma exitosa no produto final.
Preséntase en dúas versións para que cadaquén escolla en función do tempo de que dispoña ou do grao de profundización que lle interese. 
Gozar da paisaxe é a versión completa (40 actividades).
Ir polo atallo é a versión reducida tanto no número de actividades (30) como na súa extensión. Acompáñase tamén dun documento con indicacións técnicas e suxestións didácticas para o seu uso na aula.

Deixo tamén esta entrevista a Carlos Negro da xente de SonCine, realizada durante unha visita do autor ao IES Porto do Son.

Carlos Negro veu ao IES. Escoitamos poemas, lemos poemas, sentimos poemas. Despois armamos unha entrevista. (Na próxima a ver se poñemos trípode).

E non se me ocorre mellor forma para comezar no blog unha sección dedicada a materiais relacionados coa lectura que a referencia a esta guía de Rosa Salgueiro que paga moito a pena.
Arrincamos!

2010/04/11

Guías de lectura

Presentación realizada por Pilar Ponte (A profa) para o obradoiro "Guías de lectura, máis alá do texto. Propostas didácticas" que se desenvolveu dentro das XX Xornadas de Lingua e Literatura da AS-PG e a CIG en Santiago de Compostela en abril de 2010.
Nela poderás atopar:
- Obxectivos da lectura.
- Tipos de guías de lectura.
- Elementos da guía de lectura.
- Na rede (compilación de páxinas na rede onde se poden atopar guías de lectura).