2013/10/31

A guerra dos mundos (75 aniversario)

Hoxe fanse 75 anos da célebre emisión radiofónica de Orson Welles, velaquí a versión orixinal subtitulada en español.


A obra de Jeff Wayne, un imprescindible.


Jeff Wayne - La guerra de los mundos from Tito Toucho on Vimeo.

Documentos TV: La guerra de los mundos.

A guerra dos mundos en Microsiervos.

A guerra dos mundos na Wikipedia española.

2013/10/30

Agustín Fernández Paz a un chío de distancia

 

O alumnado dun dos clubs de lectura da biblioteca do IES Pobra do Caramiñal vén de escoller como primeira lectura este curso O centro do labirinto.

Esta é a novela dos 50 anos de Agustín Fernández Paz, en Sara tamén dá conta das súas "paranoias" persoais :-)

Agustín co seu pin de Prolingua na lapela.

Hoxe o autor confesou no seu Twitter que na escrita deste libro estivo moi presente a lectura do poema "Límites" de Jorge Luis Borges (Arxentina, 1899-1986).

Hay una línea de Verlaine que no volveré a recordar,
Hay una calle próxima que está vedada a mis pasos,
Hay un espejo que me ha visto por última vez,
Hay una puerta que he cerrado hasta el fin del mundo.
Entre los libros de mi biblioteca (estoy viéndolos)
Hay alguno que ya nunca abriré.
Este verano cumpliré cincuenta años;
La muerte me desgasta, incesante.

Jorge Luis Borges en Antología personal (1961), incluido en Antología de la poesía hispanoamericana contemporánea. 1914-1970 (Alianza Editorial, Madrid, 1971, ed. de José Olivio Jiménez).
Vía asamblea de palabras.

Que marabilla vivir esta época na que podes ter as persoas que admiras a un chío* de distancia.
*chío (tuit en galego)

Éxito de Google Glass


2013/10/18

Contos de soños e sombras



Entre o medo e o terror
PILAR PONTE
 
Contos de soños e sombras de Ariza Piñeiro aparece na meritoria colección Alcaián de UrcoEditora, unha aposta por zume novo na arte da palabra. 
 
Este libro de relatos móvenos entre o medo e o terror con finais por veces sorprendentes ao gusto de Dieste (“A rapaza do meu soño”). O soño convértese nun elemento nuclear ao redor do que xiran obsesivamente varias das historias. O mundo do inconsciente é o punto de conexión entre a realidade e o mundo das tebras, a regaña pola que se coan almas que buscan vinganza ou que nos veñen buscar para nos levar canda elas.
Un dos acertos creativos do autor é o seu aproveitamento da nosa traxectoria fílmica, que lle permite aforrar na parte narrativa porque abonda con suxerir para provocar en nós a imaxe impactante, sabedor de que xa ten gravada nos nosos ollos toda unha cinematografía do terror previa. Contribúe tamén a isto a presenza do Ariza guionista, de tal xeito que o diálogo rápido é quen leva todo o peso da trama precipitándonos cara a uns finais fatais (“Xamais voltarei ao pazo”).
Mais non todas as historias son de medo, e así temos “A lenda do pequeno trasno”, unha fermosa metáfora en clave trasno dos mecanismos de represión utilizados polos centros de poder.
Desexamos que Ariza Piñeiro teña unha vizosa carreira literaria e que non se demore en nos ofrecer o seu próximo froito.
ARIZA PIÑEIRO, César: Contos de soños e sombras. Urco Editora. Colección Alcaián. A Coruña, 2012. 208 páxinas.
_____

Este texto foi publicado en outubro 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/10/12

Que ben presta que a unha lle boten flores!

Pois si, por que non dicilo, que ben presta que a unha lle boten flores!
E máis se veñen de alguén a quen admiras polo seu traballo como é o caso. Deixo aquí constancia das frases que Ramón Nicolás me dedica no seu blog.
Porque hai palabras que convén gardar.
Grazas, Moncho.


2013/10/10

Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida

A homenaxe colectiva
PILAR PONTE 

Con Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida realízase un acto de xustiza cun autor do exilio interior, ese exilio moito tempo infravalorado no seu labor de sostén da vida cultural galega durante o período da ditadura franquista.

Na obra, aqueles que tiveron un contacto directo co escritor e xornalista van construíndo o seu perfil biográfico. Atopamos aquí o que o coordinador do volume, o escritor e estudoso Ramón Nicolás, deu en chamar a “causa Lueiro”, un círculo dos afectos ao redor do autor de Fornelos de Montes. É por iso que non cabe falar dun ensaio ao uso, xa que se abandona aquí o estudo distante para sentir que “as lembranzas son difíciles”, como recoñece o fillo do autor, e entramos nese roce pel con pel.
Intervención de Ramón Nicolás na presentación do libro no Grove (Fotografía de Todo Grove).
O volume avanza con estudos sobre a obra da que se ofrecen textos inéditos e chegamos a entender como o contacto coa xente da emigración en Arxentina vai influír no paso do castelán ao galego no autor.
Este libro contén ademais unha homenaxe artística colectiva na que participan máis dunha vintena de autores e autoras de diferentes xeracións creativas con producións que van dende a ilustración ata a poesía e a prosa pasando pola caricatura, completando deste xeito un fermoso mosaico de admiración e solidariedade.


NICOLÁS RODRÍGUEZ, Ramón (Coord.): Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 224 páxinas.
_________

Este texto foi publicado o 10 de outubro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/10/05

"Feminismos" e aprender a estar


PILAR PONTE

Cando vin o filme A onda (2008) de Dennis Gansel que demostra como calquera cidadán democrático é susceptible de ser manipulado para se converter en parte dun sistema ditatorial, pensei que debería ser obrigatorio para todas as persoas o seu visionado para saber estar alerta en democracia. Despois de ler Feminismos, teño unha sensación semellante, a de ter asistido a unha ensinanza fundamental que debería ser compartida e xa non hei esquecer. 


Este volume a catro mans chega a nós grazas á profesora Olga Castro (que nace así de forma exitosa para o ensaio longo despois dunha ampla experiencia en artigos académicos e divulgativos) e á polifacética María Reimóndez (tradutora, ensaísta, novelista, poeta, activista...) que constrúen un ensaio divulgativo rigoroso e ameno que espero teña un longo percorrido lector na nosa sociedade.













A obra estrutúrase en catro grandes bloques de achegamento ao tema. O primeiro deles está dedicado a establecer unhas liñas definitorias mínimas do que podemos considerar feminismos. O segundo bloque dá conta das voces múltiples dos feminismos en Occidente, en Asia ou en África, aquí haberemos de atopar, tamén, un apartado destinado especificamente ao desenvolvemento dos feminismos en Galicia de indispensable lectura, pois estrutura e visibiliza movementos e persoas dende a Idade Media ata os nosos días. O terceiro bloque titulado “Temas planetarios” é especialmente interesante en canto analiza aquelas problemáticas comúns como a violencia de xénero, a maternidade ou a orientación sexual que percorren todo o planeta. O ultimo bloque, “Os feminismos e as disciplinas” ensínanos como os feminismos contribuíron a cambiar as formas de ver e facer nos diferentes ámbitos da cultura, por exemplo no ensino onde están a defender unha escola coeducativa que persegue a pluralidade, a liberdade e a igualdade. Ademais, o libro inclúe un completo índice analítico así como tamén, unha bibliografía recomendada moi actualizada.

Feminismos non só é unha transmisión de datos, é a experiencia de aprender a estar na vida como muller, privativa das mulleres, e porén necesitada tamén dos homes. É a vivencia de se saber pertencente a “esa inmensa revolución pacífica que día a día muda todas as sociedades para facelas máis democráticas”, unha obra que deixa pouso no corazón.

CASTRO, Olga / REIMÓNDEZ, María: Feminismos. Vigo, 2013. 292 páxinas.
_________

Este texto foi publicado en 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2013/10/01

Relacións semánticas

A miña primeira infografía.