Mostrando postagens com marcador Galaxia. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Galaxia. Mostrar todas as postagens

2010/07/12

Nocturnos, como se vai a vida

Como se vai a vida
PILAR PONTE

Segue a medrar chea de saúde a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea da editorial Galaxia que xa supera a vintena de títulos e da que salienta o seu labor de tradución ao galego das voces máis sobranceiras no panorama literario deste noso vello continente. Atopar nunha mesma colección figuras como Andrea Camilleri, Orhan Pamuk, Doris Lessing, Sarah Waters ou Anna Gavalda é todo un luxo que debemos saber apreciar. Entre os novos títulos publicados neste 2010 aparece Nocturnos de Kazuo Ishiguro, un autor que visita por segunda vez a colección, pois xa en 2007 Galaxia publicara do autor a obra Non me deixes nunca.
Ishiguro é un escritor inglés nado en Nagasaki que xa de neno se traslada a Inglaterra. Un tópico recorrente sobre o autor é afirmar que nel conflúen a tradición oriental e o puramente británico, mais como todos sabemos a posibilidade de transmitir sensibilidade non é inherente a unha soa cultura, independentemente de que o autor sexa un magnífico recreador de ambientes como se pode comprobar nesta obra. Fóra do mundo literario o escritor británico é coñecido por lectores e non lectores grazas á adaptación que James Ivory realizou da súa novela O que queda do día (1993), con ese marabilloso mordomo perfecto interpretado por Anthony Hopkins. Despois de publicar seis novelas, agora o autor presenta un libro de relatos, e á vista da redondez das cinco pezas sorprende que se trate do primeiro libro do autor neste xénero e agardamos que non sexa o último.


Nas historias do volume a música adquire protagonismo en si mesma ou por ser a profesión ou vocación dalgunha das personaxes protagonistas mais tamén por ser un elemento que nun momento determinado transporta esas mesmas personaxes a outros momentos da súa vida, sempre máis pracenteiros que o presente. O mérito de Ishiguro é converter casos de fracasos persoais en historias deliciosas de ler onde ademais o autor nos deixa os finais abertos para que reste en nós esa sensación melancólica de que aínda todo pode ocorrer malia que saibamos que non vai ser así.
 Tamén aparece na obra a dicotomía que se produce en calquera manifestación artística entre a vontade creativa do artista, isto é, a súa obra, e a recepción por un público alleo a el do que realmente produce. No primeiro relato, "O baladista", é onde máis polo miúdo se trata este tema chegando á desmitificación do artista.
Nocturnos, cinco contos de música e anoitecida é un volume cun título tremendamente descritivo que non pode enganar a ningún lector porque nel vai atopar xusto o que se promete, nin máis nin menos, e asegúrolles que non é pouco. Esa anoitecida son as vidas das personaxes que decaen como as notas do Nocturno en si bemol menor OP 9 Nº 1 de Chopin... sen estrépito, sen alzar a voz, dun xeito tan natural que nos produce vertixe porque... e se nos pasase a nós? e se xa nos pasou? Podemos dicir que son historias de personaxes fracasadas ou é que ao final a vida non é máis ca iso, un enfrontamento cruel entre as expectativas e a crúa realidade?


ISHIGURO, KAZUO, Nocturnos. Cinco contos de música e anoitecida, Editorial Galaxia, Colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea nº 21, Vigo, 2010, 212 páxinas.

(Este artigo foi publicado o 8 de xullo de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

2010/07/09

Nunca te vin chorar, o prezo da paixón

O prezo da paixón
PILAR PONTE


Houbo un día en que Wilson Valderrama era un home novo, alegre, aventureiro, embriagador e apaixonado ao que todas as vontades se rendían. Pero ás veces a paixón lévanos a onde non debemos e, Wilson Valderrama, coma un home endebedado, pasou o resto da súa vida dedicado a pagar o prezo da súa paixón, ou mellor dito, das súas paixóns. Por un lado a que unha noite o levou a un encontro coa linda Gloria Inés, orquídea raíña de Antioquía, nunha peza abandonada. Por outro, a que o arrastrou unha e outra vez a emprender grandes proxectos que habían de quitar da pobreza os seus compatriotas colombianos. E o grande Wilson pagou unha e outra vez durante o resto da súa vida sen se atrever a afrontar a realidade en ningún dos dous casos. Esta é a miña visión do protagonista de Nunca te vin chorar, a última novela de Miguel Suárez Abel publicada por Editorial Galaxia, pero non se fíen porque, ao mellor, tampouco era así, a fin de contas estamos ante unha novela de mulleres con protagonista masculino.

Nunca te vin chorar é fundamentalmente un tratado sobre a lembranza, sobre o proceso de lembrar en si mesmo e tamén sobre a relatividade coa que a lembranza configura a nosa percepción das cousas co paso do tempo. A novela constrúese así sobre dúas voces de mulleres, a da linda Gloria Inés, que nos fala desde Colombia, e a de Pastora, unha galega de Curtis emigrante en Alemaña e situada no país xermano que ten unha curiosa relación con el. E vai ser a través delas, das súas lembranzas, como nos acheguemos ao personaxe de Wilson agora que vai morrer. Eses recordos corren paralelos ao avanzar biográfico del pero falan delas, de como elas o viviron, de como o interpretaron e, tamén, de como o quixeron cada unha á súa maneira. O autor roubounos a versión de Wilson, decidiu que non poidamos ser simples lectores pasivos e obrigounos á aventura de recrear iso que o conquistador Valderrama cala, a súa verdade, a dura verdade da propia vida á que todos nos temos que enfrontar.

Aparece nesta novela a emigración próxima a Alemaña, a dos últimos trinta anos do século pasado, a que non fixo as américas e conservou casa na aldea, á que lle medraron os fillos alí e xa non puido voltar.

Xa había tempo que o autor non publicaba e non podo achegarme a el sen lembrar felizmente como aló polo ano 1993 a súa novela Sabor a ti introducía con éxito na literatura galega a moitos adultos que nunca leran en galego e que se abraiaban ante a posibilidade de que unha obra na nosa lingua puidese non falar da aldea. O de Arzúa ten manifestado que, coma Rachid Boudjedra, el escribe para non ter frío, pois señor Súarez Abel, deséxolle que pase moito máis frío e non nos teña outros sete anos agardando unha nova obra súa.

SUÁREZ ABEL, MIGUEL, Nunca te vin chorar, Editorial Galaxia, Colección Literaria nº 284, Vigo, 2010, 183 páxinas.

(Este artigo foi publicado o 24 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

2010/04/15

Decímolo ou non o decimos? (1985)

Atopei en flocos.tv esta curta de Manuel Yáñez Castro do ano 1985.


A obra está baseada na historia de Ánxel Fole "¿E decímolo ou non-o decimos?". 

" [...] en 1972 deu á luz o relato urbano ¿E decímolo ou non-o decimos?, nun folleto editado en Lugo por Cartonaxes Anmi, preludiando xa o ciclo de vilas e cidades de Galicia que ambientarían os libros Contos da néboa, publicado por Edicións Castrelos en 1973, e Historias que ninguén cre, ofrecido por Edicións Xerais de Galicia en 1981."

Este texto do autor lugués pódese atopar na obra Historias que ninguén cre (1981), reeditada en 2004 por Galaxia, ou en Ánxel Fole. Obra literaria completa II. Obra en galego (2003), na mesma editorial.

E indo dunha cousa noutra, tamén atopei esta presentación de Xoán Díaz sobre Ánxel Fole.

2009/07/04

A profa no blog de Galaxia



A profa aparece no blog de Galaxia co gallo do post sobre Andrea Ramos Queixas. Grazas.

2009/07/01

Andrea Ramos Queixas

Otero Pedrayo ten unha obra que se titula O libro dos amigos publicada en 1952, dise del que esa obra constitúe ademais dun retrato dos amigos do autor, tamén a propia autobiografía de Otero. Sempre me marabillou ese título, creo que para poder facer un libro que se titule así un ten que ser por forza boa persoa. Os que queremos onda nós defínennos e fan tamén de nós mellores ou peores persoas.
Desde logo, eu estou moi lonxe de Otero, mais levei unha alegría da que quero deixar constancia aquí. Hoxe lin a primeira publicación en web dunha recomendación literaria da miña amiga Andrea Ramos Queixas no blog da editorial Galaxia.


O mérito é para os dous, para ela por saber recomendar e para a editorial por elixir ben as súas recomendadoras.
Deixo imaxes do acontecemento neste blog para podelo lembrar ben cando o espírito o requira.
Parabéns Andrea.

2009/06/13

Eu tamén quero ser optimista

Mentres eu fago quilómetros déixovos para a fin de semana un texto recuperado da muller do momento, Rosa Aneiros, publicado no blog da Editorial Galaxia o 7 de abril de 2009 e que fala do optimismo que necesitamos.
_____


Optimismo
"Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo."
Rosa Aneiros