2010/09/13

Guía de Lectura de Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

Preséntovos hoxe un traballo da miña autoría, a Guía de Lectura de Ás de bolboreta editada por Xerais, a novela coa que Rosa Aneiros gañou a última edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

(Clica na imaxe para ir á guía.)


Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO. 
Poderedes atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital, e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado e pode resultar ser un material moi aproveitable desde o punto de vista da interdisciplinariedade así como tamén ferramenta de traballo para os clubs de lectura.
A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo, non está concibida para realizar todas elas cun único grupo.
Déixovos aquí o mapa:

(Clica na imaxe para agrandar.)
As diferentes historias que cruzan o libro trabállanse por separado. Nas actividades atoparedes aplicacións como Vuvox, utilizadas para a recreación visual das historias e aproveitada ao mesmo tempo para a introdución de novos contidos a través dos enlaces que conteñen as imaxes.

(Clica na imaxe para ver a presentación en Vuvox.)

Ou tamén Ikimap para estudar a xeografía da obra e poder comprobar de forma visual como se reflicte no texto toda a aldea global na que estamos inseridos, entre outras.

(Clica na imaxe para acceder á aplicación.)

Quero agradecerlle a Rosa Aneiros a súa enorme amabilidade e colaboración en todo o que puiden precisar.

Espero que este traballo sexa do voso agrado e agradecerei calquera contribución que me axude a melloralo. Grazas.

5 comentários:

romanlandin disse...

Parabéns, Pilar, vaia traballazo!!! Iso si, obrígasme a ler outra vez a novela pegadiño ao ordenador para ir experimentando polo miúdo estas marabillas que fas.

Saúdos

Xano disse...

É do meu agrado, abofé. Moi boas propostas e cunha presentación inmellorábel. Moitos parabéns.

A marela tarabela disse...

A "estreitura" da miña corte impediume chegar aquí ata hoxe. Certo é que te tiña visto asomar pola nosa bufarra e que me preguntaba: quen é esta á que debo querer? E ben que debo! Canto me gusta este blogue! Graciñas e parabéns.
Polo demais, vexo que nos recompilas enderezos de guías. Non sei se viches na nosa páxina (creo que non as puxemos no blogue)tres guías. Vaia, máis que guías son suxestións de lectura dirixidas ás familias e por iso as imprimimos. Están na páxina do IES "Ramón Mª Aller Ulloa", dentro da Biblioteca, no apartado Boletín.
Non te quero obrigar a nada. Simplemente é un primeiro xeito de che agradecer este teu traballo.
Unha aperta!

Anônimo disse...

Con moita vergonza que teño que dicir que é destes libros que aparquei ao pouco de comezar. Estes días volverei a collelo tal cal unha cativa que na escola llo mandan ler coa sorte de que a súa profe lle fai unha proposta de traballo tan suxestiva como a do libro.
Nasa

Loli disse...

Parabéns moza, non paras de traballar!!! E sempre con tanto gusto e acerto. Grazas por facilitarnos o traballo tantas veces.
bicos.