2013/06/13

Portal das palabras (visita devagar)


Engala o Portal das Palabras.

Hoxe presentouse ao público o Portal das Palabras como froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Como figura na presentación, ten como obxectivos:

"Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

Pois benvido sexa este portal, porque se hai algo que precisamos é de "ferramentas modernas" para ensinar e aprender que promovan o coñecemento e o uso, isto é, que axuden a "normalizar" o galego.
O Portal das palabras conta coas seguintes seccións: 
 
LÉXICO

Dicionario RAG (renovado e ademais incorpora unha utilidade de sinónimos e antónimos, e un sistema de busca avanzada, que permite buscar nas entradas e noutros campos, como as definicións, exemplos, etc. Os autores din que este sistema de busca complexa pode utilizarse tamén como dicionario de rimas, e engado eu, e xa non digamos para traballar a morfoloxía!)

 
Mira que din (observatorio das tendencias máis actuais da lingua, unha das miñas seccións favoritas dende xa!)


Palabra do día (estudo polo miúdo dunha palabra)

Setestrelo (agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra, ideal para os campos semánticos)

Palabras asinadas (un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia, onde por veces a lingua se converte en literatura)


VÍDEOS

Pregúntalle á Academia (un membro da RAG explica temas relacionados co léxico e a norma, pílulas de lingua!)


O mundo en palabras (unha persoa convidada repasa o léxico dun determinado ámbito temático).

XOGOS (vendo as posibilidades de toda a sección xa me emociono!)


Pódese participar en actividades e exercicios de coñecemento e habilidade lingüística dirixidos a públicos de distintas idades e destreza no manexo das palabras (Canto sabes, Dimo con letras, Apunta ben, A ver se das, Verdadeiro ou falso, Opa!, Só unha vale).
 
DIDÁCTICA
educaBarrié (o espazo de comunicación e intercambio de coñecemento da Fundación coa comunidade educativa, propón actividades educativas, tanto nos ámbitos familiar como escolar. Contén unha pequena unidade didáctica de uso do dicionario moi práctica para iniciar o alumnado)

Por certo, se che apetece traballar co uso do dicionario, tamén podes usar o meu JClic O dicionario.

Persoalmente había tempo que non levaba a nivel lingüístico unha alegría coma esta.

* O Portal das palabras aínda garda unha sorpresa máis, as apps do Dicionario para móbiles e tablets con sistema iOS e Android, pero diso falaremos outro día.

2013/05/22

CINZA

O sábado temos unha cita no teatro na Pobra do Caramiñal cunhas actrices de luxo.  
Non faltes!


2013/04/07

Martázul vs. Cincuenta sombras



Como parte do alumnado feminino andaba "fascinado" con esas Cincuenta sombras decidín darlles unha oportunidade aínda que tanto as citas coas que se anuncia como a sinopse xa me facían recuar. Resumindo, só utilizaría algúns fragmentos do comezo de Cincuenta sombras como mostra de recompilación de tópicos sexistas. Onde o ídolo é un "megaempresario, enigmático, moi novo, atractivo, moi atractivo, alto, cun elegantísimo traxe gris, camisa branca e gravata, Adonis, megatriunfador...", non alcanzo máis que a ver unha versión de Pretty woman á que lle engadiron sexo na que a ela só lle resta estar agradecidísima de por vida a ese home superior por se ter fixado nela, unha pobre rapaza que nada merecería da vida máis que estar encerrada nun cuarto lendo libros de historias que nunca lle ían acontecer. Como diría unha alumna miña: Que fuerte!
Iso si, lendo o primeiro volume, que xa a triloxía me parecía sacrificio de máis, tirei un proveito da experiencia: comprobei que no iPad tragas máis rápido un mal libro.
E lembreime dun libro do que gostara moito no seu momento, Martázul de Xosé A. Perozo, Premio Blanco Amor de 2001, unha obra erótica en galego da que se venderan 3.000 exemplares en 26 días e que esgotara axiña a primeira edición. Hoxe podemos descargar de balde o pdf dende o vello Vieiros.
E por se algunha ou algún se anima, e dende o meu máximo respecto polo seu traballo, gustaríame informar os membros da AELG de que o meu alumnado adolescente está constituído por rapaces e rapazas do seu tempo, sans e cun desenvolvemento psicolóxico acorde á súa idade e que non se senten atraídos por protagonistas de novelas xuvenís paspáns e asexuados.
Outro día falaremos da oferta de literatura erótica en galego. 


Nota curiosa e persoal: sobre unha mostra de persoas que coñezo, que por esta altura xa debe andar preto das cen mulleres, só a dúas non lles gustou o libro de Perozo.

2013/04/01

Formatado completo?


Xa lle realizaches ao teu disco externo un formatado completo?
ou precisas do novo Glosario de Termos Esenciais de Arquitectura de Computadores?

Vía CITIUS.

O pasado 14 de marzo presentouse esta obra realizada polos profesores Elisardo Antelo Suárez, do Departamento de Electrónica e Computación, e Xusto Alexandre Rodríguez Ríos, da Área de Terminoloxía - Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Báixaa e úsaa, está aí para ti.