2010/07/21
2010/07/12
Nocturnos, como se vai a vida
Como se vai a vida
Segue a medrar chea de saúde a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea da editorial Galaxia que xa supera a vintena de títulos e da que salienta o seu labor de tradución ao galego das voces máis sobranceiras no panorama literario deste noso vello continente. Atopar nunha mesma colección figuras como Andrea Camilleri, Orhan Pamuk, Doris Lessing, Sarah Waters ou Anna Gavalda é todo un luxo que debemos saber apreciar. Entre os novos títulos publicados neste 2010 aparece Nocturnos de Kazuo Ishiguro, un autor que visita por segunda vez a colección, pois xa en 2007 Galaxia publicara do autor a obra Non me deixes nunca.
Ishiguro é un escritor inglés nado en Nagasaki que xa de neno se traslada a Inglaterra. Un tópico recorrente sobre o autor é afirmar que nel conflúen a tradición oriental e o puramente británico, mais como todos sabemos a posibilidade de transmitir sensibilidade non é inherente a unha soa cultura, independentemente de que o autor sexa un magnífico recreador de ambientes como se pode comprobar nesta obra. Fóra do mundo literario o escritor británico é coñecido por lectores e non lectores grazas á adaptación que James Ivory realizou da súa novela O que queda do día (1993), con ese marabilloso mordomo perfecto interpretado por Anthony Hopkins. Despois de publicar seis novelas, agora o autor presenta un libro de relatos, e á vista da redondez das cinco pezas sorprende que se trate do primeiro libro do autor neste xénero e agardamos que non sexa o último.
Nas historias do volume a música adquire protagonismo en si mesma ou por ser a profesión ou vocación dalgunha das personaxes protagonistas mais tamén por ser un elemento que nun momento determinado transporta esas mesmas personaxes a outros momentos da súa vida, sempre máis pracenteiros que o presente. O mérito de Ishiguro é converter casos de fracasos persoais en historias deliciosas de ler onde ademais o autor nos deixa os finais abertos para que reste en nós esa sensación melancólica de que aínda todo pode ocorrer malia que saibamos que non vai ser así.
Nas historias do volume a música adquire protagonismo en si mesma ou por ser a profesión ou vocación dalgunha das personaxes protagonistas mais tamén por ser un elemento que nun momento determinado transporta esas mesmas personaxes a outros momentos da súa vida, sempre máis pracenteiros que o presente. O mérito de Ishiguro é converter casos de fracasos persoais en historias deliciosas de ler onde ademais o autor nos deixa os finais abertos para que reste en nós esa sensación melancólica de que aínda todo pode ocorrer malia que saibamos que non vai ser así.
Tamén aparece na obra a dicotomía que se produce en calquera manifestación artística entre a vontade creativa do artista, isto é, a súa obra, e a recepción por un público alleo a el do que realmente produce. No primeiro relato, "O baladista", é onde máis polo miúdo se trata este tema chegando á desmitificación do artista.
Nocturnos, cinco contos de música e anoitecida é un volume cun título tremendamente descritivo que non pode enganar a ningún lector porque nel vai atopar xusto o que se promete, nin máis nin menos, e asegúrolles que non é pouco. Esa anoitecida son as vidas das personaxes que decaen como as notas do Nocturno en si bemol menor OP 9 Nº 1 de Chopin... sen estrépito, sen alzar a voz, dun xeito tan natural que nos produce vertixe porque... e se nos pasase a nós? e se xa nos pasou? Podemos dicir que son historias de personaxes fracasadas ou é que ao final a vida non é máis ca iso, un enfrontamento cruel entre as expectativas e a crúa realidade?
ISHIGURO, KAZUO, Nocturnos. Cinco contos de música e anoitecida, Editorial Galaxia, Colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea nº 21, Vigo, 2010, 212 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 8 de xullo de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
(Este artigo foi publicado o 8 de xullo de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
Etiquetas:
Galaxia,
Kazuo Ishiguro,
LECTURAS,
LIBROS,
Nocturnos,
Pilar Ponte,
Producións Propias
2010/07/09
Nunca te vin chorar, o prezo da paixón
O prezo da paixón
PILAR PONTE
Houbo un día en que Wilson Valderrama era un home novo, alegre, aventureiro, embriagador e apaixonado ao que todas as vontades se rendían. Pero ás veces a paixón lévanos a onde non debemos e, Wilson Valderrama, coma un home endebedado, pasou o resto da súa vida dedicado a pagar o prezo da súa paixón, ou mellor dito, das súas paixóns. Por un lado a que unha noite o levou a un encontro coa linda Gloria Inés, orquídea raíña de Antioquía, nunha peza abandonada. Por outro, a que o arrastrou unha e outra vez a emprender grandes proxectos que habían de quitar da pobreza os seus compatriotas colombianos. E o grande Wilson pagou unha e outra vez durante o resto da súa vida sen se atrever a afrontar a realidade en ningún dos dous casos. Esta é a miña visión do protagonista de Nunca te vin chorar, a última novela de Miguel Suárez Abel publicada por Editorial Galaxia, pero non se fíen porque, ao mellor, tampouco era así, a fin de contas estamos ante unha novela de mulleres con protagonista masculino.
Nunca te vin chorar é fundamentalmente un tratado sobre a lembranza, sobre o proceso de lembrar en si mesmo e tamén sobre a relatividade coa que a lembranza configura a nosa percepción das cousas co paso do tempo. A novela constrúese así sobre dúas voces de mulleres, a da linda Gloria Inés, que nos fala desde Colombia, e a de Pastora, unha galega de Curtis emigrante en Alemaña e situada no país xermano que ten unha curiosa relación con el. E vai ser a través delas, das súas lembranzas, como nos acheguemos ao personaxe de Wilson agora que vai morrer. Eses recordos corren paralelos ao avanzar biográfico del pero falan delas, de como elas o viviron, de como o interpretaron e, tamén, de como o quixeron cada unha á súa maneira. O autor roubounos a versión de Wilson, decidiu que non poidamos ser simples lectores pasivos e obrigounos á aventura de recrear iso que o conquistador Valderrama cala, a súa verdade, a dura verdade da propia vida á que todos nos temos que enfrontar.
Aparece nesta novela a emigración próxima a Alemaña, a dos últimos trinta anos do século pasado, a que non fixo as américas e conservou casa na aldea, á que lle medraron os fillos alí e xa non puido voltar.
Xa había tempo que o autor non publicaba e non podo achegarme a el sen lembrar felizmente como aló polo ano 1993 a súa novela Sabor a ti introducía con éxito na literatura galega a moitos adultos que nunca leran en galego e que se abraiaban ante a posibilidade de que unha obra na nosa lingua puidese non falar da aldea. O de Arzúa ten manifestado que, coma Rachid Boudjedra, el escribe para non ter frío, pois señor Súarez Abel, deséxolle que pase moito máis frío e non nos teña outros sete anos agardando unha nova obra súa.
SUÁREZ ABEL, MIGUEL, Nunca te vin chorar, Editorial Galaxia, Colección Literaria nº 284, Vigo, 2010, 183 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 24 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
2010/06/29
Que é un viral?
Hoxe vía Twitter tiven constancia de ver o meu primeiro "viral". É este:
"O concepto marketing viral, e por extensión, "viral" como produto dese tipo de marketing, é un termo empregado para referirse ás técnicas de marketing que intentan explotar redes sociais e outros medios electrónicos para producir incrementos exponenciais en "renome de marca" (Brand Awareness), mediante procesos de autorreplicación viral análogos á expansión dun virus informático. Adoita basearse no boca a boca mediante medios electrónicos; usa o efecto de "rede social" creado por Internet e os modernos servizos de telefonía móbil para chegar a unha gran cantidade de persoas rapidamente." (Adaptado da Wikipedia).
Desde logo neste caso funciona, segundo avanza o vídeo pasas a sorrir para rematar rindo abertamente con independencia da análise da mensaxe do viral en si mesmo.
Desde logo neste caso funciona, segundo avanza o vídeo pasas a sorrir para rematar rindo abertamente con independencia da análise da mensaxe do viral en si mesmo.
2010/06/28
A cripta do apóstolo, misterio no camiño
Misterio no Camiño de Santiago
PILAR PONTE
Hai unhas semanas, a profesora Dolores Vilavedra publicaba un artigo na prensa onde reflexionaba sobre "a escaseza de textos literarios contemporáneos que se inspiren no Camiño de Santiago" e/ou que desenvolvan a temática xacobea, e chamaba a atención sobre o feito de que tivese que ser un autor alófono quen viñese tratar o tema nas nosas letras en referencia a Pere Tobaruela. E isto aínda chama máis a atención se facemos conta de que xa en 1997 fora unha sevillana, Concha López Narváez, a que conseguira un grande éxito cunha novela desta temática, Endrina e o segredo do peregrino, que en 2004 había de editar en galego a editorial Galaxia.
A aposta editorial de Xerais por este Xacobeo 2010, ofrécenos libros que abranguen diversos xéneros, guías, estudos etnográficos e históricos, libros fotográficos, literatura infantil e un título de literatura xuvenil, A cripta do apóstolo, de Pere Tobaruela, unha historia de misterio no Camiño de Santiago.
Parabéns á magnífica montaxe fotográfica que presenta o volume, realizada por Antonio Seijas, que podemos encadrar dentro do grupo das cubertas anticipatorias e a cuxa visión volvemos ao longo da lectura tentando adiviñar o que aínda está por vir.
![]() |
| Fotografía de Pere Tobaruela realizada por Xoán A. Soler. |
Como acontece con outros moitos títulos de Fóra de xogo, a catalogación de literatura xuvenil aquí só serve para nos indicar que aos adolescentes tamén lles pode gustar este libro e non que se trate dunha lectura só para ese tramo de idade. Aínda que non faltan elementos propios do xénero xuvenil: parte dos protagonistas son un grupo de catro amigos de último curso de primaria que realizan desde Somport o camiño de Santiago co seu colexio, a aventura iniciática que supón a peregrinación ou a descuberta do amor adolescente.
O libro divídese en dúas partes de extensión desigual, a primeira titúlase "A Lenda", abrangue aproximadamente cincuenta páxinas, e nela o autor novela a lenda do apóstolo desde as súas orixes ata o nacemento da cidade de Santiago de Compostela. A segunda, titulada "A cripta do apóstolo", constitúe o corpo da novela, e nela ofrécesenos a historia da peregrinación dos catro amigos durante dúas semanas acompañados dun misterioso e enigmático monitor.
Podemos sinalar un grande acerto desta obra fronte a outras do xénero, o seu indubidable carácter didáctico. O importante labor de documentación levado a cabo por este autor barcelonés que xa leva cinco anos entre nós, ten como froito a inclusión no discurso novelesco de moitas das lendas e feitos históricos relacionados con monumentos e personaxes importantes da peregrinación sen sacrificar a frescura da historia.
Unha boa lectura onde poderán atopar unha gran dose de intriga que mediante xogos con anagramas os manterá en vilo ata a última páxina, e non é metáfora.
TOBARUELA, Pere: A cripta do apóstolo. Edicións Xerais de Galicia. Colección Fóra de Xogo nº 130. Vigo. 2010. 333 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 10 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
Assinar:
Postagens (Atom)





