2009/06/09

A min tamén me tocou o Xerais

Si, si, e non estou tola, a min este ano tamén me tocou o Xerais, e ademais en varias ocasións, aínda que iso non o recollerán os papeis.

Un día chamoume o señor Bragado, ese que eu seguía en Brétemas e na Radio Galega, para me ofrecer formar parte do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia.
Logo puiden coñecer a Noli e tamén poñerlle cara amable á voz de Celia coa que tiña falado nalgunha ocasión por teléfono.
Ese mesmo día tiven a oportunidade de participar nun xantar tan exquisito como divertido no castelo de Soutomaior. E alí tamén coñecín a Fran Alonso e a outras e outros que prefiro non nomear por medo a esquecer a alguén.
E chegou a hora do traballo e/ou diversión de intercambiar con Amanda (sempre certeira), Alba (experta en fantasías varias), Mónica (magnífica coincidente) e Verónica (pesquisadora inesgotable) os nosos pareceres e praceres sobre as lecturas con Noli (supersecretario respectuosísimo). E tiven o honor de formar parte dun xurado que lle outorgou o premio Fundación Caixa Galicia 2009 a unha das miñas máis admiradas escritoras, Rosa Aneiros.
Recibín agasallos xa moi queridos que hei conservar moi celosamente (en galego) todo o tempo.
E fixen dúas grandes descubertas: Ana Bande e Mónica Góñez.


Unha romaría de xente diversa iniciamos a travesía mariñeira nun barco festeiro que ofrecía músicas e risos fronte a nubeiros ameazadores.
Gustoulles a nosa proposta e, antes da cerimonia, mesmo deixaron chegar o sol ao paseo dos buxos onde atopei amigos.
E soaron as zanfonas e as voces potentes de Sobre rodas, como habería de ser unha terra na que todos soubesen cantar así?


E presenciei as Oito doas para San Simón de Agustín Fernández Paz alí preto, cada palabra saíndo da súa boca, que parecía que falaba o sentimento dun pobo enteiro.


E cando rematou el, puiden erguerme e, xunto cos demais, ofrecerlle en forma de longo aplauso o respecto, o cariño, a admiración... o agradecemento todo. Unha longa homenaxe coas bágoas da inxustiza de saber que a quen lle correspondería non llo ha de facer como ben merece.
Como ás veces as cousas na vida cadran aínda mellor que na ficción, Jacobo Fernández Serrano recibiu o seu agasallo de aniversario.
E tamén estiven alí cando Rosa Aneiros explicou a súa aposta pola adolescencia e lle dedicou o premio a Agustín Fernández Paz.


Logo escoiteina, A ver Rosita, que conto queres que che conte, o conto do rato chosco ou o conto de Cuba?... e souben que ben merece o premio quen tan fermosamente é quen de recibilio.


E chegou a hora dO Xefe, o noso Celta ascendía, o anuncio da dixitalización dos fondos, os logros acadados, mais un aquel acedo impedíalle o riso grande, non era por menos, o que tiña que dicir non era noticia festeira, foi breve, valente e claro, era necesario, a súa mensaxe tiña que traspasar aquel recinto, saír daquela illa, daquela ría e chegar lonxe, moi lonxe.
Prestaron a empanada, e o polbo, e o xamón, o queixo con marmelo e as roscas.
Puiden visitar “A ILLA”, observala, pisala e ulila en breves pero intensos momentos afastada do bulicio da festa.


E fixen unha viaxe de retorno en barco deliciosa, deixamos atrás a illa, unha lúa enorme e todas as luces da ría para nós no mar. Desexo forte de que aquela travesía tan pracenteira non rematase tan axiña, só un chisco máis, que ao mellor logo non o lembro ben todo.
Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.

5 comentários:

Brétemas disse...

Nós tamén tivemos a fortuna de te coñecer. Amigos para sempre. Abrazos de Manolo.

Ana Bande disse...

Miña Profaaaaa.....vou seguir as túas pegadas aínda que teña que facerme seareira da Panorama! ¡muac!

Serendipia disse...

Pilar, son Amanda!
:)
Vou linkear o meu flickr por aquí tamén...
http://www.flickr.com/vientodeleste
Bueno e voute seguir por aquí que o meu benquerido Rock in Cambre ten que ser a festa do ano!
Espero que leves ben esta volta a realidade, sen as historias anónimas das que disfrutabamos antes e sen esas ganas tremendas (alomenos confeso que pola miña parte) da chegada da reunión seguinte, desexando comentar con vós todo o que pola cabeza se me pasara.

Un biiiico grande, Pilar e... boas festas!!!

Albademadrugada disse...

Gracias polo teu comentario Pilar.
Eu tamén estou por aquí, e como di Amanda, que a volta a realidade non sexa dura, que a experiencia valeu moito, moitísimo a pena. Inesquecible. E non quedarán as historias anónimas pero eu convídote a leer as miñas, que o fago o mellor que podo :D
Engádote a miña lista de ligazóns, unha aperta enorme, leemonos!!
:)

Alfredo Ferreiro disse...

Foi unha alegría atoparvos alí, e se nada o impide sairedes nun vídeo arribando á Illa dos Premios que son Amores, ao estilo camoniano.