2011/01/15

A Muller Lamprea: 1º prexuízo



Xa temos aquí á Muller Lamprea, e a súa loita contra os inmundos monstros: as mentiras e os prexuízos.
A nosa heroína comezará loitando contra ese prexuízo que di que "o mellor sería que só houbese unha lingua, así entenderiámonos todos".
Contra ese prexuízo temos as palabras de Castelao:
"Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
CASTELAO, Sempre en Galiza

* O proxecto da Muller Lamprea é unha idea orixinal da profesora Iria Collazo posta en práctica grazas á colaboración dos departamentos de Dinamización da Lingua Galega e Plástica do IES As Barxas de Moaña.

2 comentários:

Suso Moinhos disse...

Agora ben, podemos e debemos aspirar a que exista unha lingua internacional, coa que poidamos andar polo mundo e entendernos coa xente de todos os pobos. Esta sería unha segunda língua aprendida nas escolas, por acordo entre todos os países; pero -enténdase ben- sería unha lingua auxiliar, aprendida como asignatura. Os homes aspiramos a este ben por lei natural, da mesma maneira que non renunciamos á variedade de idiomas. Ningún traballo nos custaría aprender no tempo escolar unha lingua internacional despois de saber ben a nosa, a materna. Xustamente, este anceio natural e sentido por todos está violado pola teima imperialista dos grandes Estados. Non é dificultoso comprender que o obstáculo para chegarmos ao estabelecemento dunha lingua internacional está producido pola ambición das catro ou cinco linguas que puxan para chegaren á hexemonía cultural do mundo, cuxo anceio vai xunguido ás arelas de predominio, é dicir, de sometemento e escravitude dos pobos endebles.

Castelao, Sempre en Galiza (200 páxinas despois)

Suso Moinhos disse...

"Que pugnan", non "que puxan".