2009/12/09

Materiais na rede para secundaria

O 22 de abril de 2009 creaba o blog Aprendo en galego para dar conta de todo tipo de materiais e iniciativas útiles para aprender que teñan como lingua vehicular o galego. Esta iniciativa non pretendía limitarse ao ensino da lingua e literatura galegas senón que tiña por obxecto calquera materia ou disciplina. A falta de tempo e a dificultade de decidir como estruturar diferentes niveis e materias fixeron que ata hoxe só teña publicadas sete entradas.
Afortunadamente hai uns días xurdiu unha nova iniciativa moito mellor que ese blog que vén da man dos ENDL e ETIC do IES da Pobra do Caramiñal. Trátase da wiki Materiais na rede para secundaria que ten como finalidade realizar unha recompilación colaborativa de calquera material en galego destinado a este tramo educativo referido a calquera contido menos as linguas. A aparición desta wiki e as noticias dun proxecto semellante para as aulas de lingua e literatura fan que desbote o meu proxecto e me sume a esta nova iniciativa convidándovos aos que por aquí pasades a que tamén colaboredes nela e a difundades entre o profesorado que coñezades.

Nenhum comentário: