2011/01/16

Comprar, tirar, comprar


Comprar, tirar, comprar (2010) é un documental emitido recentemente por TVE que estuda o fenómeno da obsolescencia programada.

Falamos de obsolescencia programada para referirnos ao acurtamento da vida dun produto por parte do fabricante co fin de incrementar as vendas obrigando ao usuario a comprar antes do que os avances técnicos permitirían, un fenómeno que se produce desde os anos vinte do pasado século. Este comportamento que dun xeito illado levaría a unha compañía á ruína, está na actualidade dominando o mercado de forma que o usuario acaba convencido de que para seguir a moda é preciso mercar sempre o último. Deste xeito, as persoas convértense en simples consumidores convencidas de que cada vez precisan posuír máis bens para conseguir a felicidade e son conducidas a unha situación de insatisfacción continua.

Podería ser un filme de ficción, mais é un documental que retrata a nosa realidade.

O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer, está producido por Joan Úbeda e Patrice Barrat e para a súa realización foi necesario contar co apoio de Media 3.14, Televisió de Catalunya, ARTE (Francia), Article Z (Francia) e Televisión Española - TVE (España).



COSIMA DANNORITZER: A directora do documental é unha muller alemá que tamén é guionista e que ten traballado para televisións de Alemaña, Reino Unido e España. Dirixiu documentais como Se o lixo puidese falar (TVE, 2003) onde retrata a cidade de Barcelona a través dos seus cubos do lixo ou A amnesia electrónica (TVE, 2006) sobre a forma en que a dixitalización das memorias persoais ameaza a transmisión da información ás xeracións futuras, entre outros traballos.
Link: Encontro dixital coa directora / Nacidos para morrer antes, artigo de opinión de Xosé Manuel Pereiro publicado o día 15/01/2011 / Obsolescencia y entropía, entrada sobre el tema en la web decrecimiento

5 comentários:

Carlos Callón disse...

Moitas grazas pola información. Paréceme utilísimo!

Chousa da Alcandra disse...

Aínda que non debera (todos sospeitamos que iso pasa), eu tamén quedei moi sorprendido cando vin este documental.

Apertas dende a Chousa

farangulha disse...

nós já o vimos em classe (andavamos a voltas com a economia...)

Proida disse...

Profa, eu vino o día que o puxeron na tv e flipei co tema das bombillas! Especialmente con aquela que leva non sei cantos anos alumando!!! O da obsolescencia programada forma parte da base desta economía de mercado capitalista. De feito xa non hai quen encontre case nada que dure... nin roupa, nin as máquinas, nin nada.
O que estaba a pensar o día que vin o documental é que moitas veces lles dicimos aos nenos que "está roto, hai que mercar outro", polo menos eu, cometo o erro de dicilo a cotío. Dende que vin o documental, deixei de facelo e substituíno por un " hai que arranxalo, que está estragado".
Saúdos.

A profa disse...

Alégrame que vos gustase. Saúdos.