Hai case dous meses publicaba
Arume dos piñeiros un acertado comentario sobre a diverxencia entre o privado e o público entre algunhas das nosas sobranceiras personaxes e estoutro día saía o mesmo tema nunha conversa de recreo en sala de profes.
Tampouco eu son quen de dar nomes, sobre todo porque nalgúns dos casos só falo de oídas e non se debe dicir por detrás o que un non é quen de manter á cara. Sendo isto así, non quita que me entre unha mestura de carraxe e tristeza cando vexo que XXX pasa amplamente do seu traballo de docente porque está demasiado ocupad@ coas súas columnas xornalísticas, publicacións, intervencións televisivas, investigacións universitarias, creacións literarias, asistencia a actos lúdicofestivos diversos... en definitiva, en atender todo iso do aparello cultural, e cobre as súas costas dando aprobados xerais que manteñen calado o persoal.
E XXX podería dicirme que é tan mal docente como o de física, ou a de matemáticas e non debe máis explicacións que aqueles. E tería unha parte de razón, pero, aínda que non o queira, é diferente a eles, xa que a súa posición pública converte o seu comportamento nun modelo xeneralizable da cultura á que representa. É o que hai, e nese sentido ao mellor algún e algunha farían mellor pola nosa cultura creando algo menos e aplicándose un chisco máis niso que, ao cabo e ao remate, lles dá de comer.