2011/04/19

Convocatoria de concesión de premios ao profesorado que desenvolva novos contidos educativos dixitais

Veña, presenta esas cousas tan interesantes que fas cos teus alumnos!!!

(Imaxe de Daquella manera)
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ven de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de premios ao profesorado que desenvolva novos contidos educativos dixitais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (procedemento administrativo PR522B).
No marco do programa de Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 200.000 euros a premios para profesores que desenvolvan novos contidos educativos dixitais.
A presente actuación enmárcanse na estratexia do Proxecto ABALAR, que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Os profesores galegos poderán optar este ano a uns premios sobre o desenvolvemento de novos contidos educativos con entidade dixital. Estes contidos, accesibles mediante medios electrónicos e interactivos, referiranse a algunha das seguintes modalidades: 

5º e 6º de Educación Primaria:
  • Modalidade 1: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural
  • Modalidade 2: Lingua Galega e Literatura
  • Modalidade 3: Matemáticas ou Educación Física
  • Modalidade 4: Plástica.
1º e 2º de Educación Secundaria:
  • Modalidade 1: Ciencias Sociais
  • Modalidade 2: Xeografía e Historia
  • Modalidade 3: Ciencias da Natureza
  • Modalidade 4: Educación Plástica e Visual
  • Modalidade 5: Lingua Galega e Literatura
  • Modalidade 6: Lingua Castelá e Literatura
Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.
Os formularios de solicitude pódense cubrir e obter por vía telemática ata as 14 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes na seguinte páxina:
http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons=PR&cod_proc=522B
O prazo de presentación remata o día 6 de maio de 2011, inclusive.
Máis información aquí.

2011/04/11

Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia, envíalla ti tamén

Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.