2010/09/29

Contra o recorte de dereitos das traballadoras e traballadores

Durante a xornada do día 29 este blog permanecerá inactivo en apoio á folga xeral.

2010/09/13

Guía de Lectura de Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

Preséntovos hoxe un traballo da miña autoría, a Guía de Lectura de Ás de bolboreta editada por Xerais, a novela coa que Rosa Aneiros gañou a última edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

(Clica na imaxe para ir á guía.)


Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO. 
Poderedes atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital, e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado e pode resultar ser un material moi aproveitable desde o punto de vista da interdisciplinariedade así como tamén ferramenta de traballo para os clubs de lectura.
A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo, non está concibida para realizar todas elas cun único grupo.
Déixovos aquí o mapa:

(Clica na imaxe para agrandar.)
As diferentes historias que cruzan o libro trabállanse por separado. Nas actividades atoparedes aplicacións como Vuvox, utilizadas para a recreación visual das historias e aproveitada ao mesmo tempo para a introdución de novos contidos a través dos enlaces que conteñen as imaxes.

(Clica na imaxe para ver a presentación en Vuvox.)

Ou tamén Ikimap para estudar a xeografía da obra e poder comprobar de forma visual como se reflicte no texto toda a aldea global na que estamos inseridos, entre outras.

(Clica na imaxe para acceder á aplicación.)

Quero agradecerlle a Rosa Aneiros a súa enorme amabilidade e colaboración en todo o que puiden precisar.

Espero que este traballo sexa do voso agrado e agradecerei calquera contribución que me axude a melloralo. Grazas.

8 Estratexias de comprensión de textos literarios

Presentación de Caderno de Cores que ofrece 8 estratexias exemplificadas de comprensión de textos literarios.
As máis novidosas para min son a conversa escrita cunha personaxe e o sociograma.

2010/09/10

Os hits dunha década do blog As Gabarras


Alá no mes de xuño a xente do ENDL do IES Breamo realizou unha actividade consistente en votacións para coñecer os temas favoritos da música galega desta última década, a primeira do século XXI, entre o seu alumnado. Despois das vacacións retomamos toda esa música para nos alegrar o corazón.
Velaquí os primeiros clasificados:
1. A festa non vai parar de Dj Son1c (2008)
2. GZ vs Sementar Sementarei de Sonico dB feat. Fredo (2002)
3. Apagha a tele de Dios Ke Te Crew (2006)
4. Pardeconde de Gran Purismo (2007)
5. Herdeiros da ditadura de Dios Ke Te Crew (2006)
6. Escola hip-hop de Puto Coque e Wöyza (2007)
7. Ninguén de Dios Ke Te Crew e Quempallou (2007)
8. Galicia es una mierda de Ataque Escampe (2008)
9. O merengue do porquiño de Joselito (2009)
10. Deitado frente ao mar de Dios Ke Te Crew (2006)

Máis información no blog As Gabarras.

2010/09/09

Os medios en galego interesan?

Os medios en galego importan, si, pero, os medios en galego interesan? 
Interésanlles aos seus lectores e lectoras o suficiente como para os faceren rendibles economicamente?
Cantas publicacións en galego de diferentes temáticas están a piques de desaparecer?
Fóra das axudas institucionais hai vida posible para os medios? E para os medios en galego?
Nunca foron tan lidos, redes sociais, webs e blogs dan conta das súas informacións coma nunca a cambio de nada ou case nada (que é o que sacan da publicidade que conteñen).
E todos si, con moita pena, pero sen poñer un euro.
O que se precisa son militantes da lingua, persoas concienciadas e implicadas na defensa do galego conscientes do valor que poden ter para o idioma os euros que ata agora se gastaban noutras cousas. Noutrora existiu esa militancia, a cuestión é, existen eses militantes da lingua hoxe?

2010/09/08

Censura dixital nas aulas


"Un instrumento básico para que el aula virtual funcione es la conexión a internet a la que han de tener acceso mis alumnos. Sin embargo, la clave digital con que contarán para conectarse al wifi del instituto restringe radicalmente su acceso a la red. Imagino que velando por que no accedan en clase a páginas no adecuadas o de entretenimiento, se limita totalmente su uso del mundo de los blogs y los wikis en los que no pueden dejar comentarios ni intervenir; del mismo modo su acceso a youtube, twitter, facebook está igualmente cerrado. Pero no sólo esto sino que muchos de los enlaces educativos que se pueden obtener a través de Google (Earth, Maps, documentos, grupos de discusión, blogs de redes educativas, correo electrónico de gmail u otros) están severamente restringidos o totalmente inhabilitados porque se justifica que no son "educativos" por parte de la administración pública catalana (Departament d'Educació)."
Vía Profesor en la secundaria. (Recomendo a lectura da entrada completa)

E será igual aquí? Espero que non.

2010/09/07

Os medios en galego importan

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un tras doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tomen a decisión de axudar aos medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos. 
Para asinar este manifesto da iniciativa Os medios en galego importan, aquí.