Mostrando postagens com marcador Premios Xerais. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Premios Xerais. Mostrar todas as postagens

2015/10/11

«De remate». «En memoria de Bieito Sanmarful» (booktrailer)


Nunca un booktrailer me deixara tan impresionada. Chega dende Brétemas este pequeno documental, non me atrevo a cualificalo de propagandístico, da novela gañadora do Premio Xerais deste ano, De remate, de Héctor Cajaraville. Parabéns a estes non actores que nos conquistan para a lectura sen que poidamos ofrecer a menor resistencia. Sinxelamente marabilloso!

2010/06/13

Premios Xerais 2010 en 23 fotos

Encontro de xeracións creativas.
Resumo en 23 fotos da celebración dos Premios Xerais 2010.

Premios Xerais 2010 en 10 impresións

1. Conmemoración dos 25 anos do Premio Merlín, a través de diferentes intervencións Celia Torres realizou un repaso pola historia do premio.

2. Fina Casalderrey, Chove prata en San Simón, discurso ameno dirixido a Merlín, o mago dos magos, que personifica esa evolución do Premio Merlín. Fermoso e con moi acertadas reflexións sobre a LIX (literatura infantil e xuvenil).


"...recorremos á infancia cando nos queremos poñer transcendentes e, logo, temos por pueril o que ten relación directa con ela.
Quizais, se nos acheásemos á LIX sen prexuízos, esta podería conquistar a independencia necesaria para se desenvolver en plenitude e non estaría tan subordinada á escola; mentres, o que me dita o mago que me asiste é que aproveite para manifestar a miña gratitude ao profesorado porque son elas e eles, os ensinantes, quen están a mitigar a invisibilidade desta literatura."



3 Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín.





4 Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela, pódela ver aquí opinando sobre as súas influencias no Encontro de Nov@s Escritores da AELG en 2009 e aquí recitando no Verbum.





5 A estreliña do luceiro que interpretou o grupo Os alegres da Buraca de Chapela (Redondela).

Parte dos integrantes do grupo Os alegres da Buraca.
 6 Manuel Bragado renuncia a facer unha análise da situación actual e aposta polas bondades de podeer gozar dunha festa dos libros e d@s escritor@s.



7 Este ano quedamos sen Premio de Literatura Xuvenil, esperemos que coa nova fusión das caixas galegas, en 2011 sexa recuperado.

8 Emocionante a fotografía de varios gañadores do Merlín, desde Palmira González Boullosa a Jacobo Fernández Serrano (gañadora do ano 1987) a (gañador 2009).



Foto conmemorativa da XXVª edición do Premio Merlín. Illa de san Simón, 12 de xuño de 2010. Algúns dos autores e autoras que obtiveron o Premio Merlín. Atrás, de esquerda a dereita: Jacobo Fernández Serrano (Mil cousas poden pasar, 2009), Helena Pérez (secretaria do xurado), Gloria Sánchez (Fafarraios, 1990), An Alfaia (¡Sireno, Sireno!, 1997), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico, 1994), Antonio García Teijeiro (Na fogueira dos versos, 1996), Mar Guerra (Xenaro e o misterio da mochila verde, 2008), Fina Casalderrey (Dúas báboas por Máquina, 1991), Ramón Caride (Perigo vexetal, 1995). Sentados, de esquerda a dereita: Carlos López (Minimaladas, 2007), Palmira González Boullosa (A princesa Lúa e o enigma de Kián, 1987), Agustín Fernández Paz (As flores radioactivas, 1989) e Teresa González Costa (A filla do ladrón de bicicletas, 2010). [Texto vía Xerais]

9 Vicios da ría para o padal: a empanada de choco e o salpicón.

10 O paseo en barco de volta moi breve, brevísimo, ás veces a terra firme debía estar lonxe, moito máis lonxe.
Palabras de Chove prata en San Simón de Fina Casalderrey que aínda ecoan na ría:

"Merlín, ti que coñeces os segredos dos silencios, pinta con tinta permanente a fala que herdamos dos nosos devanceiros para que ninguén nos borre, en calquera recuncho do planeta no que nos atopemos, a luz retroactiva da memoria e así poidamos seguir aprehendendo e soñando o mundo."

2009/06/13

Eu tamén quero ser optimista

Mentres eu fago quilómetros déixovos para a fin de semana un texto recuperado da muller do momento, Rosa Aneiros, publicado no blog da Editorial Galaxia o 7 de abril de 2009 e que fala do optimismo que necesitamos.
_____


Optimismo
"Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo."
Rosa Aneiros

2009/06/09

A profa en Brétemas e no blog de Xerais

Tras os Premios Xerais, seguimos na rede e este blog aparece citado tanto en Brétemas como no blog de Xerais.

A min tamén me tocou o Xerais

Si, si, e non estou tola, a min este ano tamén me tocou o Xerais, e ademais en varias ocasións, aínda que iso non o recollerán os papeis.

Un día chamoume o señor Bragado, ese que eu seguía en Brétemas e na Radio Galega, para me ofrecer formar parte do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia.
Logo puiden coñecer a Noli e tamén poñerlle cara amable á voz de Celia coa que tiña falado nalgunha ocasión por teléfono.
Ese mesmo día tiven a oportunidade de participar nun xantar tan exquisito como divertido no castelo de Soutomaior. E alí tamén coñecín a Fran Alonso e a outras e outros que prefiro non nomear por medo a esquecer a alguén.
E chegou a hora do traballo e/ou diversión de intercambiar con Amanda (sempre certeira), Alba (experta en fantasías varias), Mónica (magnífica coincidente) e Verónica (pesquisadora inesgotable) os nosos pareceres e praceres sobre as lecturas con Noli (supersecretario respectuosísimo). E tiven o honor de formar parte dun xurado que lle outorgou o premio Fundación Caixa Galicia 2009 a unha das miñas máis admiradas escritoras, Rosa Aneiros.
Recibín agasallos xa moi queridos que hei conservar moi celosamente (en galego) todo o tempo.
E fixen dúas grandes descubertas: Ana Bande e Mónica Góñez.


Unha romaría de xente diversa iniciamos a travesía mariñeira nun barco festeiro que ofrecía músicas e risos fronte a nubeiros ameazadores.
Gustoulles a nosa proposta e, antes da cerimonia, mesmo deixaron chegar o sol ao paseo dos buxos onde atopei amigos.
E soaron as zanfonas e as voces potentes de Sobre rodas, como habería de ser unha terra na que todos soubesen cantar así?


E presenciei as Oito doas para San Simón de Agustín Fernández Paz alí preto, cada palabra saíndo da súa boca, que parecía que falaba o sentimento dun pobo enteiro.


E cando rematou el, puiden erguerme e, xunto cos demais, ofrecerlle en forma de longo aplauso o respecto, o cariño, a admiración... o agradecemento todo. Unha longa homenaxe coas bágoas da inxustiza de saber que a quen lle correspondería non llo ha de facer como ben merece.
Como ás veces as cousas na vida cadran aínda mellor que na ficción, Jacobo Fernández Serrano recibiu o seu agasallo de aniversario.
E tamén estiven alí cando Rosa Aneiros explicou a súa aposta pola adolescencia e lle dedicou o premio a Agustín Fernández Paz.


Logo escoiteina, A ver Rosita, que conto queres que che conte, o conto do rato chosco ou o conto de Cuba?... e souben que ben merece o premio quen tan fermosamente é quen de recibilio.


E chegou a hora dO Xefe, o noso Celta ascendía, o anuncio da dixitalización dos fondos, os logros acadados, mais un aquel acedo impedíalle o riso grande, non era por menos, o que tiña que dicir non era noticia festeira, foi breve, valente e claro, era necesario, a súa mensaxe tiña que traspasar aquel recinto, saír daquela illa, daquela ría e chegar lonxe, moi lonxe.
Prestaron a empanada, e o polbo, e o xamón, o queixo con marmelo e as roscas.
Puiden visitar “A ILLA”, observala, pisala e ulila en breves pero intensos momentos afastada do bulicio da festa.


E fixen unha viaxe de retorno en barco deliciosa, deixamos atrás a illa, unha lúa enorme e todas as luces da ría para nós no mar. Desexo forte de que aquela travesía tan pracenteira non rematase tan axiña, só un chisco máis, que ao mellor logo non o lembro ben todo.
Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.