Mostrando postagens com marcador patrimonio. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador patrimonio. Mostrar todas as postagens

2009/07/11

Luís Villares Naveira 02

Vídeo da segunda parte da intervención do xuíz Luís Villares Naveira na presentación do volume colectivo Sobre o racismo lingüístico (Edicións Laiovento) o 9 de xullo de 2009 no Paraninfo da Universidade da Coruña.
Podo dicir que son moi clarificadoras as súas palabras sobre a legalidade e lexitimidade de moitos acontecementos actuais relacionados coa nosa lingua e ofrece unha explicación moi clariña do que é normalización.



2009/07/10

Luís Villares Naveira

Primeira parte da intervención do xuíz Luís Villares Naveira na presentación do volume colectivo Sobre o racismo lingüístico (Edicións Laiovento) o 9 de xullo de 2009 no Paraninfo da Universidade da Coruña.
Podo dicir que son moi clarificadoras as súas palabras sobre a legalidade e lexitimidade de moitos acontecementos actuais relacionados coa nosa lingua.

2009/07/09

GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Baixo este lema, o 2 de xullo presentouse na rede unha nova iniciativa cidadá na defensa da lingua propia de Galicia. Entrando na páxina do mesmo nome pódese ler e apoiar este manifesto:


Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara á súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e información.

Se queres deixar constancia da túa adhesión pública ao manifesto, lembra que podes facelo en GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

Máis información en: Vieiros (2/07/2009)

Esta entrada está copiada e pegada desta páxina do blog As Gabarras.

2009/05/17

Manifestación pola lingua 20090517


Resumo fotográfico da manifestación de Santiago de hoxe, se queres ver as fotos en grande ou con calma preme aquí.

2009/03/12

Patrimonio Cultural Galego

A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha Patrimonio.org, a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.

A web nace coas fichas de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais.

Cada ficha incorpora unha descrición do ben, con información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Achégase ademais información práctica sobre a súa localización a través das coordenadas e da súa posición nun mapa. As fichas de bens patrimoniais están en continua actualización, polo que a diario iranse incorporando novos elementos patrimoniais á web. Desde Patrimonio.org pódense enviar por Internet como postais as imaxes dos elementos patrimoniais presentes nas fichas.

Para facilitar a busca dos elementos do noso patrimonio cultural, a web incorpora un buscador que permite localizalos atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

A web reserva un espazo para rutas culturais. Trátase de propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados. As rutas están pensadas para ser descargadas como PDF e acompañar aos viaxeiros, ademais de poder descargar a ruta en formato GPS.

Actualidade e información práctica

Ademais das fichas dos xacementos, museos, arquivos e monumentos, Patrimonio.org constitúese como centro de recursos na Rede para achegarse á actualidade e acceder a información práctica sobre o patrimonio cultural de Galiza. A web incorpora as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.

A web conta cun apartado dedicado ao marco normativo, no que se pode descargar a lexislación galega do patrimonio cultural. Pódense descargar tamén publicacións da Consellaría de Cultura e vídeos sobre o patrimonio. Outro apartado está dirixido aos escolares, con información sobre patrimonio deseñada para público infantil, xunto con unidades didácticas pensadas para os diferentes niveis educativos.

Estiven botándolle unha ollada e segundo vaian engadindo máis fichas creo que vai acabar por ser unha desas páxinas que sempre están á man.