Mostrando postagens com marcador Rosa Aneiros. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Rosa Aneiros. Mostrar todas as postagens

2014/01/17

Ámote Leo A. - Destino xalundes

LEO NON É BARBIE
Pilar Ponte


Prefiro espirme dende un comezo e confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi por iso para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes, e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.
E comezas a ler e convérteste en Leo, nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos, e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e, sobre todo, aprenderás de ti.
Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós que no seu momento non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun Ken.
Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas desexarás ter rematado este curso a carreira.
Algúns xa estamos preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular Destino xalundes con Leo A.

Este texto foi publicado o xoves 12 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2012/05/27

Caramiña creativa 2012



Mañá no IES da Pobra temos o luxo de contar con catro artistas das nosas letras para que reflexionen connosco sobre a creatividade desde diferentes perspectivas.

Uxía Casal ofrecerá unha visión da creatividade en xeral.
Antón Riveiro Coello falará da especificidade da creatividade literaria.
Rosa Aneiros responderanos a preguntas como: De onde nacen as historias?  ou se estas se buscan ou veñen?
Marcos Calveiro realizará unha reflexión sobre principio e final.

En nome do EDLG do IES e no meu propio gustaríame agradecerlles publicamente a súa xenerosidade por compartir connosco de xeito desinteresado tanto o seu tempo como o seu traballo.

2010/09/13

Guía de Lectura de Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

Preséntovos hoxe un traballo da miña autoría, a Guía de Lectura de Ás de bolboreta editada por Xerais, a novela coa que Rosa Aneiros gañou a última edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

(Clica na imaxe para ir á guía.)


Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO. 
Poderedes atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital, e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado e pode resultar ser un material moi aproveitable desde o punto de vista da interdisciplinariedade así como tamén ferramenta de traballo para os clubs de lectura.
A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo, non está concibida para realizar todas elas cun único grupo.
Déixovos aquí o mapa:

(Clica na imaxe para agrandar.)
As diferentes historias que cruzan o libro trabállanse por separado. Nas actividades atoparedes aplicacións como Vuvox, utilizadas para a recreación visual das historias e aproveitada ao mesmo tempo para a introdución de novos contidos a través dos enlaces que conteñen as imaxes.

(Clica na imaxe para ver a presentación en Vuvox.)

Ou tamén Ikimap para estudar a xeografía da obra e poder comprobar de forma visual como se reflicte no texto toda a aldea global na que estamos inseridos, entre outras.

(Clica na imaxe para acceder á aplicación.)

Quero agradecerlle a Rosa Aneiros a súa enorme amabilidade e colaboración en todo o que puiden precisar.

Espero que este traballo sexa do voso agrado e agradecerei calquera contribución que me axude a melloralo. Grazas.

2010/05/24

Sobre Ás de bolboreta de Rosa Aneiros

 
Lin con moita atención esta crítica en Trafegando ronseis de Gracia sobre Ás de bolboreta de Rosa Aneiros e non concordo en absoluto. É máis, creo que algúns dos méritos da obra son os que alí se sinalan como defectos.
É un retrato da globalización onde non hai máis fío argumental que O Luzada, o universo-bar onde conflúen as personaxes, porque non se precisa que o haxa, non é unha historia senón un cruzamento delas.
No haber da obra sinalaría esa esixencia dun lector activo do que se require que pense, relacione e deduza, unha característica que se perdería se a autora optase por unha disposición lineal das historias, que están organizadas sen fendas narrativas nun encaixe meritorio que ademais permite diferentes niveis de lectura segundo a preparación de cada lector.
Outro acerto, desde o meu punto de vista é esa falta de intromisión autorial deixando que coñezamos as personaxes a través das súas propias palabras, cun traballo dos diferentes rexistros lingüísticos que poucas veces vin, velaí simplemente as parellas do avó Manuel e o neto, ou Milhomes e Paco.
En canto á amabilidade temática, eu máis ben falaría dunha "aparente amabilidade" porque todas as historias da novela son bastante crúas e nalgún caso mesmo desgarradoras.
En definitiva, lamento que non lle gustase unha obra da que eu gocei enormemente e da que, ao traballar logo con ela, aínda gocei maís.

2009/06/13

Eu tamén quero ser optimista

Mentres eu fago quilómetros déixovos para a fin de semana un texto recuperado da muller do momento, Rosa Aneiros, publicado no blog da Editorial Galaxia o 7 de abril de 2009 e que fala do optimismo que necesitamos.
_____


Optimismo
"Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo."
Rosa Aneiros