2009/12/31

Feliz 2010!

Música de esperanza para 2010 con Roi Casal.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.
Feliz ano para tod@s vós.

2009/12/12

Motorola non connected with the Galician



Ningún teléfono Motorola ten opción galego na escolla de idioma. Recibín confirmación oficial a través de correo electrónico tras realizar a consulta ao seu servizo de atención ao cliente.
Síntoo por eles.
Motorola does not connect with me

2009/12/09

Materiais na rede para secundaria

O 22 de abril de 2009 creaba o blog Aprendo en galego para dar conta de todo tipo de materiais e iniciativas útiles para aprender que teñan como lingua vehicular o galego. Esta iniciativa non pretendía limitarse ao ensino da lingua e literatura galegas senón que tiña por obxecto calquera materia ou disciplina. A falta de tempo e a dificultade de decidir como estruturar diferentes niveis e materias fixeron que ata hoxe só teña publicadas sete entradas.
Afortunadamente hai uns días xurdiu unha nova iniciativa moito mellor que ese blog que vén da man dos ENDL e ETIC do IES da Pobra do Caramiñal. Trátase da wiki Materiais na rede para secundaria que ten como finalidade realizar unha recompilación colaborativa de calquera material en galego destinado a este tramo educativo referido a calquera contido menos as linguas. A aparición desta wiki e as noticias dun proxecto semellante para as aulas de lingua e literatura fan que desbote o meu proxecto e me sume a esta nova iniciativa convidándovos aos que por aquí pasades a que tamén colaboredes nela e a difundades entre o profesorado que coñezades.

2009/12/05

Imaxe da semana na Galipedia

Xa sei que non é nada modesto pero deume moita fachenda entrar hoxe na Galipedia e ver que unha foto miña estaba destacada como imaxe da semana.

2009/12/03

As wikis como recurso didáctico

O Instituto de Tecnoloxías Educativas do Ministerio de Educación do Goberno de España crea a wiki WIKI2 para escribir documentación en español sobre o emprego das wikis no ámbito educativo (Eduwikis).


Ao fío desta páxina, déixovos estas dúas presentacións que atopei hoxe vía dasava no Twitter, están moi ben e moi clariñas para os que non temos nin idea.



2009/12/02

Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais na Internet

Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía Sustentable de modificacións lexislativas que afectan ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través da internet, os xornalistas, bloggers, usuarios, profesionais e creadores da internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que:

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de lles impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación vai crear inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e demorando aínda máis a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Coa internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias das obras e na internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se adecúen aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolverlle á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse despois do oportuno debate público e tendo consultado previamente a todas as partes implicadas. Non parece democrático que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia. Por favor difunde este manifesto no teu blog, Twitter, en redes sociais, en foros ou imprímeo e repárteo.

2009/12/01

Web 2.0 en galego desde o IES da Pobra do Caramiñal

A xente do ENDL do IES da Pobra do Caramiñal, que tan ben acostumados nos teñen aos seus produtos de calidade, publican hoxe no seu blog Dinamiza Caramiñal unha magnífica presentación sobre as aplicacións de web 2.0 en galego. E eu non me resisto e pégoa aquí.