2010/11/21

PLANETAKI PROF@S GALEG@S

Se as bibliotecas escolares e os clubs de lectura teñen os seus Planetakis por que non ter nós, as profesoras e profesores o noso propio Planetaki que nos permita estar ao tanto dun xeito rápido e efectivo do que están a facer os nosos compañeiros e compañeiras nas súas páxinas.


Se es profesora ou profesor ou te moves neste mundo, súmate ao Planetaki PROF@S GALEG@S enviando o enderezo do teu espazo ao email pilarponte.ensino@gmail.com.

2010/11/20

Conclusións do VII Simposio o Libro e a Lectura


Esta semana desenvolveuse en Compostela o VII edición do Simposio o Libro e a Lectura organizado pola Asociación Galega de Editores e que nesta ocasión se centraba no tema O fomento da lectura: unha fronteira para o libro
Recollo aquí as conclusións publicadas (os salientados son meus).

CONCLUSIÓNS
1) A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.
2) O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.
3) É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.
4) Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.
5) Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.
6) Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.
7) As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.
8) No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.
9) O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consomen presupostos desmesurados.
10) A AGE expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.

Santiago de Compostela, venres 19 de novembro de 2010

____
Lamentablemente non puiden asistir, e non foi por falta de ganas, se estiveches alí, anímate e déixanos as túas impresións nos comentarios desta entrada.

Vía Brétemas.

2010/11/18

3 anos da Profa


Moitísimas grazas polo voso interese e amabilidade.

2010/11/17

Campaña informativa?

Alguén sabe cales son os novos valores do sistema de ensinanza non universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia? 
Se non o sabe, non se preocupe, a Xunta acaba de adxudicar unha "campaña informativa" para que o saibamos polo módico prezo de tan só 950.000 euros!!!
Non quero nin pensar a de cousas que se poderían facer nos centros con eses cartos!


Reproduzo de seguido o publicado no DOG.
Diario Oficial de Galicia
mércores, 17 de novembro de 2010


VI. ANUNCIOS



Número do Dog:
221


Páxina do Dog:
18.765


Data da Disposición:
21 de outubro de 2010


Sección:
VI. ANUNCIOS. DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA


Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:
Resolución


Título:
Resolución do 21 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo.
Resolución do 21 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo.
En cumprimento do disposto no artigo 138º.2 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, faise pública a adxudicación do seguinte contrato:
Servizo para a elaboración da campaña informativa de divulgación dos novos valores do sistema de ensinanza non universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia:

Lote 1: creatividade, produción e accións especiais.
Lote 2: estratexia, planificación de medios e execución da publicidade.
1. Entidade adxudicadora.
a) Organismo: Secretaría Xeral de Medios.
b) Dependencia que tramita o expediente: Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais.

c) Boletín ou diario oficial e data de publicación do anuncio de licitación: Diario Oficial de Galicia nº 148, do 4 de agosto de 2010.
2. Orzamento base de licitación: 950.000 euros (IVE incluído).
-Lote 1: 200.000 euros (IVE incluído).
-Lote 2: 750.000 euros (IVE incluído).
3. Adxudicación lote 1.
a) Data: 14 de outubro de 2010.

b) Contratista: Grupo BAP & CONDE, S.A.
c) Importe da adxudicación: 194.989 euros (IVE incluído).
4. Adxudicación lote 2.
d) Data: 14 de outubro de 2010.
e) Contratista: Grupo BAP & CONDE, S.A.
f) Importe da adxudicación: 750.000 euros (IVE incluído).


Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2010.

Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios

2010/11/16

A coherencia de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras 2010

Clica na imaxe para vela ampliada.
Parabéns a Agustín Fernández Paz pola súa valía incuestionable como creador e pola súa coherencia persoal.

Estas son as razóns expostas na páxina web de Prolingua, que levan ao autor a esta decisión. 
Rosalía de Castro nunca aceptaría ese “premio”

Chamamento a todas as persoas que traballan nos diversos ámbitos da cultura galega
Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.
Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.
Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.
En Santiago de Compostela, o 8 de outubro de 2010

2010/11/08

PROLINGUA CIBERACTÚA: Gas Natural Fenosa


ProLingua, plataforma pola defensa e promoción da lingua galega, comeza unha campaña, baixo o epígrafe de ProLingua Ciberactúa. A cousa consiste no envío masivo de cartas ou mails a institucións ou empresas que discriminan claramente o galego. Neste caso comezaremos por Gas Natural que, sendo unha empresa que absorbeu á galega FENOSA, ofrece a súa web en castelán, catalán e inglés, pero non en galego.

Envía cartas ou mails ou ben chámaos por teléfono esixindo que a lingua galega tamén sexa idioma de interlocución entre a empresa e os ses clientes galegos.
  • Formas de contacto con GAS NATURAL FENOSA:

Enderezo postal: Gas Natural SDG, S.A., 2008 Plaça del Gas, 1 08003 Barcelona

Páxina web de atención ao cliente on line

Teléfono de atención ao cliente de Unión Fenosa: 901 380 220

Teléfono de atención ao cliente de Gas Natural: 902 200 850

Moitas grazas pola túa actuación a prol da nosa lingua!

"Un país para comérselo" e "Un pais en la mochila"

Imanol Arias e Juan Echanove cun dos participantes no programa.

A serie de Televisión Española, Un país para comérselo, dedicou a súa cuarta parada ás Rías Baixas. 

Lugares nos que transcorre o programa.
Gústame esta serie, salvadas as súas caídas no tópico, que inevitablemente lembra aquel Un país en la mochila de José Antonio Labordeta.



Ata este momento só de pagamento, e que se pode ver en aberto agora na páxina de homenaxe a Labordeta de Televisión Española. Dous capítulos desenvólvense en Galicia, os titulados Lejos del mar e Baixo Miño.

2010/11/04

Redelibros


Redelibros é un lugar onde falar de libros, compartir experiencias, lecturas e intereses, atopar lectores que comparten os nosos gustos, buscar información sobre as nosas próximas lecturas, apuntar ou comentar o que lemos, recomendar libros, crear as nosas bibliotecas virtuais e estar ao día de canto acontece non mundo do libro, xa sexan lanzamentos editoriais, charlas de escritores, premios, etc. Un espazo en Internet que agrupa blogs persoais e profesionais, grupos de opinión, páxinas web de librerías, editoriais e autores, axenda de eventos, sección de anuncios, álbums persoais, etc. Un lugar, tamén, no que publicar os nosos escritos, xa sexan relatos, poemas ou, por que non, novelas; e onde recibir valoracións, críticas e opinións para retroalimentar o noso proceso creativo.

TEXTO DA PRESENTACIÓN O VINDEIRO 12 DE NOVEMBRO EN VIGO

O próximo 12 de novembro, ás 20:30, presentamos oficialmente Redelibros. O lugar elixido é a taberna-taller Detrás do Marco, na rúa Londres, transversal do Príncipe, en Vigo. Un lugar moi especial para unha cita moi especial: a inauguración da vosa rede social. Alí, ademais da presentación propiamente dita, poderedes gozar de música en directo, a actuación do contacontos Anxo Moure (que está desenvolvendo unha originalísima labor por Galicia adiante a lombos da súa "ciclobiblioteca") e os suculentos petiscos saídos da cociña de Detrás do Marco, que seguro vos sorprenderán...
Á presentación, por suposto, estades todos invitados. Pero, como ao cabo trátase de inaugurar unha rede social de literatura, ímosvos a pedir un favor moi especial: que traiades cada un de casa un libro para trocar. Un libro que vos gustara, ese que sempre recomendades, o que máis vos calou nos últimos meses, o que vos supuxo unha revelación... A graza está en que sexa un libro que apreciedes de verdade, non o primeiro que vos quede a tiro! Unha vez en Detrás do Marco, pedirémosvos nun momento determinado que troquedes o voso libro por outro que vos atraia e apetézavos, de entre os que traian os demais asistentes. Unha forma divertida de romper o xeo e irnos coñecendo, non vos parece? Cunha vantaxe engadida: seguro que todos levámonos para casa unha boa lectura...

4 de novembro Día da Ciencia en Galego


Polo dereito ao desenvolvemento do coñecemento científico en galego. Toda a información e materiais didácticos na páxina Ciencia en galego.

2010/11/02

Ronseis do salitre

Quen poida achegarse a Cangas que non perda esta exposición didáctica da boa xente do IES Monte Carrasco sobre a historia da industria conserveira e baleeira no Morrazo.
Aproveito para lles enviar un saúdo e para facer publicidade do seu blog A Gaivota.

O Quixote interactivo

O Quixote interactivo é un proxecto que permite un achegamento innovador á primeira edición da obra de Cervantes, conservada nos fondos da Biblioteca Nacional de España, e a un conxunto de contidos multimedia que axudan a contextualizala.
Partindo da dixitalización a moi alta calidade dos exemplares que conserva a BNE da 1ª edición (as de Madrid de 1605 e de 1615) construiuse un portal interactivo que conta con mapas, ilustracións, gravados e outros contidos procedentes de 43 edicións distintas da obra e doutras 21 obras diferentes pertencentes tamén á BNE. 


As posibilidades de navegación a través da obra son totais e cunha calidade gráfica impresionante. Neste sentido gustaríame salientar unha desde o punto de vista pedagóxico porque nos ofrece unha nova posibilidade de visualización da obra (xa antes contida en guías de lectura impresas), trátase da navegación a través dos mapas das rutas, que permiten visualizar a viaxe e partindo duns puntos no mapa localizar os framentos da obra alusivos.


Entre os materiais complementarios, gustome especialmente o apartado destinado aos libros de cabaleirías onde se estuda O Quixote en comparación con outras obras de cabaleirías partindo de seis características básicas deste xénero literario.


No meu parecer, o punto máis feble deste material é o apartado destinado á vida do século XVII que non mantén o nivel de calidade do resto do recurso, polo demais, moi altamente recomendable.

E haberemos de poder ver algunha vez así unha mostra da nosa literatura?