2010/09/29
2010/02/06
2010/01/25
11 PREMIOS NACIONAIS X 1 DIMISIÓN
Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.
Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.
Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese
inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.
Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Tradución, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensaio, 2008)
2010/01/22
Fogla 21-xaneiro-2010 Fotos I
De momento deixo aquí a primeira entrega dedicada a unha selección das pancartas presentes na manifestación.
Tamén podes ver estas fotografías con maior calidade e descargalas de balde na miña conta de Filckr aquí.
Fotografías da manifestación I - Pancartas
2009/12/02
Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais na Internet
1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de lles impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.
3.- A nova lexislación vai crear inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e demorando aínda máis a súa proxección internacional.
4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Coa internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias das obras e na internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.
6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se adecúen aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.
8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de cara ao futuro.
9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolverlle á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
2009/11/19
Catherine Margaret Ashton
A laborista británica Catherine Margaret Ashton, de 53 anos, ata esta tarde comisaria europea de Comercio, vén de se converter na Alta Representante para a Política Exterior da Unión Europea (UE) e vicepresidenta de la Comisión Europea. Que o segundo cargo en responsabilidade na UE estea en mans dunha muller é un novo logro do que nos debemos alegrar, mais non debemos esquecer tampouco que unha das razóns polas que conseguiu o cargo foi a baixísima porcentaxe de mulleres no Consello da Unión Europea. De todos os xeitos, parabéns para Catherine.E aproveito a ocasión para sinalar unha vez máis a utilidade da Wikipedia como fonte de información privilexiada.

