Mostrando postagens com marcador economía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador economía. Mostrar todas as postagens

2011/01/16

Comprar, tirar, comprar


Comprar, tirar, comprar (2010) é un documental emitido recentemente por TVE que estuda o fenómeno da obsolescencia programada.

Falamos de obsolescencia programada para referirnos ao acurtamento da vida dun produto por parte do fabricante co fin de incrementar as vendas obrigando ao usuario a comprar antes do que os avances técnicos permitirían, un fenómeno que se produce desde os anos vinte do pasado século. Este comportamento que dun xeito illado levaría a unha compañía á ruína, está na actualidade dominando o mercado de forma que o usuario acaba convencido de que para seguir a moda é preciso mercar sempre o último. Deste xeito, as persoas convértense en simples consumidores convencidas de que cada vez precisan posuír máis bens para conseguir a felicidade e son conducidas a unha situación de insatisfacción continua.

Podería ser un filme de ficción, mais é un documental que retrata a nosa realidade.

O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer, está producido por Joan Úbeda e Patrice Barrat e para a súa realización foi necesario contar co apoio de Media 3.14, Televisió de Catalunya, ARTE (Francia), Article Z (Francia) e Televisión Española - TVE (España).



COSIMA DANNORITZER: A directora do documental é unha muller alemá que tamén é guionista e que ten traballado para televisións de Alemaña, Reino Unido e España. Dirixiu documentais como Se o lixo puidese falar (TVE, 2003) onde retrata a cidade de Barcelona a través dos seus cubos do lixo ou A amnesia electrónica (TVE, 2006) sobre a forma en que a dixitalización das memorias persoais ameaza a transmisión da información ás xeracións futuras, entre outros traballos.
Link: Encontro dixital coa directora / Nacidos para morrer antes, artigo de opinión de Xosé Manuel Pereiro publicado o día 15/01/2011 / Obsolescencia y entropía, entrada sobre el tema en la web decrecimiento

2010/02/11

Se quere EMPREGO marque GALEGO


Pois o galego serve para crear postos de traballo, e moitos, e senón que llelo digan aos 300 empregados e empregadas de Sykes da Coruña que van ser despedidos. 300 traballadores, 300, que se di moi rápido, que van ser despedidos non porque non faga falta o traballo que desempeñan, senón porque se pode prescindir deles deslocalizando a produción. E iso? Pois iso porque a maioría de galegos e galegas renuncian ao galego para se comunicaren coas empresas, especialmente coas empresas de telefonía. Que llelo vaian explicar a estas familias ás que agora só lles queda manifestarse e o paro.


E digo eu, todas as persoas que agora se lamentan tanto deses despedimentos repararon que cando non marcan no 1004 de Telefónica ou noutras empresas a opción de seren atentidos en galego están a destruír empregos para as galegas e os galegos?
Por certo, non, a outros non lles pasa como a nós? Que envexa! Verdade?


Pois xa sabe:

Se quere EMPREGO marque GALEGO.