2011/01/30

El orden de las cosas


Para quen aínda non o saiba, en Trafegando ronseis pódese atopar a mellor recompilación de vídeos que coñezo sobre violencia machista. A súa última entrega é esta El orden de las cosas, unha curtametraxe dos irmáns Esteban Alenda que xa conta con numerosos premios:
- Mellor Banda Sonora en Islantilla 2010 grazas á fermosísima composición de Sergio de la Puente

Buscar más artistas como Sergio de la Puente en Myspace Music
- Roel de Oro na XXIII semana de cine de Medina del Campo 2010
- Premio na XII semana de Madrid en Corto 
e agora está nominada aos Goya na categoría de mellor curtametraxe de ficción.
Pero en  Galicia xa tivemos oportunidade de ver esta xoia grazas á organización da última edición do FICBueu (Festival Internacional Curtametraxes Bueu) o pasado mes de setembro.


El orden de las cosas conta como transcorre na bañeira a vida de Julia onde pinga a pinga vai ir reunindo o valor necesario para cambiar a orde das cousas.
Gustaríame tamén salientar o traballo da actriz Manuela Velles que interpreta a Julia, a protagonista, todo un exercicio de xestualidade.
Espero que vos guste.

2011/01/16

Comprar, tirar, comprar


Comprar, tirar, comprar (2010) é un documental emitido recentemente por TVE que estuda o fenómeno da obsolescencia programada.

Falamos de obsolescencia programada para referirnos ao acurtamento da vida dun produto por parte do fabricante co fin de incrementar as vendas obrigando ao usuario a comprar antes do que os avances técnicos permitirían, un fenómeno que se produce desde os anos vinte do pasado século. Este comportamento que dun xeito illado levaría a unha compañía á ruína, está na actualidade dominando o mercado de forma que o usuario acaba convencido de que para seguir a moda é preciso mercar sempre o último. Deste xeito, as persoas convértense en simples consumidores convencidas de que cada vez precisan posuír máis bens para conseguir a felicidade e son conducidas a unha situación de insatisfacción continua.

Podería ser un filme de ficción, mais é un documental que retrata a nosa realidade.

O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer, está producido por Joan Úbeda e Patrice Barrat e para a súa realización foi necesario contar co apoio de Media 3.14, Televisió de Catalunya, ARTE (Francia), Article Z (Francia) e Televisión Española - TVE (España).



COSIMA DANNORITZER: A directora do documental é unha muller alemá que tamén é guionista e que ten traballado para televisións de Alemaña, Reino Unido e España. Dirixiu documentais como Se o lixo puidese falar (TVE, 2003) onde retrata a cidade de Barcelona a través dos seus cubos do lixo ou A amnesia electrónica (TVE, 2006) sobre a forma en que a dixitalización das memorias persoais ameaza a transmisión da información ás xeracións futuras, entre outros traballos.
Link: Encontro dixital coa directora / Nacidos para morrer antes, artigo de opinión de Xosé Manuel Pereiro publicado o día 15/01/2011 / Obsolescencia y entropía, entrada sobre el tema en la web decrecimiento

2011/01/15

A Muller Lamprea: 1º prexuízo



Xa temos aquí á Muller Lamprea, e a súa loita contra os inmundos monstros: as mentiras e os prexuízos.
A nosa heroína comezará loitando contra ese prexuízo que di que "o mellor sería que só houbese unha lingua, así entenderiámonos todos".
Contra ese prexuízo temos as palabras de Castelao:
"Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
CASTELAO, Sempre en Galiza

* O proxecto da Muller Lamprea é unha idea orixinal da profesora Iria Collazo posta en práctica grazas á colaboración dos departamentos de Dinamización da Lingua Galega e Plástica do IES As Barxas de Moaña.

2011/01/13

A Muller Lamprea


Desde o IES As Barxas de Moaña en presentación exclusiva para todo o universo traémoslles o nunca visto, unha obra maestra realizada en colaboración polos departamentos de Normalización Lingüística e Plástica. O texto é da profesora Iria Collazo, a parte plástica de Luz Beloso e está posto en boca de Daniel Álvarez, un alumno de 4º de ESO.
Pero non perdamos máis tempo, xa temos aquí á única no mundo, á inigualable, á máis poderosa de todas as mulleres que nunca existiron, xa está aquí para todos vós, A MULLER LAMPREA!  
A Muller Lamprea ten unha misión no universo, a súa loita contra os inmundos monstros: as mentiras e os prexuízos!
Non perdas de coñecer a historia desta nova heroína galega que chega ata nós para loitar pola recuperación do galego.