Mostrando postagens com marcador recursos web. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador recursos web. Mostrar todas as postagens

2013/06/13

Portal das palabras (visita devagar)


Engala o Portal das Palabras.

Hoxe presentouse ao público o Portal das Palabras como froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Como figura na presentación, ten como obxectivos:

"Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

Pois benvido sexa este portal, porque se hai algo que precisamos é de "ferramentas modernas" para ensinar e aprender que promovan o coñecemento e o uso, isto é, que axuden a "normalizar" o galego.
O Portal das palabras conta coas seguintes seccións: 
 
LÉXICO

Dicionario RAG (renovado e ademais incorpora unha utilidade de sinónimos e antónimos, e un sistema de busca avanzada, que permite buscar nas entradas e noutros campos, como as definicións, exemplos, etc. Os autores din que este sistema de busca complexa pode utilizarse tamén como dicionario de rimas, e engado eu, e xa non digamos para traballar a morfoloxía!)

 
Mira que din (observatorio das tendencias máis actuais da lingua, unha das miñas seccións favoritas dende xa!)


Palabra do día (estudo polo miúdo dunha palabra)

Setestrelo (agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra, ideal para os campos semánticos)

Palabras asinadas (un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia, onde por veces a lingua se converte en literatura)


VÍDEOS

Pregúntalle á Academia (un membro da RAG explica temas relacionados co léxico e a norma, pílulas de lingua!)


O mundo en palabras (unha persoa convidada repasa o léxico dun determinado ámbito temático).

XOGOS (vendo as posibilidades de toda a sección xa me emociono!)


Pódese participar en actividades e exercicios de coñecemento e habilidade lingüística dirixidos a públicos de distintas idades e destreza no manexo das palabras (Canto sabes, Dimo con letras, Apunta ben, A ver se das, Verdadeiro ou falso, Opa!, Só unha vale).
 
DIDÁCTICA
educaBarrié (o espazo de comunicación e intercambio de coñecemento da Fundación coa comunidade educativa, propón actividades educativas, tanto nos ámbitos familiar como escolar. Contén unha pequena unidade didáctica de uso do dicionario moi práctica para iniciar o alumnado)

Por certo, se che apetece traballar co uso do dicionario, tamén podes usar o meu JClic O dicionario.

Persoalmente había tempo que non levaba a nivel lingüístico unha alegría coma esta.

* O Portal das palabras aínda garda unha sorpresa máis, as apps do Dicionario para móbiles e tablets con sistema iOS e Android, pero diso falaremos outro día.

2011/11/03

Portal de ditados tópicos galegos USC. Instituto da Lingua Galega


O Instituto da Lingua Galega (ILG) ofrécenos agora unha nova ferramenta de procuras lingüísticas, o Portal de ditados tópicos galegos. Que podemos atopar nel? Neste portal podemos atopar xentilicios, seudoxentilicios (alcumes) e mais refráns e cantigas referidas a algunha localidade ou aos seus poboadores.

De momento conta con 1212 fichas recollidas en Galicia para a redacción do Diccionario geográfico popular de España de Camilo José Cela.

A busca nestes materiais pode facerse por lugar de recollida, lugar ao que fai referencia o contido, alcumes, cantigas, refráns, xentilicios ou topónimos festivos.

Esta aplicación especializada pode dar resposta tamén ás curiosidades lingüísticas de calquera falante.

Máis información no portal da Cultura Galega.

2010/05/03

Blog sobre Novoneyra realizado por alumnos de 1º de Bacharelato

Os alumnos e alumnas de 1ºBAC do IES Castro da Uz das Pontes queren invitarvos a entrar no seu blog sobre Novoneyra, realizado en colaboración co equipo da biblioteca. Recomendan que vos fixedes na biografía para saber cal é a árbore que rexe a vosa vida... 

A verdade é que é moi cómodo de ver e ten moitos contidos interesantes e ben realizados. Alí poderedes atopar material para ler e escoitar dividido nas seguintes epígrafes:

1. Novoneyra na literatura galega

2. Se che entra fame no Courel...

3. A terra de Uxío Novoneyra


4. Etapas na vida de Novoneyra

5. A paisaxe de Novoneyra: Flora e Fauna

6. Biografía

7. Bibliografía

8. O fonosimbolismo en Os Eidos

2010/04/20

A lingua, da rede á aula e da aula á rede

Nas XX Xornadas de Lingua e Literatura en Santiago de Compostela organizadas pola CIG e a ASPG tiven a oportunidade de ir escoitar a conferencia de Amador Loureiro, "A lingua, da rede á aula e da aula á rede".

Pareceume que realizou unha boa compilación de recursos, útil para a maioría do profesorado e moi completa e variada se temos en conta o escaso tempo co que contaba.

Esta é a presentación que utilizou.

2009/12/03

As wikis como recurso didáctico

O Instituto de Tecnoloxías Educativas do Ministerio de Educación do Goberno de España crea a wiki WIKI2 para escribir documentación en español sobre o emprego das wikis no ámbito educativo (Eduwikis).


Ao fío desta páxina, déixovos estas dúas presentacións que atopei hoxe vía dasava no Twitter, están moi ben e moi clariñas para os que non temos nin idea.



2009/12/01

Web 2.0 en galego desde o IES da Pobra do Caramiñal

A xente do ENDL do IES da Pobra do Caramiñal, que tan ben acostumados nos teñen aos seus produtos de calidade, publican hoxe no seu blog Dinamiza Caramiñal unha magnífica presentación sobre as aplicacións de web 2.0 en galego. E eu non me resisto e pégoa aquí.





2009/11/23

Violencia de xénero


En vésperas do 25 de novembro, ofrézovos o meu blog sobre violencia de xénero.

Trátase dunha creación web con tres grandes obxectivos:

1) Informar sobre a violencia de xénero nas súas múltiples formas.
2) Previr a aparición deste tipo de violencia mediante o coñecemento do seu comportamento e manifestacións.
3) Vehiculizar os dous obxectivos anteriores a través da lingua galega fomentando a súa aprendizaxe e perfeccionamento.

Para achegarse a uns coñecementos mínimos sobre a violencia de xénero deseñouse o apartado 2. Iso da violencia de xénero, onde se pode atopar información sobre o tema desde diversas perspectivas.

Por outro lado creouse unha actividade consistente nunha exposición-concurso de carteis sobre violencia de xénero xa que o cartel é un valioso recurso para propiciar a formación de condutas positivas.

Espero que vos sexa de proveito.

2009/06/18

Xoga con Fervello


Chega un novo recurso publicado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Trátase dun conxunto de 11 xogos para nenos e nenas de 3 a 5 anos estruturados a través de 4 unidades e protagonizados por Fervello (un morcego), Fuco (un neno), Xana (unha nena) e Farragús (un can). Neles trabállanse as habilidades básicas nestas idades: memoria visual, auditiva e numérica, atención, coordinación óculo-manual, asociación, razoamento, discriminación, linguaxe, corpo humano, imaxinación e creatividade.
Xoga co Fervello ofrece tamén unha sección de descargas na que se poden atopar debuxos para colorear, debuxos para recortar, un protector de pantalla e dous fondos de escritorio.
Unha característica interesante se é ben xestionada, é a posibilidade de se poñer en contacto con quen xestione o mantemento da aplicación a través de mensaxería.
Conta tamén cunha guía descargable en PDF onde se explica o funcionamento dos diferentes xogos e se nos ofrecen unha serie de consellos para unha utilización correcta do ordenador por parte das nenas e nenos.
Bótase en falta a existencia na aplicación dunha páxina de créditos onde lles poidamos poñer nome ás persoas responsables do que estamos a utilizar, tanto a quen teña a autoría como a todas e todos aqueles profesionais (debuxantes, dobradores, etc.) que colaboraron na elaboración do produto final.
É mágoa non saber da autoría deste material coma doutros que publica a consellaría e bótase tamén en falta unha páxina de créditos.

2009/04/16

Aprendo en galego (en Blogaliza)


Aprendo en galego é un novo grupo que abrín na novísima rede social de Blogaliza para que quen quixer deixe alí enlaces a materiais didácticos (ou simplemente útiles para o ensino) realizados en galego para calquera disciplina de calquera nivel.
Creo que pode ser unha iniciativa bastante dinámica posto que todos os días hai compañeiras e compañeiros que realizan diferentes tipos de materiais que descoñecemos.
E independentemente de que vos interese ou non o grupo, anímovos a formar parte da rede social de Blogaliza que creo que se ha de converter en non moito tempo no máis importante centro de encontro virtual en galego.

2009/03/12

Patrimonio Cultural Galego

A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha Patrimonio.org, a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.

A web nace coas fichas de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais.

Cada ficha incorpora unha descrición do ben, con información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Achégase ademais información práctica sobre a súa localización a través das coordenadas e da súa posición nun mapa. As fichas de bens patrimoniais están en continua actualización, polo que a diario iranse incorporando novos elementos patrimoniais á web. Desde Patrimonio.org pódense enviar por Internet como postais as imaxes dos elementos patrimoniais presentes nas fichas.

Para facilitar a busca dos elementos do noso patrimonio cultural, a web incorpora un buscador que permite localizalos atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

A web reserva un espazo para rutas culturais. Trátase de propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados. As rutas están pensadas para ser descargadas como PDF e acompañar aos viaxeiros, ademais de poder descargar a ruta en formato GPS.

Actualidade e información práctica

Ademais das fichas dos xacementos, museos, arquivos e monumentos, Patrimonio.org constitúese como centro de recursos na Rede para achegarse á actualidade e acceder a información práctica sobre o patrimonio cultural de Galiza. A web incorpora as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.

A web conta cun apartado dedicado ao marco normativo, no que se pode descargar a lexislación galega do patrimonio cultural. Pódense descargar tamén publicacións da Consellaría de Cultura e vídeos sobre o patrimonio. Outro apartado está dirixido aos escolares, con información sobre patrimonio deseñada para público infantil, xunto con unidades didácticas pensadas para os diferentes niveis educativos.

Estiven botándolle unha ollada e segundo vaian engadindo máis fichas creo que vai acabar por ser unha desas páxinas que sempre están á man.

2008/03/24

Un índice literario

Hoxe Cultura Galega publica un artigo interesante no que ofrece un percorrido por quince portais relacionados coa literatura galega, unha boa ocasión para visitar os descoñecidos e volver ver os que xa estaban e foron cambiando.
[Imaxe de Cultura Galega]