Mostrando postagens com marcador consellería. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador consellería. Mostrar todas as postagens

2011/06/02

A insoportable levedade das Bibliotecas Escolares

Reproduzo o manifesto "A insoportable levedade das Bibliotecas Escolares" para demandar unha reconsideración intelixente por parte da consellería de educación mais tamén como homenaxe a todas esas traballadoras e traballadores e ás súas horas de dedicación altruísta a facer da biblioteca algo que vai moito máis alá de ser un recinto onde se gardan saberes en forma de libro.
Non se pode seguir recortando en servizos fundamentais como a educación, aínda que se xustifique dicindo que é o prezo para que saian as contas.
__________________
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos.


Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE.

De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información.

Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater.

A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces.

Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas.

Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser?

Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos? O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia.

Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable.

Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal.


Onde quedou ese entusiamo?


Que interpretación debemos facer?


O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo?



E nós?


En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas


se despois de tanta insistencia


é a propria Consellería a que nos

invisibiliza?

2011/04/19

Convocatoria de concesión de premios ao profesorado que desenvolva novos contidos educativos dixitais

Veña, presenta esas cousas tan interesantes que fas cos teus alumnos!!!

(Imaxe de Daquella manera)
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ven de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de premios ao profesorado que desenvolva novos contidos educativos dixitais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (procedemento administrativo PR522B).
No marco do programa de Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 200.000 euros a premios para profesores que desenvolvan novos contidos educativos dixitais.
A presente actuación enmárcanse na estratexia do Proxecto ABALAR, que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Os profesores galegos poderán optar este ano a uns premios sobre o desenvolvemento de novos contidos educativos con entidade dixital. Estes contidos, accesibles mediante medios electrónicos e interactivos, referiranse a algunha das seguintes modalidades: 

5º e 6º de Educación Primaria:
  • Modalidade 1: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural
  • Modalidade 2: Lingua Galega e Literatura
  • Modalidade 3: Matemáticas ou Educación Física
  • Modalidade 4: Plástica.
1º e 2º de Educación Secundaria:
  • Modalidade 1: Ciencias Sociais
  • Modalidade 2: Xeografía e Historia
  • Modalidade 3: Ciencias da Natureza
  • Modalidade 4: Educación Plástica e Visual
  • Modalidade 5: Lingua Galega e Literatura
  • Modalidade 6: Lingua Castelá e Literatura
Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.
Os formularios de solicitude pódense cubrir e obter por vía telemática ata as 14 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes na seguinte páxina:
http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons=PR&cod_proc=522B
O prazo de presentación remata o día 6 de maio de 2011, inclusive.
Máis información aquí.

2010/03/07

Desván de los Monjes by Roberto Varela



Desván de los monjes, en palabras de Roberto Varela, actual conselleiro de cultura da Xunta de Galicia, no segundo 18' verase que mentira non era.

2010/02/03

As aulas e o despacho

Grazas, grazas e grazas á xente de SonCine do IES Porto do Son por nos permitir ver, escoitar e saber aos que non estivemos alí.
E parabéns para todas as compañeiras e compañeiros que alí foron a voz xa non dos seus centros senón de todos os centros de Galicia.


as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.

2010/01/25

11 PREMIOS NACIONAIS X 1 DIMISIÓN

POLA DIMISIÓN
DO CONSELLEIRO DE CULTURA
ROBERTO VARELA

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.
Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.
Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.
Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese
inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1985)

Antón Santamarina (Premio Nacional de Tradución, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)

Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensaio, 2008)

2009/10/20

Clases en inglés no novo decreto 2009



Vaia por diante que nada máis lonxe da miña vontade que dubidar da cualificación e motivación do profesorado galego, xa sabemos todos que estamos preparadísimos e interesadísimos en calquera tipo de innovación pedagóxica.
É por isto que, dando por sentado ese cacarexado decreto cara ao trilingüismo harmónico, que así de primeiras nos podería deixar a todas e todos supermegacontentos, eu nin sequera me vou preocupar de falar de porcentaxes polo de agora, xa chegará o momento.
Que non, que resisto e me autocensuro, que non falo de porcentaxes nin de se as matemáticas requiren de linguas superiores para a súa docencia, pero vaiamos ao asunto.
Unha, que por traxectoria profesional, leva andado uns cantos centros das catro provincias, sabe do exitazo das seccións trilingües (castelán, galego, inglés), e sabe ademais que o nivel do profesorado e do alumnado está por riba de toda dúbida. É por todo isto, que lle gustaría que no novo decreto figurase a lingua vehicular nas aulas en inglés (que non de lingua inglesa) cando se fixese necesario calquera tipo de intervención nunha lingua diferente ao idioma estranxeiro. Xa sei que isto é rizar o rizo, si, si, xa sei que as terminoloxías específicas están máis que dominadas por docentes e discentes, que si, que xa sei que isto nunca vai acontecer pero... só por se nalgún caso "illadísimo" se chegase a producir, non estaría mal que se regulase ese pequeno detalle, non lles parece?

2007/12/17

Felicitación de Nadal

«Para un ano, sementemos gran.

Para unha década, plantemos árbores.

Para toda a vida…

eduquemos e formemos a xente»

Hoxe recibín esta felicitación da Consellería de Educación. Este tipo de publicidades sempre soen ter moi mala prensa. A min a deste ano gustoume.