Mostrando postagens com marcador normalización. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador normalización. Mostrar todas as postagens

2014/11/03

Cando a vida te pon a proba

Hai momentos difíciles en que a vida ten pon a proba.


2014/09/23

21 días para 10 anos


Este ano faise unha década do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este texto tiña como fin deter, en primeiro lugar, e reverter, despois, a perda de falantes na nosa lingua. 
Vou falar dende a miña posición como profesora de lingua e como falante, e non preciso académicos ensaios de asisados investigadores que me demostren aquilo que o meu alumnado detecta sen problema ningún, que o galego non é unha lingua normalizada e que segue a perder falantes vertixinosamente. No meu instituto levamos dous cursos realizando unha actividade chamada 21 Días co Galego, un groliño de auga cheo de ilusión na longa travesía do deserto para o galego que supón a práctica lingüística do noso alumnado. Se o Plan funcionase, unha actividade coma esta sería un absurdo, lamentablemente teño a convicción de que é necesaria porque en moitos casos supón o primeiro intento de utilizar socialmente o galego. Preciso máis argumento que a existencia deste tipo de actividades para amosar a agoniante realidade da lingua galega? Poderemos falar sen descanso das marabillas do traxe novo do emperador, pero a realidade non deixará de ser que o rei está nu, que as autoridades e a sociedade galega non respectan o PXNLG e que non abondan 21 días para 10 anos.


Ilustración de Bertall para o conto O traxe novo do emperador.
- - - 
Disto tamén falaron outros que saben máis ca min:

Agustín Fernández Paz - Palabras baleiras
"Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes sabemos que a nosa liberdade lingüística é limitada. [...] Nestes días, cando lembramos o décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, cómpre reiterar o primeiro dos cinco Obxectivos Xerais que o Plan sinala: "Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións." Non son, non poden ser palabras baleiras."

Xabier Docampo - Dez anos que se esfarelaron en nada

Este domingo, 21 de setembro,  cúmprense dez anos daquel día no que o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Cando rematou a votación os parlamentarios, comezando polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga e seguindo polo vicepresidente, Alberto Núñez Feijoo, aplaudiron aquela decisión que acababan de tomar. Cos seus aplausos facían manifestación pública do que se comprometían diante do pobo galego:
·         Garantirlle a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
·         Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
·         Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
·         Promover a visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
·         Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
...hoxe as ilusións que depositamos no PXNLG, o crédito que lles demos aos políticos que o aprobaron no Parlamento foi deitado ao lixo do esquecemento. Dez anos despois conseguiron que o PXNLG desaparecese, como se nunca tivese existido e no canto de vermos avances na normalización lingüística o que se nos presentou foi un proceso de demolición do cativo edificio que tiñamos construído.

Xosé Antón Laxe Martiñán - Dez anos de PXNL: nada podemos celebrar

"Hoxe, en 2014, se todo decorrese como debe ser en democracia, as institucións públicas galegas estarían organizando ducias de congresos, conferencias, seminarios e outros actos encamiñados a conmemorar a histórica data e a explicar os avances que se deberan lograr nunha década. [...] Pero nada disto será posible. Nada se celebrará, nada se analizará e nada se fiscalizará, porque ben poucas medidas foron aplicadas."

Ramón Nicolás - Resiliencia para a lingua galega

"Con todo, persoalmente, obrígome a cultivar a resiliencia, isto é, tentar sobreporse a situacións adversas e xerar sinerxias positivas, neste caso a prol do idioma galego. Resiliencia, pois, polo de agora como resposta ao incumprimento do que a lei ditou, seguir sendo, como dixo Celso Emilio,  “mariñeiros, labregos da linguaxe, remo i arado, proa e rella sempre”, talvez hoxe máis que nunca."


"Sigamos loitando polo soño de normalizar a lingua que herdamos dos nosos devanceiros empuñando as armas da palabra, esixamos que se cumpra co compromiso adquirido aquel 21 de setembro do 2004, cando o consenso entre as diferentes forzas políticas que nos representan fixo danzar os corazóns do pobo."



Víctor F. Freixanes - O patrimonio da lingua

Marcelino Fernández Mallo - Dez anos de agonía lingüística

Francisco X. Fernández Naval - Dez anos con plan, pero plantados





Radio Galega - Diario cultural

Xavier Senín - Apúntome a un bo plan

2013/12/10

Número de Nadal da revista EROSKI CONSUMER

Xa se pode consultar o numero de decembro da revista en galego Eroski Consumer, nel poderás atopar dende apps para o Nadal, un ABC sobre o magnesio, a diferenza entre paté e foie, menús especiais para estas datas, ideas para un Nadal sustentable e opcións para un Nadal solidario.
A publicación Eroski Consumer é unha iniciativa da Fundación Eroski que mes a mes normaliza o galego tanto no seu formato web coma no dixital



2012/12/20

Gústame... o galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fainos chegar este vídeo dentro da divertida campaña Gústame… o galego! que iniciaron no Culturgal con moitísimo éxito.
Encántame ver tanta xente xunta á que lle gusta o galego!

2012/06/30

MOVING


Dende o IES Castro Alobre de Vilagarcía chegan estes ventos frescos MOVING.
Parabéns ao Equipo e a todos os membros da comunidade educativa que participaron no proxecto, velos é unha inxección de enerxía positiva incrible para rematar o curso.
Grazas por convidarnos a  movernos tamén.

2011/11/07

A lingua sabe a pan


Dende o CPI Virxe da Saleta de Cea chéganos o pan máis rico, un lipdub para a lingua galega.
O lipdub realízase sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.
Se queres cantalo, tamén teñen unha versión en Karaoke.

Parabéns para todo o CPI Virxe da Saleta e par Pedro Feijoo e Charly Lincoln.

2011/10/22

O profesorado de galego aproba moito nº 1

Visto por alguén no aeroporto de Lavacolla.

Dámoslles o aprobado e logo van polo mundo como van!

2011/10/09

Cousas do Tuenti 1



Despois de semellante esforzo, como non aceptalo :D

2011/04/11

Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia, envíalla ti tamén

Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.

2011/03/27

Galiza co Galego


[Copio e espallo o correo recibido.]
O Movemento de Galiza co Galego, ten unha Comisión Promotora que está a levar o traballo da posta en práctica da creación dunha Rede Popular de Ensino en galego, que queren plasmar na etapa infantil inicial (0-3).
A Comisión conforme os seus estatutos ten que disolverse o 17 de Maio.
Se o Movemento de Galiza co Galego en prol dunha Rede Popular de Ensino non alcanza os 3.000 terá que pararse.
De pasar esta situación, é de que o desánimo faga presa nas persoas da Comisión (con gran traballo e desgaste persoal) pode ter consecuencias moi negativas que fagan fracasar a iniciativa popular en defensa e garantía do dereito fundamental (en especial a infancia) a educarse na nosa lingua.
Para que a Comisión Promotora poida dar continuidade ao Movemento de Galiza co Galego como Asociación é imprescindíbel ter antes do 17 de Maio os 3.000 apoios precisos.
Actualmente contan con 2435 apoios, con 20 apoios diarios conseguirían os 3.000 necesarios.
Tod@s poden axudar tan só hai que ler e apoiar en http://limiargalego.blogspot.com/p/ano-2011-do-ensino-en-galego-apoian-as.html. Apúntate, espalla...reenvía este correo ao menos a 20 dos teus amig@s.

2011/03/01

Autoxenofobia


Vídeo montaxe que compara a actitude acomplexada da protagonista cos resultados do célebre experimento: The Clark doll experiment. Prexuízos lingüísticos vs prexuízos raciais.


Vía Brétemas.

2011/02/13

Hablaba en gallego, qué bajón!!!


Velaquí temos un material didáctico de primeira orde para traballar na aula os prexuízos, fundamentalmente lingüísticos, que non tan só, a través da análise das perlas que saen pola boca desta concursante da XII edición de GH.

Suxestións de actividades:
- Recompila os diferentes prexuízos que expresa a concursante ao longo das súas intervencións.
- Compartes algún ou algúns destes prexuízos?
- Por que cres que ao ler un texto en galego di que o vai traducindo?
- A situación escolar que describe cres que respecta a legalidade escolar en canto ao tratamento de linguas en Galicia no ensino nos últimos anos?
- Analiza as reaccións da súa interlocutora.
- Atopamos algún tipo de prexuízo na interlocutora?
- A visión que dá a protagonista da situación lingüística da mocidade galega cres que responde á realidade?
- Cal é a conclusión final da protagonista? 
- Consideras coherente a conclusión á que chega co seu discurso anterior? Xustifica a túa resposta.
- Cambiou a imaxe previa que tiñas desta concursante de GH despois de ver o vídeo? En que sentido? Xustifica a túa resposta.
- Cres que poderíamos atopar este tipo de intervencións en concursantes procedentes doutras comunidades autónomas? Por que?
- Como galega ou galego, que sentes despois de ver este vídeo?

2010/12/22

Flashmob do IES As Barxas para felicitar 2011

Tráiovos hoxe o último traballo do Equipo do IES As Barxas, trátase dun flashmob protagonizado polo alumnado para vos felicitar o aninovo.
Un flashmob consiste nunha actuación sobre a realidade na que un conxunto de persoas se poñen de acordo nun lugar e momento determinados para realizar unha acción simultánea cunha determinada finalidade ou só por pura diversión. 
No noso caso, ademais de divertirnos, pretendemos chamar a atención sobre a importancia da recuperación dun tempo propio para termos unha vida máis feliz.
Segundo a información da que dispoñemos trátase do primeiro flashmob realizado nun centro de ensino galego.
A música atopámola en Jamendo, trátase dun tema de Galdson, que non é outro que o mestre de Ortigueira Vicente Orjales.
A estupenda montaxe do vídeo realizouna Luz, a profesora de plástica.
Se che gusta, PÁSAO!

2010/12/15

REGALEMOS GALEGO 2010

Xa pensabades que iamos quedar sen o Regalemos Galego deste ano, pois non, velaquí tedes fresquiña coma o pescada do pincho a entrega Regalemos Galego 2010
Cumpridoriña, a xente do EDLG do CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral (bico especial para Anxo Gómez) axúdanos un ano máis a agasallar con produtos culturais galegos.


Aproveito e déixovos os enlaces da páxinas da SXPL de agasallos en galego para os máis novos, para os máis mozos e agasallos tecnolóxicos.
Mirade, mirade, cantos agasallos chulos e logo á hora de mercar non vos fagades @s suec@s ehhh

2010/12/02

Só o 6%



Uns quéixanse, e con razón, de que só o 6% dos xoguetes desta temporada están comercializados en catalán, gustaríame saber que porcentaxe acada o galego neste ámbito da normalización fundamental para aprender o mundo en galego.
Xa se sabe, uns xogan en primeira división, outros en segunda e nós en 8ª autonómica.

Vía Observatorio da Lingua Galega / Vía Avui.

2010/09/07

Os medios en galego importan

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un tras doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tomen a decisión de axudar aos medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos. 
Para asinar este manifesto da iniciativa Os medios en galego importan, aquí.

2010/06/16

En galego tamén se fai ciencia: Elena Vázquez-Cendón

Elena Vázquez-Cendón

Profesora de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela