Mostrando postagens com marcador decreto. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador decreto. Mostrar todas as postagens

2010/05/23

Consumouse a agresión


Comunicado de Prolingua do 20 de maio de 2010.
Rógase a máxima difusión posible.
______

Dous días despois de o presidente Feijóo ofrecer á sociedade galega un pacto tramposo consistente en respectarmos o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, coma xa ProLingua denunciou nun anterior comunicado; dous días despois da masiva e ilusionada manifestación en defensa da lingua que tivo lugar en Compostela; dous días despois de o goberno amosar a súa agresividade por boca do vicepresidente Alfonso Rueda («los manifestantes salen a la calle para clamar por una dictadura que se basaba en que los políticos decidiesen en que lengua se tenían que expresar los ciudadanos»); dous días despois de todo isto, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo.
O presidente Núñez Feijóo vén de anunciar, en rolda de prensa posterior ao consello da Xunta celebrado hoxe, a aprobación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario. A agresión anunciada desde hai meses, trasládase definitivamente ao DOG. De nada valeron as rigorosas análises da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega. De nada valeu o rexeitamento do Consello Escolar de Galicia ou da Mesa do Consello Sectorial dos sindicatos do ensino. De nada valeron as múltiples declaracións das máis diversas organizacións da sociedade galega. De nada valeron as clamorosas manifestacións da cidadanía.
E de pouco valeu o ditame do Consello Consultivo de Galicia, que tamén ProLingua debullou polo miúdo. Valeu unicamente para que retirasen a consulta aos pais en primaria e secundaria, dada a evidente ilegalidade dunha medida así, imposible de ocultar por máis tempo. Non é unha cuestión menor, pois sabemos que aí baseaban os negacionistas a falacia da «liberdade lingüística». Mais do resto dos asisados consellos do CCG, o goberno do PP decidiu non facer caso. As ataduras cos sectores antigalegos que operan na sociedade deben de ser máis fortes que o clamor da cidadanía ou o respecto á legalidade vixente.
Respecto do que xa sabiamos, tan só hai ese cambio: a retirada da consulta ás familias no ensino primario e secundario. O pasado 13 de marzo, ProLingua analizou polo miúdo o proxecto de decreto, desvelando as consecuencias que terá a súa aplicación nos centros. Entre outras cousas, diciamos alí que:
Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.
Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste proxecto de decreto. Nel están deseñadas as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.
As medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. Estas medidas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao «equilibrio»: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados– onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.
A referencia á «liberdade de expresión do alumnado» merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como outras do Tribunal Constitucional, deixaron ben claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.
Hoxe estas palabras seguen a ter a mesma actualidade. Á espera de que a lectura atenta do decreto confirme os peores agoiros, desde ProLingua denunciamos a que nos parece a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo, medida que evidencia a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional.
Como vén facendo desde a súa fundación, ProLingua reitera as palabras do seu manifesto:
…declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia. Estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística. Asemade esiximos que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega.
Defenderemos, tamén nos Tribunais de Xustiza, os dereitos que se nos queren coutar. Pois cómpre oporse, por todos os medios ao noso alcance, ao baleirado do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística que o goberno de Núñez Feijóo está a realizar desde a súa toma de posesión.
ProLingua, 20 de maio do 2010

2010/05/21

2010/03/15

Declaración da Plataforma ProLingua sobre do avance de Decreto (chamado) de Plurilingüismo da Xunta de Galicia


… E se os feitos demostran outra cousa, haberá que cambiar os feitos. Esta falsificación diaria do pasado, realizada polo Ministerio da Verdade, é tan imprescindible para a estabilidade do réxime como a represión e a espionaxe efectuadas polo Ministerio do Amor.

A referencia ás palabras de Orwell é obrigada despois de ler na páxina oficial da Xunta de Galicia o avance do “Borrador do decreto de plurilingüismo no ensino público non universitario”. Desde ProLingua denunciamos a pretensión de falsificar a realidade presente nun texto que consuma a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo evidenciando a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional. Unha vez se faga público o texto completo deste borrador de decreto, desde ProLingua procederemos a unha análise polo miúdo do seu contido. Agora, nesta declaración de urxencia, facemos público o seguinte:

1. Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.

2. Nun xeito insólito de presentación, onde non hai proxecto de Decreto, senón unha serie de puntos en forma de intencións, que amosa ás claras a covardía dun goberno preso dos sectores máis etnocidas e posuidores dunha actitude de desprezo cara á sociedade galega que ama, respecta e desexa preservar os seus sinais de identidade, nomeadamente o uso e promoción da lingua propia de Galicia, faise pública unha nota anticipadora dun decreto que, malia parecer imposible, é moito máis agresivo coa lingua galega que as “Bases para o decreto” presentadas hai agora tres meses. Se daquela sinalabamos o brutal retroceso que supuñan para o galego, e tamén a seria ameaza ás liberdades das persoas galego falantes, nesta ocasión constatamos que as carautas caeron de vez e agora se nos ofrece o rostro real dos obxectivos que se pretenden.

3. O texto presentado parte de premisas falsas e terxiversadoras da realidade. Téimase na mentira e no engano cando se recorre de novo á martabela de “a imposición do galego”, “a falta de liberdade lingüística dos alumnos” ou “a visión monolingüe do ensino”. O que se tenta é ofrecer unha realidade deformada para, sobre ela, deseñar as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.

4. Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste avance de proxecto de decreto.

5. Todas as medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. As referencias á elección de lingua por parte das familias buscan explotar e afondar nos prexuízos que soporta a lingua galega. Os mesmos que converteron aos redactores desta norma en paladíns do negacionismo da lingua propia de Galicia.

6. As medidas propostas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao “equilibrio”: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados- onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.

7. As afirmacións que pretenden enmascarar a agresión á lingua non resisten unha análise mínima. Coma tal, cando se fala de Educación Infantil, tras indicar que “o profesorado utilizará na aula a lingua predominante entre o alumnado” (a mesma fórmula que había no decreto de 1995, do que xa sabemos os resultados que deu, co galego desaparecido da maioría das aulas), pásase a afirmar isto: “prevese que nesta etapa o alumnado aprenda as dúas linguas oficiais de Galicia partindo da lingua predominante na aula”. Pero calquera que coñeza algo de didáctica de linguas, sabe que iso só sucederá nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Só un cinismo patolóxico pode negar que, nunha situación de precariedade da transmisión familiar da lingua galega, se fai imprescindible una acción decidida de incremento de horas na lingua desfavorecida durante os primeiros anos de escolarización (Educación infantil e E. P.) para facer posible ese equilibrio competencial que este avance de decreto di perseguir.

8. O apartado “Liberdade de expresión para os alumnos” merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixou claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.

9. A apoteose do cinismo dáse nas liñas finais, cando se afirma que os cambios introducidos respecto das bases de decembro “responden ás suxestións e observacións realizadas polas preto de trinta entidades que o goberno galego escoitou no trámite de audiencia, entre elas o Consello da Cultura Galega e mais a Real Academia Galega”. Pensan de verdade que a cidadanía é tan parva? Se son quen de afirmar que atenderon os requirimentos da sociedade galega, entón estamos diante da falsidade como forma política e de goberno. Só a covardía xustifica afirmacións tales.

Galicia, 13 de marzo de 2010

O reino da falsía e da irregularidade

Fragmentos do artigo publicado por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia a raíz do anuncio do proxecto do decreto de plurilingüismo (as negriñas son miñas).

As nais-os pais, na súa condición de tais, non están chamados a co-gobernar o ensino. Teñen, perfeitamente estatuídas e delimitadas, as súas canles de participación na comunidade escolar (consellos escolares, ANPAS, atención tutorial, actividades extraescolares...), mais, desde logo, non na determinación de programas, materias, temarios ou lingua(s) que os seus fillos en idade escolar han de estudar. ¿Acaso non pagan o ensino, como un ben público, todas-os contribuíntes que non teñen fillos?
[...]
Mais a manobra da Xunta actual, neste aspecto, vai moito máis alá dun atentado contra a lóxica: trátase de instrumentalizar nais-pais para os facer cúmplices directos, co cultivo apoteósico da demagoxia (¡que importantes somos, dirán algúns pais incautos, que até se nos consulta cantas racións de galego queremos, se é que queremos algunha!), da erradicación, aínda máis!, do galego do sistema escolar.
[...]
En segundo lugar, o “equilibrio” mencionado é, simplesmente, ilegal. Mesmamente porque o lexislador recoñeceu no seu día o estado de inferiorización do galego e, por tanto, a necesidade de “protexer”, “fomentar” e “potenciar” o seu uso, é polo que se aprobou a lexislación iuslingüística de que dispomos. Se así non fose, sobraría leis, decretos e normas de implantación do galego e, por suposto, a propria Lei de Normalización Lingüística de 1983. O desequilibrio, señor conselleiro, é abrumador, fóra do ensino e, tamén no ensino, a favor do castelán. Se vostés queren “equilibrar”, a única solución xusta e equitativa é atender en galego moitas máis materias e actividades das que, agora, este decreto contempla como teito para a lingua propria.
[...]
En terceiro lugar, falar de “liberdade de expresión para os alumnos”, aplicada, claro está, ao permiso legal para ocultaren ou desprezaren o galego aínda máis, acada os cumes máis altos do cinismo: o ensino ha de valer, señores destrutores, para ensinar a valorar, no que merece, o galego, na Galiza. ¿Ou é que ha de ser aínda máis estranxeira na súa patria a lingua galega?
E para rematar o dislate: como non abonda co español, agora tamén teñen que botar man do inglés –artillaría potente– para reforzar a exclusión do galego?
[...]
Se Castelao resucitase, non daría feito a caricaturas de todos vostés...
Señor conselleiro de Educación e adláteres: ¿coñecen vostés e acatan a Constitución española, o Estatuto de Autonomía de Galiza, a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias?
[...]
¡Pobre lingua galega, cousificada, instrumentalizada, mallada e desprezada, no canto de ser usada e multiplicada por quen vive dela e ten a obriga legal de protexela e de implantala en cada vez máis espazos sociais e públicos!

A Coordinadora Galega de ENDL ante o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo


A Coordinadora Galega de ENDL vén de emitir unha nota de prensa na que fai unha primeira valoración do avance do Anteproxecto do Plurilingüismo presentado o pasado sábado pola Consellaría de Educación.
O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa
  • O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.
  • O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.
A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.
A CGENDL entende tamén que é un decreto que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas. Por exemplo, na ESO establece que se impartan en castelán as materias de tres departamentos (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía) que teñen máis presenza horaria cás que se teñen que dar en galego. A discriminación do galego vese agravada pola falta de recursos para que o profesorado imparta algunhas das materias restantes nesta lingua, posto que na maior parte das áreas non existen en galego nin libros de texto nin outro tipo de materiais didácticos necesarios para as aulas. Polo tanto, o desequilibrio entre o galego e o castelán acentuarase ao tratar de maneira desigual dous idiomas que parten dunha situación diferente tamén neste ámbito.
No Ensino Infantil o galego queda totalmente desprotexido e o pretendido equilibrio entre as dúas linguas non se recolle por ningures. A falsa liberdade de elección das familias provocará conflitos xa que parte dunha visión excluínte das linguas a través dunha votación na que haberá perdedores e gañadores. Dende a perspectiva pedagóxica, resulta rechamante que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua “non predominante” nunha etapa, como a Infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas e na que se debe dar o asentamento da aprendizaxe das linguas. Pese a que o goberno galego fai seu o noso lema, “As linguas suman”, neste decreto subxace a idea de que o galego resta.
Neste avance do decreto, vemos con preocupación que a consellería debuxe unha división entre materias importantes e materias de segunda, entre troncais e non troncais, terminoloxía allea a unha educación, a do ensino obrigatorio, no que todas as áreas teñen unha misión educativa global. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes.
Por outro lado, o desinterese para xestionar un sistema educativo que garanta a adquisición de competencias lingüísticas en galego a través do seu uso nas diferentes materias explica que este decreto reduza o fomento do galego á vontade do profesorado de dar aulas nesta lingua, na que o alumnado non ten que expresarse, e á organización de actividades extraescolares que nunca se dirixirán ao conxunto do alumnado.
Por último, e á espera de coñecer o texto completo, a CGENDL lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos conducíndoos ao caos organizativo e convertendo a comunidade escolar nun foco de conflitos.

2010/02/06

Carta a Anxo Lorenzo

Este blog súmase á cadea de difusión da carta que lle envían ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística por considerar que coas súas palabras son voceiro fiel do sentir das personas integrantes dos ENDL de toda Galicia.
________________

Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES de Porto do Son (Porto do Son).

2010/01/25

Un decreto sen creto

Un bo amigo, Anxo Gómez Sánchez, profesor en Carral, realizou esta presentación baseándose na prensa sobre os antecedentes da situación actual sobre o decreto.
Paga moito a pena a súa visualización.

2010/01/23

Vídeo da manifestación de Soncine


Magnífico vídeo da manifestación realizado por Soncine, un proxecto audiovisual que fai curtas no IES de Porto do Son e dirixido polo profesor David Pérez Iglesias.

Manifestación "Queremos Galego" 21-01-2010 from SonCine on Vimeo.


2010/01/22

Fogla 21-xaneiro-2010 Fotos I

Quero darlles as grazas a todas as persoas que amablemente pararon a súa marcha para deixar que lles quitase fotografías.
De momento deixo aquí a primeira entrega dedicada a unha selección das pancartas presentes na manifestación.
Tamén podes ver estas fotografías con maior calidade e descargalas de balde na miña conta de Filckr aquí.

Fotografías da manifestación I - Pancartas

2010/01/18

Grazas á RAG

Hoxe a RAG, coa súa codena ás bases do decreto trilingüista, fixo que moitos galegos sentísemos que hai unha intelectualidade en Galicia comprometida coa nosa cultura e co seu futuro. Parabéns aos membros da RAG e especialmente aos que participaron na exquisita redacción do texto.

Por se alguén máis se anima:
presidencia@realacademiagalega.org

21 de xaneiro FOLGA NO ENSINO


CLICA NA IMAXE PARA VELA AMPLIADA

2010/01/17

Análise das bases do decreto do plurilingüismo

En negro figuran as coincidencias entre os tres decretos, en azul as que se dan entre este e o do 2007 e en vermello están as novidades deste decreto.

(Traballo realizado por Sofía Rama, profesora de Lingua)


PS: Versión en Slide-Share da Coordinadora Galega de ENDL: