2010/05/23

Consumouse a agresión


Comunicado de Prolingua do 20 de maio de 2010.
Rógase a máxima difusión posible.
______

Dous días despois de o presidente Feijóo ofrecer á sociedade galega un pacto tramposo consistente en respectarmos o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, coma xa ProLingua denunciou nun anterior comunicado; dous días despois da masiva e ilusionada manifestación en defensa da lingua que tivo lugar en Compostela; dous días despois de o goberno amosar a súa agresividade por boca do vicepresidente Alfonso Rueda («los manifestantes salen a la calle para clamar por una dictadura que se basaba en que los políticos decidiesen en que lengua se tenían que expresar los ciudadanos»); dous días despois de todo isto, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo.
O presidente Núñez Feijóo vén de anunciar, en rolda de prensa posterior ao consello da Xunta celebrado hoxe, a aprobación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario. A agresión anunciada desde hai meses, trasládase definitivamente ao DOG. De nada valeron as rigorosas análises da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega. De nada valeu o rexeitamento do Consello Escolar de Galicia ou da Mesa do Consello Sectorial dos sindicatos do ensino. De nada valeron as múltiples declaracións das máis diversas organizacións da sociedade galega. De nada valeron as clamorosas manifestacións da cidadanía.
E de pouco valeu o ditame do Consello Consultivo de Galicia, que tamén ProLingua debullou polo miúdo. Valeu unicamente para que retirasen a consulta aos pais en primaria e secundaria, dada a evidente ilegalidade dunha medida así, imposible de ocultar por máis tempo. Non é unha cuestión menor, pois sabemos que aí baseaban os negacionistas a falacia da «liberdade lingüística». Mais do resto dos asisados consellos do CCG, o goberno do PP decidiu non facer caso. As ataduras cos sectores antigalegos que operan na sociedade deben de ser máis fortes que o clamor da cidadanía ou o respecto á legalidade vixente.
Respecto do que xa sabiamos, tan só hai ese cambio: a retirada da consulta ás familias no ensino primario e secundario. O pasado 13 de marzo, ProLingua analizou polo miúdo o proxecto de decreto, desvelando as consecuencias que terá a súa aplicación nos centros. Entre outras cousas, diciamos alí que:
Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.
Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste proxecto de decreto. Nel están deseñadas as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.
As medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. Estas medidas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao «equilibrio»: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados– onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.
A referencia á «liberdade de expresión do alumnado» merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como outras do Tribunal Constitucional, deixaron ben claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.
Hoxe estas palabras seguen a ter a mesma actualidade. Á espera de que a lectura atenta do decreto confirme os peores agoiros, desde ProLingua denunciamos a que nos parece a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo, medida que evidencia a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional.
Como vén facendo desde a súa fundación, ProLingua reitera as palabras do seu manifesto:
…declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia. Estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística. Asemade esiximos que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega.
Defenderemos, tamén nos Tribunais de Xustiza, os dereitos que se nos queren coutar. Pois cómpre oporse, por todos os medios ao noso alcance, ao baleirado do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística que o goberno de Núñez Feijóo está a realizar desde a súa toma de posesión.
ProLingua, 20 de maio do 2010

Nenhum comentário: