Javier L. R. con Excálibur. |
Hoxe
falouse de Excálibur, o can de Teresa Romero, a muller infectada de
Ébola, e do seu home, illado tamén por mor da doenza á espera da
súa evolución e que lle solicitou publicamente á poboación civil
que defendesen a vida do terceiro membro da familia, un can de doce
anos ao que as autoridades sanitarias decidiron matar esgrimindo o
principio de precaución.
Ao
longo do día levo escoitado de todo, dende que matamos animais todos
os días para comer ata que un animal pode ser máis importante que
unha persoa.
Eu
non teño mascota ningunha pero están fóra de toda dúbida os
innumerables beneficios que este tipo de compañía ten para as
persoas que conviven con ela. Hoxe non é raro escoitar expresións
como “para min o meu can é máis importante que...” seguido da
referencia a algunha persoa próxima, normalmente familiar, a quen
lle suporía un maior achegamento humano. Que quere dicir isto, non o
sei, pero non fai falta ser socióloga para decatarse de como ten
evolucionado o sentir de moita poboación en relación cara ao
respecto dos animais e cara á súa valoración emocional no primeiro
mundo. Só isto pode explicar as imaxes de violencia que hoxe
presenciamos entre manifestantes e membros da Policía que
solicitaban que Excálibur fose posto en corentena para comprobar se
desenvolvera a doenza ou
a repercusión nas redes sociais e nos medios de comunicación de
masas. Na miña ignorancia sanitaria supoño que,
como sostén o Presidente dos Veterinarios, tería sido mellor
conservalo vivo e aproveitalo, de estar doente, para o estudo
científico.
A
diferenza é que, mentres uns falan de animais outros falan de
mascotas, e unha mascota non é un exemplar de laboratorio, nin
gando, é un animal de compañía para goce humano onde a interacción
entrambos seres ata poder ser difícil de delimitar como nos casos
dos cans-lazarillo.
Excálibur,
un can que levaba o nome da espada máis poderosa que endexamais
existiu por lle dar a quen a posuíse o poder de non ser ferido
nunca, morreu hoxe sacrificado para dor dos seus donos e daqueles que
respectamos a relación que os unía.