Mostrando postagens com marcador PROLINGUA. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador PROLINGUA. Mostrar todas as postagens

2014/09/23

21 días para 10 anos


Este ano faise unha década do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este texto tiña como fin deter, en primeiro lugar, e reverter, despois, a perda de falantes na nosa lingua. 
Vou falar dende a miña posición como profesora de lingua e como falante, e non preciso académicos ensaios de asisados investigadores que me demostren aquilo que o meu alumnado detecta sen problema ningún, que o galego non é unha lingua normalizada e que segue a perder falantes vertixinosamente. No meu instituto levamos dous cursos realizando unha actividade chamada 21 Días co Galego, un groliño de auga cheo de ilusión na longa travesía do deserto para o galego que supón a práctica lingüística do noso alumnado. Se o Plan funcionase, unha actividade coma esta sería un absurdo, lamentablemente teño a convicción de que é necesaria porque en moitos casos supón o primeiro intento de utilizar socialmente o galego. Preciso máis argumento que a existencia deste tipo de actividades para amosar a agoniante realidade da lingua galega? Poderemos falar sen descanso das marabillas do traxe novo do emperador, pero a realidade non deixará de ser que o rei está nu, que as autoridades e a sociedade galega non respectan o PXNLG e que non abondan 21 días para 10 anos.


Ilustración de Bertall para o conto O traxe novo do emperador.
- - - 
Disto tamén falaron outros que saben máis ca min:

Agustín Fernández Paz - Palabras baleiras
"Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes sabemos que a nosa liberdade lingüística é limitada. [...] Nestes días, cando lembramos o décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, cómpre reiterar o primeiro dos cinco Obxectivos Xerais que o Plan sinala: "Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións." Non son, non poden ser palabras baleiras."

Xabier Docampo - Dez anos que se esfarelaron en nada

Este domingo, 21 de setembro,  cúmprense dez anos daquel día no que o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Cando rematou a votación os parlamentarios, comezando polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga e seguindo polo vicepresidente, Alberto Núñez Feijoo, aplaudiron aquela decisión que acababan de tomar. Cos seus aplausos facían manifestación pública do que se comprometían diante do pobo galego:
·         Garantirlle a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
·         Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
·         Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
·         Promover a visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
·         Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
...hoxe as ilusións que depositamos no PXNLG, o crédito que lles demos aos políticos que o aprobaron no Parlamento foi deitado ao lixo do esquecemento. Dez anos despois conseguiron que o PXNLG desaparecese, como se nunca tivese existido e no canto de vermos avances na normalización lingüística o que se nos presentou foi un proceso de demolición do cativo edificio que tiñamos construído.

Xosé Antón Laxe Martiñán - Dez anos de PXNL: nada podemos celebrar

"Hoxe, en 2014, se todo decorrese como debe ser en democracia, as institucións públicas galegas estarían organizando ducias de congresos, conferencias, seminarios e outros actos encamiñados a conmemorar a histórica data e a explicar os avances que se deberan lograr nunha década. [...] Pero nada disto será posible. Nada se celebrará, nada se analizará e nada se fiscalizará, porque ben poucas medidas foron aplicadas."

Ramón Nicolás - Resiliencia para a lingua galega

"Con todo, persoalmente, obrígome a cultivar a resiliencia, isto é, tentar sobreporse a situacións adversas e xerar sinerxias positivas, neste caso a prol do idioma galego. Resiliencia, pois, polo de agora como resposta ao incumprimento do que a lei ditou, seguir sendo, como dixo Celso Emilio,  “mariñeiros, labregos da linguaxe, remo i arado, proa e rella sempre”, talvez hoxe máis que nunca."


"Sigamos loitando polo soño de normalizar a lingua que herdamos dos nosos devanceiros empuñando as armas da palabra, esixamos que se cumpra co compromiso adquirido aquel 21 de setembro do 2004, cando o consenso entre as diferentes forzas políticas que nos representan fixo danzar os corazóns do pobo."



Víctor F. Freixanes - O patrimonio da lingua

Marcelino Fernández Mallo - Dez anos de agonía lingüística

Francisco X. Fernández Naval - Dez anos con plan, pero plantados





Radio Galega - Diario cultural

Xavier Senín - Apúntome a un bo plan

2012/06/08

Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz

Agustín nos Xerais de 2009. (Fotografía de Aprofa)

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).


Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com
O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.
Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.
A Cerna de ProLingua
P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.
Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as
2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

2011/10/09

Prolingua en New York


A xente de Prolingua éche así, cosmopolita.

2011/10/06

Carta de ProLingua ao Presidente da Deputación da Coruña


Señor Presidente:
Como seguramente xa coñece, en La Voz de Galicia do pasado día 2 publicouse unha entrevista con Zaira Rodríguez Pérez, concelleira de Cee e responsable da área de Normalización Lingüística na institución que vostede dirixe. Somos moitas as persoas que lemos con abraio e indignación esta parte da entrevista antedita:


-Entre sus áreas de trabajo, usted es la responsable de normalización lingüística. Puede parecer algo chocante en una persona que no habla gallego.
-Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo.
Sendo a deputada responsable da área de Normalización Lingüística, non pode Zaira Rodríguez, por moito que invoque a súa liberdade individual, facer semellantes declaracións. Esta persoa non pode continuar no cargo onde vostede a colocou, porque a súa actitude de desprezo pola lingua propia de Galicia é unha actitude ignorante e mesquiña, que resume moitos dos prexuízos existentes sobre o nos idioma e que non podemos aceptar.

A súa incompetencia manifesta e o seu desprezo pola normalización lingüística supoñen un insulto máis para as persoas que falamos galego e que traballamos para que o seu estatus de lingua oficial en Galicia se traduza na práctica nunha presenza nos diversos ámbitos sociais parella á que goza o castelán.
Desde a plataforma plural e apartidaria ProLingua querémoslles lembrar, a vostede e á deputada Rodríguez Pérez, que os poderes públicos galegos non só deben garantir o uso normal e oficial do galego, senón que deben “potenciar” o seu emprego en todos os planos da vida (art. 5.3 do Estatuto de Autonomía), o que, de acordo co apartado 3 do artigo 6 da Lei de Normalización Lingüística, significa que deben promover “o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”.
Do mesmo xeito que nunca deixariamos un raposo ao coidado das galiñas, non pode unha persoa coas ideas da devandita deputada desenvolver o cargo que na actualidade ocupa. Desde ProLingua pedimos o seu cesamento inmediato e a súa substitución por outra persoa que manifeste un maior coñecemento e, sobre todo, respecto pola lingua propia de Galicia.
3 de outubro de 2011

2011/04/11

Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia, envíalla ti tamén

Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.

2011/03/01

Onde vai o noso cine? u-lo flocos.tv?




Flocos é un produto de AGADIC realizado pola empresa A navalla suíza, o seu desenvolvemento comezou o 12 de setembro de 2008 e axiña se converteu nun proxecto exitoso. Un sitio web de vídeo con máis de 360 películas realizadas por creadores e creadoras de Galicia, desde 1931 ata agora. En tan só 27 meses de existencia, funcionaba como unha rede social para cineastas e afeccionados, e tiña máis de 1800 membros rexistrados.

Podemos ver o gráfico de visitas, máis datos relacionados coa audiencia aquí, onde é posible observar como sorprende o mantemento dun número de visitas importante malia o abandono da páxina nos últimos tempos:





Esta iniciativa recibiu o premio Mestre Mateo 2008 á mellor obra interactiva, abonda con ver o vídeo.


Coa chegada do goberno presidido por Feijoo a web deixou paulatinamente de incorporar novidades e ultimamente non tiña actualización ningunha.


En febreiro de 2010 Ozo Perozo creaba un grupo en Facebook pedindo a reactivación da páxina e en maio de 2010 o responsable de Medios da Xunta, Cabaleiro, afirmaba que o site seguiría en funcionamento incorporada nun novo portal pero a realidade é que neste momento flocos.tv deixou de existir.

Na web de AGADIC pódese ler:


A Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- bota a andar en xuño de 2008 como axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura. Ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables, tal e como establece a súa lei creación (Lei 4/2008, do 23 de maio).



A AGADIC substitúe ao Instituto Galego das Artes Escénicas (IGAEM) e, a diferenza deste, non restrinxe a súa actuación a un sector específico, senón que engloba a totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais, empresas e industrias culturais.


Fins da AGADIC

  • Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural
  • Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.

Flocos non era sitio web máis, ademais dunha páxina de cine, era un impresdindible e insubstituible material pedagóxico e un lugar común onde toda a cidadanía podía gozar do patrimonio filmográfico galego. Do mesmo xeito que non consentiriamos que queimasen a fachada do Obradoiro furtándolla aos nosos ollos, non deixemos que nos furten un patrimonio filmográfico ao que non poderemos acceder doutro xeito. Fala coa túa administración e transmítelle o que para ti significa esta gran perda, pregunta onde vai o noso cine e esixe o retorno do cine galego á túa pantalla, esixe a volta de Flocos.tv á rede! 

AGADIC
Rúa de Vesada s/n, San Lázaro. CP. 15703 - Santiago de Compostela
Teléfono: 981 577 126 / 981 577 128
Fax: 981 577 127
Correo: agadica r r o b axunta.es

_____________________

Tamén falan do tema:
A Nosa Terra
El voto con botas
Caderno de Lingua
Carta Xeométrica
Chuza
La Voz de Asturias
Público

2010/11/16

A coherencia de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras 2010

Clica na imaxe para vela ampliada.
Parabéns a Agustín Fernández Paz pola súa valía incuestionable como creador e pola súa coherencia persoal.

Estas son as razóns expostas na páxina web de Prolingua, que levan ao autor a esta decisión. 
Rosalía de Castro nunca aceptaría ese “premio”

Chamamento a todas as persoas que traballan nos diversos ámbitos da cultura galega
Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.
Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.
Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.
En Santiago de Compostela, o 8 de outubro de 2010

2010/11/08

PROLINGUA CIBERACTÚA: Gas Natural Fenosa


ProLingua, plataforma pola defensa e promoción da lingua galega, comeza unha campaña, baixo o epígrafe de ProLingua Ciberactúa. A cousa consiste no envío masivo de cartas ou mails a institucións ou empresas que discriminan claramente o galego. Neste caso comezaremos por Gas Natural que, sendo unha empresa que absorbeu á galega FENOSA, ofrece a súa web en castelán, catalán e inglés, pero non en galego.

Envía cartas ou mails ou ben chámaos por teléfono esixindo que a lingua galega tamén sexa idioma de interlocución entre a empresa e os ses clientes galegos.
  • Formas de contacto con GAS NATURAL FENOSA:

Enderezo postal: Gas Natural SDG, S.A., 2008 Plaça del Gas, 1 08003 Barcelona

Páxina web de atención ao cliente on line

Teléfono de atención ao cliente de Unión Fenosa: 901 380 220

Teléfono de atención ao cliente de Gas Natural: 902 200 850

Moitas grazas pola túa actuación a prol da nosa lingua!

2010/05/23

Consumouse a agresión


Comunicado de Prolingua do 20 de maio de 2010.
Rógase a máxima difusión posible.
______

Dous días despois de o presidente Feijóo ofrecer á sociedade galega un pacto tramposo consistente en respectarmos o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, coma xa ProLingua denunciou nun anterior comunicado; dous días despois da masiva e ilusionada manifestación en defensa da lingua que tivo lugar en Compostela; dous días despois de o goberno amosar a súa agresividade por boca do vicepresidente Alfonso Rueda («los manifestantes salen a la calle para clamar por una dictadura que se basaba en que los políticos decidiesen en que lengua se tenían que expresar los ciudadanos»); dous días despois de todo isto, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo.
O presidente Núñez Feijóo vén de anunciar, en rolda de prensa posterior ao consello da Xunta celebrado hoxe, a aprobación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario. A agresión anunciada desde hai meses, trasládase definitivamente ao DOG. De nada valeron as rigorosas análises da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega. De nada valeu o rexeitamento do Consello Escolar de Galicia ou da Mesa do Consello Sectorial dos sindicatos do ensino. De nada valeron as múltiples declaracións das máis diversas organizacións da sociedade galega. De nada valeron as clamorosas manifestacións da cidadanía.
E de pouco valeu o ditame do Consello Consultivo de Galicia, que tamén ProLingua debullou polo miúdo. Valeu unicamente para que retirasen a consulta aos pais en primaria e secundaria, dada a evidente ilegalidade dunha medida así, imposible de ocultar por máis tempo. Non é unha cuestión menor, pois sabemos que aí baseaban os negacionistas a falacia da «liberdade lingüística». Mais do resto dos asisados consellos do CCG, o goberno do PP decidiu non facer caso. As ataduras cos sectores antigalegos que operan na sociedade deben de ser máis fortes que o clamor da cidadanía ou o respecto á legalidade vixente.
Respecto do que xa sabiamos, tan só hai ese cambio: a retirada da consulta ás familias no ensino primario e secundario. O pasado 13 de marzo, ProLingua analizou polo miúdo o proxecto de decreto, desvelando as consecuencias que terá a súa aplicación nos centros. Entre outras cousas, diciamos alí que:
Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.
Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste proxecto de decreto. Nel están deseñadas as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.
As medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. Estas medidas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao «equilibrio»: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados– onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.
A referencia á «liberdade de expresión do alumnado» merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como outras do Tribunal Constitucional, deixaron ben claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.
Hoxe estas palabras seguen a ter a mesma actualidade. Á espera de que a lectura atenta do decreto confirme os peores agoiros, desde ProLingua denunciamos a que nos parece a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo, medida que evidencia a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional.
Como vén facendo desde a súa fundación, ProLingua reitera as palabras do seu manifesto:
…declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia. Estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística. Asemade esiximos que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega.
Defenderemos, tamén nos Tribunais de Xustiza, os dereitos que se nos queren coutar. Pois cómpre oporse, por todos os medios ao noso alcance, ao baleirado do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística que o goberno de Núñez Feijóo está a realizar desde a súa toma de posesión.
ProLingua, 20 de maio do 2010

2010/03/15

Declaración da Plataforma ProLingua sobre do avance de Decreto (chamado) de Plurilingüismo da Xunta de Galicia


… E se os feitos demostran outra cousa, haberá que cambiar os feitos. Esta falsificación diaria do pasado, realizada polo Ministerio da Verdade, é tan imprescindible para a estabilidade do réxime como a represión e a espionaxe efectuadas polo Ministerio do Amor.

A referencia ás palabras de Orwell é obrigada despois de ler na páxina oficial da Xunta de Galicia o avance do “Borrador do decreto de plurilingüismo no ensino público non universitario”. Desde ProLingua denunciamos a pretensión de falsificar a realidade presente nun texto que consuma a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo evidenciando a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional. Unha vez se faga público o texto completo deste borrador de decreto, desde ProLingua procederemos a unha análise polo miúdo do seu contido. Agora, nesta declaración de urxencia, facemos público o seguinte:

1. Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.

2. Nun xeito insólito de presentación, onde non hai proxecto de Decreto, senón unha serie de puntos en forma de intencións, que amosa ás claras a covardía dun goberno preso dos sectores máis etnocidas e posuidores dunha actitude de desprezo cara á sociedade galega que ama, respecta e desexa preservar os seus sinais de identidade, nomeadamente o uso e promoción da lingua propia de Galicia, faise pública unha nota anticipadora dun decreto que, malia parecer imposible, é moito máis agresivo coa lingua galega que as “Bases para o decreto” presentadas hai agora tres meses. Se daquela sinalabamos o brutal retroceso que supuñan para o galego, e tamén a seria ameaza ás liberdades das persoas galego falantes, nesta ocasión constatamos que as carautas caeron de vez e agora se nos ofrece o rostro real dos obxectivos que se pretenden.

3. O texto presentado parte de premisas falsas e terxiversadoras da realidade. Téimase na mentira e no engano cando se recorre de novo á martabela de “a imposición do galego”, “a falta de liberdade lingüística dos alumnos” ou “a visión monolingüe do ensino”. O que se tenta é ofrecer unha realidade deformada para, sobre ela, deseñar as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.

4. Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste avance de proxecto de decreto.

5. Todas as medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. As referencias á elección de lingua por parte das familias buscan explotar e afondar nos prexuízos que soporta a lingua galega. Os mesmos que converteron aos redactores desta norma en paladíns do negacionismo da lingua propia de Galicia.

6. As medidas propostas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao “equilibrio”: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados- onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.

7. As afirmacións que pretenden enmascarar a agresión á lingua non resisten unha análise mínima. Coma tal, cando se fala de Educación Infantil, tras indicar que “o profesorado utilizará na aula a lingua predominante entre o alumnado” (a mesma fórmula que había no decreto de 1995, do que xa sabemos os resultados que deu, co galego desaparecido da maioría das aulas), pásase a afirmar isto: “prevese que nesta etapa o alumnado aprenda as dúas linguas oficiais de Galicia partindo da lingua predominante na aula”. Pero calquera que coñeza algo de didáctica de linguas, sabe que iso só sucederá nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Só un cinismo patolóxico pode negar que, nunha situación de precariedade da transmisión familiar da lingua galega, se fai imprescindible una acción decidida de incremento de horas na lingua desfavorecida durante os primeiros anos de escolarización (Educación infantil e E. P.) para facer posible ese equilibrio competencial que este avance de decreto di perseguir.

8. O apartado “Liberdade de expresión para os alumnos” merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixou claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.

9. A apoteose do cinismo dáse nas liñas finais, cando se afirma que os cambios introducidos respecto das bases de decembro “responden ás suxestións e observacións realizadas polas preto de trinta entidades que o goberno galego escoitou no trámite de audiencia, entre elas o Consello da Cultura Galega e mais a Real Academia Galega”. Pensan de verdade que a cidadanía é tan parva? Se son quen de afirmar que atenderon os requirimentos da sociedade galega, entón estamos diante da falsidade como forma política e de goberno. Só a covardía xustifica afirmacións tales.

Galicia, 13 de marzo de 2010

2010/02/04

20 mentiras sobre a lingua galega

Espalla a verdade!
Prolingua 20 Mentiras sobre a lingua galega (2010)
View more presentations from A profa .

Selección do texto: Enrique Costas.
Elaboración da presentación: Pilar Ponte

55 mentiras en Cambados

ESTADES TOD@S CONVIDAD@S

Presentación 55 mentiras sobre a lingua galega

Esta é a listaxe provisional das 63 localidades nas que se fará a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega o próximo venres 5 de febreiro. Indicamos tamén o nome das persoas que participarán no acto en cada vila e cidade. As presentacións que se celebren en Galicia e no resto do estado español comezarán ás 20:30; os horarios no estranxeiro e outros aspectos desta actividade detallarémolos nos próximos días:

A Coruña, Sala de Prensa Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, entrada por Rúa da Estrela): Mercedes Queixas, Pancho Pillado, Martin Pawley e Alfredo Ferreiro
A Estrada, Agrupación Cultural KenKeirades: David Otero e Antía Otero
Allariz, Fundación Vicente Risco: Teresa Devesa e Antonio Blanco
Baio (Zas), Auditorio de Baio: Teresa Castro, Antonio Díaz Amor, Ricardo Vigueret
Baiona, Biblioteca Municipal: Concha Costas e Anxo Ratel
Barcelona, Centro Galego (Rambla Caputxins 35-37): Pere Comelles, Sabela Labraña, Xiana Díaz e Paulo Filgueiras.
Bethelem (Palestina), Libraría Kalila w-Dimma: Moncho Iglesias Miguez e Samar Sabat
Bos Aires (Arxentina), Biblioteca Galega da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires: Débora Campos e María Rosa Lojo, María Rosa Iglesias, Andrea Cobas Carral
Bruxelas (Bélxica), Livraria Orfeu: Ana Fontal, Xavier Queipo e Manuel González
Bueu, Museo Massó: Eva Rivas, Xabier Castro, Carme Novas Ferradás, Lucía Novas
Cacheiras-Teo, Mediateca do Grilo: Carme Hermida, Xosé Mª Lema Suárez e Rosa Moreiras Cuñarro
Caldas de Reis, Biblioteca Municipal: Ana Rial, Cesar Longa e Xosé Candal
Cambados, libraría Ramón Cabanillas (Rúa do Hospital, 40, baixo): Paco Fdez. Rei, Emilio Insua e Pilar Ponte
Cangas, Auditorio Municipal: Héitor Mera, Rita Paredes, Ana Ameal e Xosé Manuel González
Carballo, Pazo da Cultura: Xan Fernández Carrera, Silvana Castro e Farruco Fraga
Carnota, Confraría de Pescadores de Lira: Chisco Naval, Mercedes Díaz Maián e Belén Campos
Celanova, Aula de Cultura Caixa Galicia: Xoán Carlos Domínguez Alberte e Leopoldo Rodríguez Puga
Cerceda, Biblioteca Pública de Cerceda: Xosé Bocixa e Manuel Lourenzo
Chantada, Casa da Cultura: Manolo Figueiras e Xosé Miranda
Copenhague (Dinamarca), Libraría-Café Rayuela: Alejandro Tobar e Iago Cordal
Corcaigh/Cork (Irlanda), Book Library da University College Cork, ás 17.15 h: Carlos Seco, Ciaran Dawson e Xoán Sartal.
Cotobade, Multiusos de Carballedo: Hadrián Faílde Perdiz, Antón Vidal Andión e Malores Villanueva
Cuntis, Casa da Cultura: Héitor Picallo Fuentes, Olimpo Arca, Maka Arca Camba, Silvia Fernández Piñeiro e Santiago Martínez López
Fene, Casa da Cultura: César Yáñez, Moncho Gándara, Quique Sanfiz
Ferrol, Ateneo Ferrolán: Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Lastra e Xosé Manuel López Leira
Gondomar, Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira nº 10): Xilberte Manso, Gonzalo Navaza. Atención! En Gondomar a presentación será ás 20:00
Guitiriz, Casa das Palabras: Alfonso Blanco
Lalín, Museo Ramón María Aller: Rafa Cuíña, Alberto Granxa e Luz Méndez
Lisboa (Portugal), Casa do Brasil, 21.30 h: Antonio Mira e André Filipe Simões
Londres (Gran Bretaña), Instituto
Cañada Blanch, 317 Portobello Road, 19.00 h: Inma Gil Rosendo e Eva Moreda
Lubián (Zamora), Salón de plenos do Concello de Lubián (Souto da Feira, 7): Felipe Lubián e Carme Pousa
Lugo, Librería Trama: Paco Martín e Antonio Reigosa
Madison (Wisconsin, EEUU), University of Wisconsin, Edif. Ingraham, Aula 133: David MacKenzie
Madrid, Ateneo de Madrid: Alejandro Hermida, Asunción Canal Covelo e Laura Montes Iglesias
Marín, Biblioteca Municipal: Ana Acuña, Carlos Solla e Lucía Outeiro
Melide, Centor Social Xosé Vázquez Pintor: Vanessa Martínez Iglesias, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Luís Santiso e Valentina Formoso
Moaña, Centro Cultural Daniel Castelao: Asunción Soñora Abuín, Daniel Costas Currás, Benxamín Riobó Sanluís e Xabier Cordal
Monforte, Galería Sargadelos: Xosé Manuel Eyré e Suso Verao
Nablús (Palestina), Libraría Kubut: Fahed Salahat e Mohamed Salahat
Nigrán, Casa do Concello: Anxo Valverde, Xan Lois Cabreira e Emma Lázare
Noia, Casa da Cultura Avilés de Taramancos: Lola Arxóns, Agustín Agra e Carlos Maquieira
Nova York (EEUU), New York City University: Alexandre Alonso Nogueira e Humberto Ramilo Costas
O Barco, Biblioteca Municipal: Manuel Agra, Luísa G. Macía e Xaquín Freixeiro
O Grove, Casa da Cultura "Lueiro Rei": Xesús Mª González Domínguez, Luís Rei, Rosario Pérez Magdalena e Patricia Arias Chachero
Ourense, Ateneo de Ourense: Serafín Alonso, Xosé Antón Laxe Martiñán e Xián Bobillo
Padrón, Casa do Patín: Anxo Angueira, Rita Bugallo e Xosé García Lapido
París (Francia), Instituto Cervantes (sala 1.3): Martinha Varela e Antón Figueroa
Pobra de Trives, Casa da Cultura: Mónica Baleirón e Mª Luísa Travieso
Ponferrada, Sala da Obra Social de Caja España en Ponferrada: Paco Velasco, Nuria Varela e Rafael Adán
Ponteareas, Biblioteca Municipal: Alberte Reboreda, Anxo Saborido e Xosé Manuel Moo
Pontedeume, Centro Municipal de Maiores: Xosé Francisco Correa Arias, Xoán Lorenzo Crespo.
Pontevedra, Galería Sargadelos: Ana Outón, Ana Iglesias e Elvira Ribeiro
Ribadavia, Casa da Cultura: representantes da Plataforma Ribeiro pola Lingua
Ribadeo, Casa das Letras: Xavier Campos e Rocío Dourado
Ribeira, Ateneo Valle Inclán: Encarna Pego, Miguel Louzao, Pura Prado e Alexandre Cortés Ayaso
Salceda de Caselas, salón de actos do CEP Altamira: Suso Sánchez e Flori Veloso
San Martiño de Trebello (Val do Ellas, Extremadura), Casa do Concello: Domingos Frades Gaspar, Severino López Fernández e Máximo Gaspar
Santiago, Librería Couceiro: Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse
Saraievo (Bosnia), Kulturni Center Fuad Jahic: Jairo Dorado
Trintxerpe (Guipúzcoa), Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe, concello de Pasaia: Xosé Estévez, Manolo Irixoa, Filipe Domínguez e Koldo Izagirre
Tübingen (Alemaña), Libraría Rosa Lux (Lange Gasse 27), 20.00: Aitor Rivas, Johannes Kabatek e Mariana Petitti
Tui, área Panorámica (antigo S. Paio): Helena Pousa e Alberto Valverde
Verín, Casa da Cultura: Xesús Lantes, Bieito Barreira e Zeltia Barreira
Viana do Bolo, IES Viana do Bolo: Carlos Ferreiro González e Patricia Fernández López
Vigo, Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol): Xosé Henrique Costas, Manuel Bragado, Agustín Fernández Paz
Vilafranca do Bierzo, Casa da Cultura de Vilafranca: Marisa Cela e Antonio Nestral
Vilagarcía, auditorio municipal: Xan Guillén, Héitor Silveiro e Cruz López Martínez
Vilalba, Salón de Actos da Casa da Cultura: Primitivo Iglesias, Luis Villares, Moncho Paz, Ricardo Polín e Antía Veres Gesto
Vitoria/Gasteiz, salón de actos do Centro Galego de Vitoria: Xavier Iglesias, Itziar Ayestaran, Idoia Ezeiza e Débora Álvarez Moldes

2010/01/25

55 mentiras


55 mentiras sobre a lingua galega

o primeiro libro de Prolingua

O próximo venres 5 de febreiro ás 20:30 horas
multipresentación simultánea en
máis de 50 localidades.
Estade atent@s porque non vos poderedes perder
aquela que teñades máis perto!