Mostrando postagens com marcador BIBLIOTECAS. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador BIBLIOTECAS. Mostrar todas as postagens

2011/10/24

Paixón de biblioteca



Reproduzo aquí a columna de opinión de Reme Vázquez publicada no blog de Galaxia o 18 de outubro de 2011.
_________________


Paixón de biblioteca

O vindeiro 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Este ano, o excritor Patxi Zubizarreta, expón no cartaz promocional un fermoso texto que fala de nós, as persoas que traballamos nas bibliotecas, e di, dun xeito lánguido e reconfortante, que somos xente apaixoada. Eu tamén creo na paixón. Hoxe en día a biblioteca é moitas cousas, de sobra por todos coñecidas, pero a fin primeira aínda responde a ese romanticismo: vou a tenderche unha man. 

Cando pola porta entra esa indecisa señora e plantexa: -Quero unha novela, pero non sei que levar- e eu lle pregunto - ¿Que lle gusta?, ela sorrí. Debe de ser, que quedan poucos lugares onde fagan esa pregunta e agarden a escoitar a resposta. A miúdo piden unha novela sinxela, que non me dea que pensar, que non dea problemas, problemas xa teño eu dabondo, algo livián... Nós dicimos, -Veña comigo. E ela adoita seguirnos confiando no noso criterio e confía de todo no plan que temos trazado para as súas tardes de choiva ou as súas noites de insomnio.  

Cando día tras día o rapaz máis introvertido da cidade senta a ler banda deseñada no chan, fuxido,  ausente, irreverente, e un ve que escolle volver ao mesmo sitio, adoito pensar, que non erramos deixándoo autónomo e que foi acerto proporcionarlle un lugar.  

Cando ante nós desfila, só nunha tarde, o avó, a coidadora, a rapaza coa súa nai, o ciclista, a que sae de traballar, o pai coa mochila de Dora Exploradora, un neno co traxe de judo, dona Carme, Ahmed… creo que a nosa fortuna é a de contar co grande espazo onde collemos todos. 

Imaxina unha grande botica chea de tarriños con soños que a xente pode soñar, imaxina escoller un xeado, imaxina unha solución, unha calma ao teu problema, imaxina unha compaña, un capricho, unha posibilidade, imaxina un apoio, unha paz, imaxina que é onde a ves sen que se dea conta, ou onde o viches por primeira vez, imaxina que está na túa cidade…

Leva moita razón Patxi Zubizarreta no seu discurso deste ano, eu tamén creo que somos beduinos que prendemos lume no cumio da montaña cando imos durmir….

2011/06/02

A insoportable levedade das Bibliotecas Escolares

Reproduzo o manifesto "A insoportable levedade das Bibliotecas Escolares" para demandar unha reconsideración intelixente por parte da consellería de educación mais tamén como homenaxe a todas esas traballadoras e traballadores e ás súas horas de dedicación altruísta a facer da biblioteca algo que vai moito máis alá de ser un recinto onde se gardan saberes en forma de libro.
Non se pode seguir recortando en servizos fundamentais como a educación, aínda que se xustifique dicindo que é o prezo para que saian as contas.
__________________
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos.


Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE.

De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información.

Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater.

A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces.

Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas.

Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser?

Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos? O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia.

Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable.

Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal.


Onde quedou ese entusiamo?


Que interpretación debemos facer?


O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo?



E nós?


En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas


se despois de tanta insistencia


é a propria Consellería a que nos

invisibiliza?

2011/03/17

Lipdub do IES Fontem Albei da Fonsagrada



Vía Cabrafanada atopo este lipdub do IES Fontem Albei da Fonsagrada, unha forma lúdica e moi orixinal de levar a cabo a formación de usuarios da biblioteca escolar.
Alegreime moito de ter a oportunidade de volver a ver o instituto, fíxome moita ilusión pois foi aí onde realicei a miña primeira substitución, 11 días onde o pasei xenial, alá na prehistoria dos tempos.

2010/11/02

O Quixote interactivo

O Quixote interactivo é un proxecto que permite un achegamento innovador á primeira edición da obra de Cervantes, conservada nos fondos da Biblioteca Nacional de España, e a un conxunto de contidos multimedia que axudan a contextualizala.
Partindo da dixitalización a moi alta calidade dos exemplares que conserva a BNE da 1ª edición (as de Madrid de 1605 e de 1615) construiuse un portal interactivo que conta con mapas, ilustracións, gravados e outros contidos procedentes de 43 edicións distintas da obra e doutras 21 obras diferentes pertencentes tamén á BNE. 


As posibilidades de navegación a través da obra son totais e cunha calidade gráfica impresionante. Neste sentido gustaríame salientar unha desde o punto de vista pedagóxico porque nos ofrece unha nova posibilidade de visualización da obra (xa antes contida en guías de lectura impresas), trátase da navegación a través dos mapas das rutas, que permiten visualizar a viaxe e partindo duns puntos no mapa localizar os framentos da obra alusivos.


Entre os materiais complementarios, gustome especialmente o apartado destinado aos libros de cabaleirías onde se estuda O Quixote en comparación con outras obras de cabaleirías partindo de seis características básicas deste xénero literario.


No meu parecer, o punto máis feble deste material é o apartado destinado á vida do século XVII que non mantén o nivel de calidade do resto do recurso, polo demais, moi altamente recomendable.

E haberemos de poder ver algunha vez así unha mostra da nosa literatura?