Mostrando postagens com marcador CINE. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador CINE. Mostrar todas as postagens

2016/03/06

2014/08/13

Oh capitán, meu capitán...


Onte morría Robin Williams, o actor, ademais do doutor Patch Adams, Armand o divertido pai do noivo, a coidadora Mrs. Doubtfire, o avogado Peter Pan, o profesor Gerald Lambeau, o soldado Adrian Cronauer, para moitas persoas da miña xeración será xa para sempre o querido e admirado profesor Keating.
Fai 25 anos, en novembro de 1989, estreábase El club de los poetas muertos, lembro que non había quen saíse do cine sen os ollos inchados.
Estaba en segundo de carreira cando vin por primeira vez o filme de Peter Weir, era un canto á pedagoxía da liberdade, á fascinación da paixón de ensinar a vivir, a permanecer. Ao longo deste cuarto de século non lembro xa en cantas ocasións tiven a oportunidade de ver de novo a película, pero en todas elas volvín a experimentar a mesma emoción pola profesión.
Grazas Sr. Williams!

2011/03/01

Onde vai o noso cine? u-lo flocos.tv?




Flocos é un produto de AGADIC realizado pola empresa A navalla suíza, o seu desenvolvemento comezou o 12 de setembro de 2008 e axiña se converteu nun proxecto exitoso. Un sitio web de vídeo con máis de 360 películas realizadas por creadores e creadoras de Galicia, desde 1931 ata agora. En tan só 27 meses de existencia, funcionaba como unha rede social para cineastas e afeccionados, e tiña máis de 1800 membros rexistrados.

Podemos ver o gráfico de visitas, máis datos relacionados coa audiencia aquí, onde é posible observar como sorprende o mantemento dun número de visitas importante malia o abandono da páxina nos últimos tempos:





Esta iniciativa recibiu o premio Mestre Mateo 2008 á mellor obra interactiva, abonda con ver o vídeo.


Coa chegada do goberno presidido por Feijoo a web deixou paulatinamente de incorporar novidades e ultimamente non tiña actualización ningunha.


En febreiro de 2010 Ozo Perozo creaba un grupo en Facebook pedindo a reactivación da páxina e en maio de 2010 o responsable de Medios da Xunta, Cabaleiro, afirmaba que o site seguiría en funcionamento incorporada nun novo portal pero a realidade é que neste momento flocos.tv deixou de existir.

Na web de AGADIC pódese ler:


A Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- bota a andar en xuño de 2008 como axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura. Ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables, tal e como establece a súa lei creación (Lei 4/2008, do 23 de maio).



A AGADIC substitúe ao Instituto Galego das Artes Escénicas (IGAEM) e, a diferenza deste, non restrinxe a súa actuación a un sector específico, senón que engloba a totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais, empresas e industrias culturais.


Fins da AGADIC

  • Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural
  • Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.

Flocos non era sitio web máis, ademais dunha páxina de cine, era un impresdindible e insubstituible material pedagóxico e un lugar común onde toda a cidadanía podía gozar do patrimonio filmográfico galego. Do mesmo xeito que non consentiriamos que queimasen a fachada do Obradoiro furtándolla aos nosos ollos, non deixemos que nos furten un patrimonio filmográfico ao que non poderemos acceder doutro xeito. Fala coa túa administración e transmítelle o que para ti significa esta gran perda, pregunta onde vai o noso cine e esixe o retorno do cine galego á túa pantalla, esixe a volta de Flocos.tv á rede! 

AGADIC
Rúa de Vesada s/n, San Lázaro. CP. 15703 - Santiago de Compostela
Teléfono: 981 577 126 / 981 577 128
Fax: 981 577 127
Correo: agadica r r o b axunta.es

_____________________

Tamén falan do tema:
A Nosa Terra
El voto con botas
Caderno de Lingua
Carta Xeométrica
Chuza
La Voz de Asturias
Público

2011/02/09

Mundo Lois

Poderémolo ver axiña, de momento, un adianto.

Mundo Lois from Mundo Lois on Vimeo.

2011/01/30

El orden de las cosas


Para quen aínda non o saiba, en Trafegando ronseis pódese atopar a mellor recompilación de vídeos que coñezo sobre violencia machista. A súa última entrega é esta El orden de las cosas, unha curtametraxe dos irmáns Esteban Alenda que xa conta con numerosos premios:
- Mellor Banda Sonora en Islantilla 2010 grazas á fermosísima composición de Sergio de la Puente

Buscar más artistas como Sergio de la Puente en Myspace Music
- Roel de Oro na XXIII semana de cine de Medina del Campo 2010
- Premio na XII semana de Madrid en Corto 
e agora está nominada aos Goya na categoría de mellor curtametraxe de ficción.
Pero en  Galicia xa tivemos oportunidade de ver esta xoia grazas á organización da última edición do FICBueu (Festival Internacional Curtametraxes Bueu) o pasado mes de setembro.


El orden de las cosas conta como transcorre na bañeira a vida de Julia onde pinga a pinga vai ir reunindo o valor necesario para cambiar a orde das cousas.
Gustaríame tamén salientar o traballo da actriz Manuela Velles que interpreta a Julia, a protagonista, todo un exercicio de xestualidade.
Espero que vos guste.

2010/07/21

Vestido nuevo

Esta é a segunda curta de Sergi Pérez López, conta a historia dun neno que o día de entroido en vez de ir ao colexio disfrazado de dálmata como o resto dos seus compañeiros, decide ir vestido de nena e isto provoca diferentes reaccións na mestra, nos compañeiros e compañeiras da súa clase, no director e no seu pai.

Un vídeo que pode dar moito que aprender nas aulas.




Contra a marxinación, ofrezamos amor.

2010/04/15

Decímolo ou non o decimos? (1985)

Atopei en flocos.tv esta curta de Manuel Yáñez Castro do ano 1985.


A obra está baseada na historia de Ánxel Fole "¿E decímolo ou non-o decimos?". 

" [...] en 1972 deu á luz o relato urbano ¿E decímolo ou non-o decimos?, nun folleto editado en Lugo por Cartonaxes Anmi, preludiando xa o ciclo de vilas e cidades de Galicia que ambientarían os libros Contos da néboa, publicado por Edicións Castrelos en 1973, e Historias que ninguén cre, ofrecido por Edicións Xerais de Galicia en 1981."

Este texto do autor lugués pódese atopar na obra Historias que ninguén cre (1981), reeditada en 2004 por Galaxia, ou en Ánxel Fole. Obra literaria completa II. Obra en galego (2003), na mesma editorial.

E indo dunha cousa noutra, tamén atopei esta presentación de Xoán Díaz sobre Ánxel Fole.

2009/04/24

flocos.tv


flocos.tv, unha páxina creada pola Axencia Audiovisual Galega, dependente da Consellería de Cultura tense convertido desde a súa creación en cita imprescindible no mundo da cultura audiovisual galega, é o vídeoclub on line da nosa cinematografía.
As producións organízanse en catro tipos: ficción, animación, documental e experimental.
Tamén ofrece outra sección para ciclos. Aí podemos atopar algúns claramente aproveitables no ensino: A lingua animada, A Guerra Civil ou  Memoria de Muller.
A páxina ofrece tamén unha estrutura de rede social de tal xeito que podemos puntuar as obras, facernos fans, realizar comentarios, establecer amigos no noso perfil ou acceder ás páxinas dos directores.
Esta iniciativa de momento parece ter unha acollida máis que exitosa con máis de 1.000 usuarios rexistrados en dous meses, segundo Martin Pawley.
Máis información en Días estranhos.

2009/01/31

A escola das areas


A escola das areas
é unha animación en plastilina realizada por Virginia Curiá e Tomás Conde baseada nun texto de Frei Martín Sarmiento. A obra é moi didáctica e exemplifica as teorías de Sarmiento sobre o ensino en lingua galega. Resulta especialmente divertida a lingua do mestre, un castelán cheo de galeguismos de todo tipo.
Argumento: Frei Martín Sarmiento vén a Pontevedra para buscar un remedio para a varíola. Alí discute cun mestre sobre a necesidade de lles ensinar aos nenos o galego. Para demostrar a súa tese en favor do noso idioma, Sarmiento aposta que pode ensinarlle a un rapaz, Alfonsiño, a ler e escribir en tres días co seu propio método educativo.