2010/06/29

Que é un viral?

Hoxe vía Twitter tiven constancia de ver o meu primeiro "viral". É este:



"O concepto marketing viral, e por extensión, "viral" como produto dese tipo de marketing, é un termo empregado para referirse ás técnicas de marketing que intentan explotar redes sociais e outros medios electrónicos para producir incrementos exponenciais en "renome de marca" (Brand Awareness), mediante procesos de autorreplicación viral análogos á expansión dun virus informático. Adoita basearse no boca a boca mediante medios electrónicos; usa o efecto de "rede social" creado por Internet e os modernos servizos de telefonía móbil para chegar a unha gran cantidade de persoas rapidamente." (Adaptado da Wikipedia).

Desde logo neste caso funciona, segundo avanza o vídeo pasas a sorrir para rematar rindo abertamente con independencia da análise da mensaxe do viral en si mesmo.

2010/06/28

A cripta do apóstolo, misterio no camiño


Misterio no Camiño de Santiago
PILAR PONTE
Hai unhas semanas, a profesora Dolores Vilavedra publicaba un artigo na prensa onde reflexionaba sobre "a escaseza de textos literarios contemporáneos que se inspiren no Camiño de Santiago" e/ou que desenvolvan a temática xacobea, e chamaba a atención sobre o feito de que tivese que ser un autor alófono quen viñese tratar o tema nas nosas letras en referencia a Pere Tobaruela. E isto aínda chama máis a atención se facemos conta de que xa en 1997 fora unha sevillana, Concha López Narváez, a que conseguira un grande éxito cunha novela desta temática, Endrina e o segredo do peregrino, que en 2004 había de editar en galego a editorial Galaxia.
A aposta editorial de Xerais por este Xacobeo 2010, ofrécenos libros que abranguen diversos xéneros, guías, estudos etnográficos e históricos, libros fotográficos, literatura infantil e un título de literatura xuvenil, A cripta do apóstolo, de Pere Tobaruela, unha historia de misterio no Camiño de Santiago.
Parabéns á magnífica montaxe fotográfica que presenta o volume, realizada por Antonio Seijas, que podemos encadrar dentro do grupo das cubertas anticipatorias e a cuxa visión volvemos ao longo da lectura tentando adiviñar o que aínda está por vir.

Fotografía de Pere Tobaruela realizada por Xoán A. Soler.
Como acontece con outros moitos títulos de Fóra de xogo, a catalogación de literatura xuvenil aquí só serve para nos indicar que aos adolescentes tamén lles pode gustar este libro e non que se trate dunha lectura só para ese tramo de idade. Aínda que non faltan elementos propios do xénero xuvenil: parte dos protagonistas son un grupo de catro amigos de último curso de primaria que realizan desde Somport o camiño de Santiago co seu colexio, a aventura iniciática que supón a peregrinación ou a descuberta do amor adolescente.
O libro divídese en dúas partes de extensión desigual, a primeira titúlase "A Lenda", abrangue aproximadamente cincuenta páxinas, e nela o autor novela a lenda do apóstolo desde as súas orixes ata o nacemento da cidade de Santiago de Compostela. A segunda, titulada "A cripta do apóstolo", constitúe o corpo da novela, e nela ofrécesenos a historia da peregrinación dos catro amigos durante dúas semanas acompañados dun misterioso e enigmático monitor.
Podemos sinalar un grande acerto desta obra fronte a outras do xénero, o seu indubidable carácter didáctico. O importante labor de documentación levado a cabo por este autor barcelonés que xa leva cinco anos entre nós, ten como froito a inclusión no discurso novelesco de moitas das lendas e feitos históricos relacionados con monumentos e personaxes importantes da peregrinación sen sacrificar a frescura da historia.
Unha boa lectura onde poderán atopar unha gran dose de intriga que mediante xogos con anagramas os manterá en vilo ata a última páxina, e non é metáfora.

TOBARUELA, Pere: A cripta do apóstolo. Edicións Xerais de Galicia. Colección Fóra de Xogo nº 130. Vigo. 2010. 333 páxinas.


(Este artigo foi publicado o 10 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

2010/06/27

Lois Pereiro - Letras Galegas 2011

Lois Pereiro por Xosé Abad.
Parabéns para a RAG pola elección de Lois Pereiro como autor homenaxeado nas Letras Galegas 2011.

2010/06/21

Areaquente, o acoutamento da existencia

Hoxe Areaquente de An Alfaya gañou o Premio San Clemente 2010, alegroume a noticia, creo que a obra merece o premio como xa merecera o Lueiro Rey. 

Aproveito a ocasión e déixovos aquí  o artigo escrito para o suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo que saíu publicado o 24 de decembro  de 2009. Nel falo sobre esta novela publicada por Sotelo Blanco Edicións.

Fotografía de Paco Vilabarros en A Nosa Terra.

O acoutamento da existencia
Pilar Ponte

Acabo de rematar a lectura de Areaquente de An Alfaya, premio Lueiro Rey 2009 de novela curta que non ha decepcionar. Sempre é gozosa a concesión dun premio, en primeiro lugar polo compromiso dos convocantes coa nosa cultura, neste caso o concello do Grove e a editorial Sotelo Blanco e en segundo lugar polo que supón de valoración da obra en si e de promoción social do título gañador. Neste caso hai que engadir a dotación económica (3000 euros) que non é nada desdeñable nestes tempos en que a crise económica parece sempre que comeza polas artes.
A obra de Alfaya, inscríbese de pleno no existencialismo no que ten de exploración da condición humana e  da liberdade individual. A capacidade de decidir e de asumir posteriormente a responsabilidade envolve a todas as personaxes do texto: do Val e Bernarda nun momento determinado optan pola fuxida como errada táboa de salvación, Primitivo e Elixio deciden calar e afogar así as súas existencias, Inés decide deixar a do Val, Cao decide suicidarse. Unha e outra vez as diferentes decisións de todos eles trazan xiros inesperados nunha trama que non deixa de nos sorprender ata un final que a discreción non nos permite desvelar.
E non podemos deixar de ver as influencias do mestre do existencialismo, e así, Do Val, como o Meursault de L’Étranger de Albert Camus, experimenta o illamento. O protagonista no seu desamor non desexa ter ningunha relación con ninguén e nese estado total de illamento semella ter perdido a sensibilidade e nin a morte do amigo é quen de o facer reaccionar, non está para ninguén, só está para si mesmo, o resto é pura desconexión do mundo materializada nese silenciar o móbil. E tamén como na obra do alxeriano, aquí a calor adquire valor de axente como un elemento que modifica a conduta das personaxes, atúrdeas e condúceas ao soño, de tal xeito que viven nun alternativo estado de soño vixilia onde por veces perden a consciencia de en cal dos dous estados se atopan.
Inevitable é tamén facer referencia á potente presenza lorquiana anticipada xa co poema “Tierra seca” que atopamos nos textos que preceden á obra. Velaí a esencia de La casa de Bernarda Alba perante nós neses habitantes de Areaquente, que como as personaxes do granadino, padecen esa calor que intensifica a tensión dramática e tamén posúen o carácter triste dos de terras secas, e esa vivencia da paisaxe condúceos agora aquí, como outrora acolá, á fatalidade. Mundos endógamos que só poden conducir á autodestrución. Unha fonte creativa que a autora lonxe de ocultar mesmo quere explicitar con esa chiscadela que supón a utilización do mesmo nome para unha das súas protagonistas.
Outro eixe vertebrador da novela é o visual. A imaxe sobrepasa o papel de escenario para adquirir protagonismo na construción do discurso narrativo, aínda que o termo imaxe resulta moi xeral e debeiramos falar máis propiamente dun encadramento fotográfico co que a autora vai recortando e fixando parcelas da realidade nos nosos ollos de lectores fotógrafos. E así na propia obra atopamos confirmacións destas visións diferentes sobre un mesmo elemento convertido en personaxe: “Para Inés era un sentimental; para Veiga un nostálxico. A perspectivas sobre a súa persoa coincidían”. Noutras ocasións An Alfaya afástanos e achéganos coma se cambiase de lentes desde unha panorámica de todo o páramo a unha macro das engurras dunha man ao tempo que leva a cabo unha perfecta dosificación da trama. Areaquente configúrase deste xeito como un texto rico de apaixonante lectura que nos lembra canto de básico temos nas nosas comúns existencias.
ALFAYA, An: Areaquente; Sotelo Blanco Edicións; Colección Medusa ; A Coruña, 2009; 187 páxinas.

Aquí, o vídeo da presentación da obra.

VI Certame Literario IES de Sanxenxo



O luns pasado cheguei á casa cunha rosa e un libro e non era Sant Jordi. Tiven o pracer de asistir á entrega dos premios do Certame Literario do IES de Sanxenxo que vai xa pola súa sexta edición.


Pero vaiamos por partes,  o 23 de abril de 2010, o IES de Sanxenxo, comandado por Loli, acollíanos a persoas de seis centros educativos do Salnés para un acto de creación simultáneo. Alí, máis de 200 alumnas e alumnos crearon poesía e prosa partindo da  escrita de Yolanda Castaño. Impresionaba ver todas aquelas cabezas bulindo na procura da palabra, nun ximnasio convertido en fervedoiro creativo.


Agora, case dous meses despois, reuníronnos para entregar os seus premios nun auditorio Emilia Pardo Bazán do concello pontevedrés practicamente cheo de familias e rapazada.


Os condutores do acto foron os membros da compañía de teatro Elefante Elegante, que adaptaron o seu espectáculo O Forno para a ocasión introducindo de xeito cómico a reflexión sobre a importancia dos libros e a literatura. Madame Lisette (María Torres) e O Barón (Gonçalo Guerreiro) divertíronnos cos seus diálogos acompañados pola música de Alex Fente.


A mantedora do acto foi a poetisa Yolanda Castaño que principiou falando da necesidade de nos expresar e da tendencia que cadaquén ten para facelo a través dunha determinada arte para logo se centrar na creación e máis propiamente na creación poética. Logo foi recitando algunha das súas composicións ao tempo que as explicaba e realizaba unha reivindicación das minorías culturais como un elemento positivo e fundamental na vertebración dunha sociedade sá. Gustaríame dicir que malia parecer que este discurso podía resultar demasiado abstracto para a audiencia xuvenil que alí estaba, non foi así, e a autora adaptou con mestría o seu discurso ao auditorio.


Por último, quero agradecerlles aos bibliomaníacos do IES de Sanxenxo o ben que me trataron e tamén desexo facer públicos os meus máis sinceros parabéns para ese equipo encabezado por Loli polo seu apoio á creación literaria entre a mocidade, ten moito mérito desenvolver unha actividade desa envergadura e que todo estea tan ben organizado.

2010/06/16

En galego tamén se fai ciencia: Elena Vázquez-Cendón

Elena Vázquez-Cendón

Profesora de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela

2010/06/14

En galego tamén se fai ciencia: Jorge Mira

Jorge Mira

Profesor de Electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela

2010/06/13

Premios Xerais 2010 en 23 fotos

Encontro de xeracións creativas.
Resumo en 23 fotos da celebración dos Premios Xerais 2010.

Premios Xerais 2010 en 10 impresións

1. Conmemoración dos 25 anos do Premio Merlín, a través de diferentes intervencións Celia Torres realizou un repaso pola historia do premio.

2. Fina Casalderrey, Chove prata en San Simón, discurso ameno dirixido a Merlín, o mago dos magos, que personifica esa evolución do Premio Merlín. Fermoso e con moi acertadas reflexións sobre a LIX (literatura infantil e xuvenil).


"...recorremos á infancia cando nos queremos poñer transcendentes e, logo, temos por pueril o que ten relación directa con ela.
Quizais, se nos acheásemos á LIX sen prexuízos, esta podería conquistar a independencia necesaria para se desenvolver en plenitude e non estaría tan subordinada á escola; mentres, o que me dita o mago que me asiste é que aproveite para manifestar a miña gratitude ao profesorado porque son elas e eles, os ensinantes, quen están a mitigar a invisibilidade desta literatura."



3 Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín.





4 Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela, pódela ver aquí opinando sobre as súas influencias no Encontro de Nov@s Escritores da AELG en 2009 e aquí recitando no Verbum.





5 A estreliña do luceiro que interpretou o grupo Os alegres da Buraca de Chapela (Redondela).

Parte dos integrantes do grupo Os alegres da Buraca.
 6 Manuel Bragado renuncia a facer unha análise da situación actual e aposta polas bondades de podeer gozar dunha festa dos libros e d@s escritor@s.



7 Este ano quedamos sen Premio de Literatura Xuvenil, esperemos que coa nova fusión das caixas galegas, en 2011 sexa recuperado.

8 Emocionante a fotografía de varios gañadores do Merlín, desde Palmira González Boullosa a Jacobo Fernández Serrano (gañadora do ano 1987) a (gañador 2009).



Foto conmemorativa da XXVª edición do Premio Merlín. Illa de san Simón, 12 de xuño de 2010. Algúns dos autores e autoras que obtiveron o Premio Merlín. Atrás, de esquerda a dereita: Jacobo Fernández Serrano (Mil cousas poden pasar, 2009), Helena Pérez (secretaria do xurado), Gloria Sánchez (Fafarraios, 1990), An Alfaia (¡Sireno, Sireno!, 1997), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico, 1994), Antonio García Teijeiro (Na fogueira dos versos, 1996), Mar Guerra (Xenaro e o misterio da mochila verde, 2008), Fina Casalderrey (Dúas báboas por Máquina, 1991), Ramón Caride (Perigo vexetal, 1995). Sentados, de esquerda a dereita: Carlos López (Minimaladas, 2007), Palmira González Boullosa (A princesa Lúa e o enigma de Kián, 1987), Agustín Fernández Paz (As flores radioactivas, 1989) e Teresa González Costa (A filla do ladrón de bicicletas, 2010). [Texto vía Xerais]

9 Vicios da ría para o padal: a empanada de choco e o salpicón.

10 O paseo en barco de volta moi breve, brevísimo, ás veces a terra firme debía estar lonxe, moito máis lonxe.
Palabras de Chove prata en San Simón de Fina Casalderrey que aínda ecoan na ría:

"Merlín, ti que coñeces os segredos dos silencios, pinta con tinta permanente a fala que herdamos dos nosos devanceiros para que ninguén nos borre, en calquera recuncho do planeta no que nos atopemos, a luz retroactiva da memoria e así poidamos seguir aprehendendo e soñando o mundo."

2010/06/12

En galego tamén se fai ciencia: Marcos Mariño

Marcos Mariño

Profesor do Departamento de Física Teórica e Sección de Matemáticas da Universidade de Xenebra

2010/06/10

En galego tamén se fai ciencia: Edita de Lorenzo

Edita de Lorenzo

Profesora e directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo

2010/06/08

En galego tamén se fai ciencia: Domingo Docampo

Domingo Docampo

Profesor do Departamento de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e ex-reitor.

2010/06/06

En galego tamén se fai ciencia: Ángel Carracedo

Ángel Carracedo

Profesor e director do Instituto de Medicina Legal. Grupo Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela

2010/06/04

En galego tamén se fai ciencia: Beatriz de Carlos

Beatriz de Carlos

Profesora de Física e investigadora na Universidade de Southampton

Eluvium - Prelude for Time Feelers

Eluvium, unha delicia que un amigo puxo no Facebook.

2010/06/03

Níxer: mantendo a ollada

Viaxes e aventura humanitaria
Pilar Ponte
A primeira noticia que tiven do libro foi a través de Emereci, moi boa conselleira, que recollía no seu blog a cita de Camilo Franco "Porque unha vida en Occidente non ten prezo, pero a vida en África non ten valor", a partir de aí xa todo foron boas palabras para Níxer.
O libro é unha iniciativa de Acción Contra a Fame (ACF), unha ONG humanitaria internacional que combate a desnutrición infantil, e Cultura Solidaria Galega (CSG), un colectivo de persoas da cultura galega que apoian voluntaria e desinteresadamente á delegación en Galicia da ACF. Da colaboración entre estas dúas organizacións xorde a viaxe que Francisco X. Fernández Naval (escritor), Camilo Franco (escritor e xornalista), Alfonso Costa (pintor) e Moustapha Bello Marka (escritor nixerino residente en Zinder) realizaron ao país africano e que daría como froito Níxer.

Mapa da fame en África da FAO.

Neste volume de viaxes e aventura humanitaria cada un dos autores recolle de xeito diferente e complementario as súas visións e vivencias dese estado africano, ata hai ben pouco o máis pobre do mundo, para que nós non miremos para outro lado e sigamos mantendo a ollada cara a ese Níxer de estatísticas inhumanas.
A parte de Fernández Naval é a que máis se achega ao libro de viaxes literario nun interesante e ameno relato desde a partida ata o regreso. A parte realizada por Camilo Franco é unha compilación de breves textos que se configuran como unha galería de instantáneas dese país fugaces e potentes. Tripla é a contribución de Alfonso Costa, con creacións plásticas nas que adiviñamos expresións nas faces insinuadas, e con creacións textuais, primeiro en prosa, e logo en verso. Unhas composicións poéticas nas que fai protagonista a muller africana tanto na súa beleza como na súa traxedia. E remata a obra cun conto infantil de Moustapha Bello Marka traducido do francés por Carlos Arias.
Unha chamada de atención ás nosas bibliotecas escolares, non deberían deixar de adquirir esta obra porque ofrece en galego dous dos elementos imprescindibles para a consecución dun "hábito lector sólido", a diversidade de enfoques e tamén de contido. Níxer convértese tamén dese xeito nun bo recurso educativo interdisciplinar onde atopar historia, antropoloxía, arte, economía, literatura, educación en valores... desde a lectura amena e amable sen deixar de ser fiel á dura realidade que nos transmite.
Níxer non é bo pola humanitaria orixe da iniciativa, nin polos fondos que se recaden, é bo en si mesmo como produto cultural, ameno e interesante. Lean este libro, non se han sentir defraudados, e logo, merquen outros exemplares para agasallar, sexan esa man que lle dá á estrelamar unha segunda oportunidade devolvéndoa ao mar que a deixou esquecida na area porque "non nacen flores na primavera de África".

FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X. et al. Níxer. Vigo: Xerais, colección Crónica, 2010, 263 pp.

(Este artigo foi publicado o 3 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

Os números da nosa vida 1

Fotografía en Flickr de U_g_g_B_o_y.

Que se pode facer cun millón de euros?

Pois depende:

1 millón de euros = campaña de publicidade do decretazo

1 millón de euros = gasto sanitario do SERGAS para prevención de drogas en 2010

2010/06/02

En galego tamén se fai ciencia: Xavier Alcalá

Xavier Alcalá

Profesor do Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e director da Oficina de Programas Internacionais de I+D+i da Xunta de Galicia

2010/06/01

Rosa Salgueiro: Guía de lectura de "Makinaria" de Carlos negro


Rosa Salgueiro, ademais de ser unha magnífica recompiladora de recursos para as aulas de lingua e literatura galegas a través da súa páxina Na punta da lingua, tamén recolle na web traballos de produción propia. A máis recente destas producións é unha guía de lectura de Makinaria, o libro poético de Carlos Negro en formato LIM.
É un material moi atractivo que seguro lle ha de resultar interesante ao alumnado. Contén actividades, digamos máis "clásicas", como identificación da estrutura da obra, de temas e de narradores.  Ao carón  atopamos outras propostas máis frescas e novidosas como aquelas relacionadas con outras artes como a pintura e especialmente coa música que levan a outras formas de ler.
Un núcleo de traballo da guía moi interesante é todo o tratamento que se fai da relación entre  morte, velocidade e alcol. Ofrécenos así unha serie de actividades, onde se aproveita tamén para traballar coa prensa, que convidan ao alumnado a reflexionar sobre o tema pero sen caer no tópico e deixando ao final unha mensaxe esperanzadora e positiva.
Nótase nesta guía que hai detrás un importante traballo de documentación e de selección de materiais que redunda de forma exitosa no produto final.
Preséntase en dúas versións para que cadaquén escolla en función do tempo de que dispoña ou do grao de profundización que lle interese. 
Gozar da paisaxe é a versión completa (40 actividades).
Ir polo atallo é a versión reducida tanto no número de actividades (30) como na súa extensión. Acompáñase tamén dun documento con indicacións técnicas e suxestións didácticas para o seu uso na aula.

Deixo tamén esta entrevista a Carlos Negro da xente de SonCine, realizada durante unha visita do autor ao IES Porto do Son.

Carlos Negro veu ao IES. Escoitamos poemas, lemos poemas, sentimos poemas. Despois armamos unha entrevista. (Na próxima a ver se poñemos trípode).

E non se me ocorre mellor forma para comezar no blog unha sección dedicada a materiais relacionados coa lectura que a referencia a esta guía de Rosa Salgueiro que paga moito a pena.
Arrincamos!