Viaxes e aventura humanitaria
Pilar Ponte
A primeira noticia que tiven do libro foi a través de Emereci, moi boa conselleira, que recollía no seu blog a cita de Camilo Franco "Porque unha vida en Occidente non ten prezo, pero a vida en África non ten valor", a partir de aí xa todo foron boas palabras para Níxer. O libro é unha iniciativa de Acción Contra a Fame (ACF), unha ONG humanitaria internacional que combate a desnutrición infantil, e Cultura Solidaria Galega (CSG), un colectivo de persoas da cultura galega que apoian voluntaria e desinteresadamente á delegación en Galicia da ACF. Da colaboración entre estas dúas organizacións xorde a viaxe que Francisco X. Fernández Naval (escritor), Camilo Franco (escritor e xornalista), Alfonso Costa (pintor) e Moustapha Bello Marka (escritor nixerino residente en Zinder) realizaron ao país africano e que daría como froito Níxer.
Mapa da fame en África da FAO. |
Neste volume de viaxes e aventura humanitaria cada un dos autores recolle de xeito diferente e complementario as súas visións e vivencias dese estado africano, ata hai ben pouco o máis pobre do mundo, para que nós non miremos para outro lado e sigamos mantendo a ollada cara a ese Níxer de estatísticas inhumanas.
A parte de Fernández Naval é a que máis se achega ao libro de viaxes literario nun interesante e ameno relato desde a partida ata o regreso. A parte realizada por Camilo Franco é unha compilación de breves textos que se configuran como unha galería de instantáneas dese país fugaces e potentes. Tripla é a contribución de Alfonso Costa, con creacións plásticas nas que adiviñamos expresións nas faces insinuadas, e con creacións textuais, primeiro en prosa, e logo en verso. Unhas composicións poéticas nas que fai protagonista a muller africana tanto na súa beleza como na súa traxedia. E remata a obra cun conto infantil de Moustapha Bello Marka traducido do francés por Carlos Arias.
Unha chamada de atención ás nosas bibliotecas escolares, non deberían deixar de adquirir esta obra porque ofrece en galego dous dos elementos imprescindibles para a consecución dun "hábito lector sólido", a diversidade de enfoques e tamén de contido. Níxer convértese tamén dese xeito nun bo recurso educativo interdisciplinar onde atopar historia, antropoloxía, arte, economía, literatura, educación en valores... desde a lectura amena e amable sen deixar de ser fiel á dura realidade que nos transmite.
Níxer non é bo pola humanitaria orixe da iniciativa, nin polos fondos que se recaden, é bo en si mesmo como produto cultural, ameno e interesante. Lean este libro, non se han sentir defraudados, e logo, merquen outros exemplares para agasallar, sexan esa man que lle dá á estrelamar unha segunda oportunidade devolvéndoa ao mar que a deixou esquecida na area porque "non nacen flores na primavera de África".
FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X. et al. Níxer. Vigo: Xerais, colección Crónica, 2010, 263 pp.
(Este artigo foi publicado o 3 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
Nenhum comentário:
Postar um comentário