2010/10/29
2010/10/10
Amigos sempre: Por tras da sotana
POR TRAS DA SOTANA
PILAR PONTE
Amigos sempre é unha novela de Afonso Eiré que viu a luz por primeira vez no ano 1998 con grande éxito de público e que agora reedita A Nosa Terra. O libro, que conta a historia dos anos de Seminario en Lugo dun grupo rapaces desde o seu ingreso, leva a cabo unha descrición polo miúdo da vida dentro desta institución, das relacións de poder, da disciplina, dos malos tratos, dos abusos sexuais mais tamén do nacemento da conciencia de grupo e da solidariedade. Un texto de agradable lectura no que as páxinas voan cara ao final moi ao noso pesar.
Haberá quen pense que resulta moi oportuna a reedición da obra neste momento en que están saíndo á luz tantos e tantos casos de abusos sexuais por parte de membros da igrexa Católica en todo o mundo e non lle faltará razón. Aínda que en forma novelada, Eiré pon ao descuberto prácticas ilícitas e denunciables por tras da sotana. Tanto é así que o autor ten confesado que esta novela nacera con vocación de reportaxe pero que non o puido ser porque algúns dos seus compañeiros non están dispostos a denunciar publicamente e só queren esquecer ese capítulo terrible do seu pasado.
Desde a óptica de hoxe, chama a atención a estratexia de romper cos lazos familiares dos rapaces e o clima de constante prohibición, de como lles era revisado o correo, se lles prohibía participar nas vacacións nos labores do campo, ir ás festas, ir á cidade... pois en todo había pecado e abandono do camiño dun “Dios” afastado e ríxido.
Non podemos deixar de comentar as aldraxes que dentro do seminario recibían aqueles que usaban o galego, motivo de castigo para todo o grupo cando algún neno o falaba, e o desprezo co que era tratado todo o que proviña da vida labrega como un submundo de seres inferiores animalizados do que os futuros cregos tiñan que renegar canto antes.
Lonxe de titulares sensacionalistas, Amigos sempre cumpre unha dupla función, dunha banda convértese nun instrumento de denuncia dos abusos que se produciron nesa época no seo dalgúns seminarios, e doutra banda sérvenos para entender unha etapa moi importante na traxectoria vital de boa parte dos dirixentes galegos e que logo había deixar pegada tanto nos seus comportamentos a nivel persoal como nas vinculacións persoais que se estableceron no futuro.
EIRÉ, AFONSO, Amigos sempre, A Nosa Terra, A Vigo, 2010, 295 páxinas. (Este artigo foi publicado o 7 de outubro de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
Etiquetas:
Afonso Eiré,
Amigos sempre,
Faro da Cultura,
LECTURAS,
LIBROS,
Pilar Ponte,
Producións Propias
2010/10/09
2010/10/08
As Deusas do Calvario: Retallos de vida
Francisco Antonio Vidal (fotografía de La Voz de Galicia). |
RETALLOS DE VIDA
PILAR PONTE
As deusas do Calvario é o fermosísimo título da oitava novela de Francisco A. Vidal, prolífico narrador, xornalista e ensaísta que nesta ocasión nos ofrece un texto que se move entre a novela social e a novela de protagonista heroica a través de textos fragmentarios que a xeito de crebacabezas debemos de ir compoñendo ao longo da lectura.
Xa ao comezo da obra nos situamos xeograficamente no polígono de Sabón e na costa de Oseiro, pertencentes ao concello de Arteixo nos arrabaldes da Coruña, desde ese momento inicial convertida na CIDADE con maiúsculas. E así, como o autor non aspira só a contar unha historia, senón tamén a nos explicar a configuración da cidade e a súa forma de existir, intercala unha serie de oito textos denominada Teoría da cidade onde desprega abertamente a súa condición de etnógrafo. A urbe aparece convertida nunha forza destrutiva capaz de acabar en poucas horas cos fortes e mañosos brazos dos homes e de transformar as tensas peles de doncela en doncelas deslucidas. Unha estrutura de círculos concéntricos de forza atraente de carácter centrípeto serve para explicar como desde os máis afastados arrabaldes os integrantes de cada círculo aspiran a formar parte do círculo seguinte ata formaren parte do “centro centrísimo” que se corresponde co centro xeográfico e económico identificado coa felicidade.
Vidal converte o arrabalde en barrio e realiza un retrato fiel das forzas que nel interactúan pola altura dos anos setenta. Trátase dunha narración crúa, sen eufemismos, na que dá conta da complexa engrenaxe que fai funcionar ese microcosmos-barrio. Un lugar habitado por esas deusas do Calvario que lle dan título á obra, mulleres sufridoras, incomprendidas, vítimas de diferentes circunstancias que as condenan a traxedias onde se impón o silencio.
Como di a señora Antonia, unha das heroínas da novela, “a vida está feita de retallos [...] dependendo da costureira, con eles pódese facer un farrapo ou o vestido dunha noiva”, estas palabras actúan como máxima e cada un é quen de trazar o seu camiño. Así uns no barrio conseguen salvar o chanzo da marxinalidade e ascender socialmente mentres que outros esmorecen por vieiros errados que só conducen á dor. Alí atopamos a Inés e a Sabela, e acompañámolas no seu camiño, a unha desde a “princesa de la boca de fresa” de Sabina ata un cadáver de trinta e tantos no encoro e a outra ata os salóns etiqueteiros das donas de obras de beneficencia, e a Antonia maltratada e a Moncha nai sufridora. Vidal xuntou os retallos e confeccionou un fermoso mantelo feito de abelorios de negro loito para o noso goce lector.
VIDAL, FRANCISCO A., As deusas do Calvario, Editorial Toxosoutos, Colección Nume, A Coruña, 2009, 208 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 23 de setembro de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
Assinar:
Postagens (Atom)