Mostrando postagens com marcador lingua. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador lingua. Mostrar todas as postagens

2016/04/01

Literatura Medieval - Introdución

1. Visiona o seguinte capítulo titulado Lingua de reis. Lingua do pobo e realiza un esquema das ideas principais expostas no vídeo.




2. Agora poderemos ver unha síntese da literatura trobadoresca grazas á aula do profesor brasileiro Ibirá Costa de AuladE.com.br, un proxecto educativo de carácter social desenvolvido profesorado co obxectivo de democratizar o coñecemento a través de aulas expositivas distribuídas de balde nas redes sociais.




3. Por último, nesta animación interactiva do Fitzwilliam Museum da Universidade de Cambridge poderemos ver as fases de elaboración dun manuscrito medieval. Este recurso baséase nunha páxina dun antigo libro do séc. XIV realizado para un bispo francés e que se coñece como o Pontifical de Metz.
Vía Caderno de Lingua.



2016/02/20

2015/11/02

Linguas e acentos dende Caderno de Lingua. Para min e para ti (3)

3. Linguas e acentos dende Caderno de Lingua
Román Landín tráenos un texto xornalístico de Ángel Carracedo para traballar diferentes contidos do ámbito da sociolingüística.

Para (indicacións de Román Landín):

  • Interferencias lingüísticas.
  • Linguas en contacto.
  • Prexuízos linguísticos.
  • Autoestima lingüística.
*Se realizas algunha actividade sobre o texto, por favor, compártea con Román no seu blog.

Porque se traballamos todos, traballamos menos e, xa que o fago, fareino Para min e para ti.

2013/12/03

O Valego



Estes días mentres nós estamos a falar nas aulas do territorio lingüístico da nosa lingua, Henrique Costas presenta polas librerías galegas o seu libro O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura) publicado por Xerais.




Como vedes pode ser ben interesante coñecer como o galego se desenvolve alén das nosas fronteiras administrativas actuais.
E xa que falamos de galego no exterior, aproveitaremos para ver o vídeo de Alba e Henar, dúas rapazas do Bierzo.

2013/06/13

Portal das palabras (visita devagar)


Engala o Portal das Palabras.

Hoxe presentouse ao público o Portal das Palabras como froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Como figura na presentación, ten como obxectivos:

"Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

Pois benvido sexa este portal, porque se hai algo que precisamos é de "ferramentas modernas" para ensinar e aprender que promovan o coñecemento e o uso, isto é, que axuden a "normalizar" o galego.
O Portal das palabras conta coas seguintes seccións: 
 
LÉXICO

Dicionario RAG (renovado e ademais incorpora unha utilidade de sinónimos e antónimos, e un sistema de busca avanzada, que permite buscar nas entradas e noutros campos, como as definicións, exemplos, etc. Os autores din que este sistema de busca complexa pode utilizarse tamén como dicionario de rimas, e engado eu, e xa non digamos para traballar a morfoloxía!)

 
Mira que din (observatorio das tendencias máis actuais da lingua, unha das miñas seccións favoritas dende xa!)


Palabra do día (estudo polo miúdo dunha palabra)

Setestrelo (agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra, ideal para os campos semánticos)

Palabras asinadas (un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia, onde por veces a lingua se converte en literatura)


VÍDEOS

Pregúntalle á Academia (un membro da RAG explica temas relacionados co léxico e a norma, pílulas de lingua!)


O mundo en palabras (unha persoa convidada repasa o léxico dun determinado ámbito temático).

XOGOS (vendo as posibilidades de toda a sección xa me emociono!)


Pódese participar en actividades e exercicios de coñecemento e habilidade lingüística dirixidos a públicos de distintas idades e destreza no manexo das palabras (Canto sabes, Dimo con letras, Apunta ben, A ver se das, Verdadeiro ou falso, Opa!, Só unha vale).
 
DIDÁCTICA
educaBarrié (o espazo de comunicación e intercambio de coñecemento da Fundación coa comunidade educativa, propón actividades educativas, tanto nos ámbitos familiar como escolar. Contén unha pequena unidade didáctica de uso do dicionario moi práctica para iniciar o alumnado)

Por certo, se che apetece traballar co uso do dicionario, tamén podes usar o meu JClic O dicionario.

Persoalmente había tempo que non levaba a nivel lingüístico unha alegría coma esta.

* O Portal das palabras aínda garda unha sorpresa máis, as apps do Dicionario para móbiles e tablets con sistema iOS e Android, pero diso falaremos outro día.

2012/03/09

Presentación de "Sherezade" de Carlos Medrano

Hoxe andaremos por aquí:


3C3 Editores comprácese en convidalo/a á presentación do libro
                                                                                                                                          

SHEREZADE

Novos relatos de pensamento creativo


de Carlos L. Medrano


No acto intervirán:

Pilar Ponte Patiño –profesora de Lingua Galega–.
Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3–.
Carlos L. Medrano  –autor da obra– .

O autor co seu anterior volume.


LUGAR: Librería COUCEIRO  (Praza de Cervantes, 6. SANTIAGO).
DÍA: Venres, 9 de marzo, ás 8 da tarde.

2011/11/08

Conxugador Cilenis


Contamos cunha nova ferramenta lingüística, o Cilenis Conxugador, elaborada pola empresa Cilenis, que nos ofrece a posibilidade de conxugar os verbos en galego e portugués.
Xa non hai desculpa para non aprender os verbos :)
Vía Cultura Galega.

Clasificación semántica dos substantivos


Antropónimo: nome de persoa (Uxía).
Hipocorístico: variante familiar dun nome propio (Catuxa, Pepe...).
Alcume: denominación dunha persoa que non son o seu nome, normalmente poden afectar a un individuo ou a toda a súa familia ou provir dalgunha característica física (O Roxo, os Farrucos-os do Farruco).
Patronímicos: apelidos (Ponte, Fernández, Queixas).
Topónimos: nomes de lugar (A Pobra do Caramiñal).
Orónimos: nomes de montañas, serras e soutos (serra da Loba).
Hidrónimos: nomes de ríos, lagos e zonas húmidas (río Pedras).

_______
Exónimos: nomes dos topónimos estranxeiros nunha lingua determinada (Londres, Nova York).

2011/10/25

A lingua de Alcaián



Éme moi grato compartir con vós a aparición dunha nova bitácora didáctica, trátase dun blog de aula de lingua e literatura, A lingua de Alcaián, que nace no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco da man de Mercedes Queixas Zas.
Que de onde lle vén o nome ese de Alcaián? Poderédelo saber visitando o blog, unha resposta ben fermosa e máxica.  
Ademais conta con seccións como o/a escritor/a do mes, ou o libro da semana.

2011/01/15

A Muller Lamprea: 1º prexuízo



Xa temos aquí á Muller Lamprea, e a súa loita contra os inmundos monstros: as mentiras e os prexuízos.
A nosa heroína comezará loitando contra ese prexuízo que di que "o mellor sería que só houbese unha lingua, así entenderiámonos todos".
Contra ese prexuízo temos as palabras de Castelao:
"Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
CASTELAO, Sempre en Galiza

* O proxecto da Muller Lamprea é unha idea orixinal da profesora Iria Collazo posta en práctica grazas á colaboración dos departamentos de Dinamización da Lingua Galega e Plástica do IES As Barxas de Moaña.

2011/01/13

A Muller Lamprea


Desde o IES As Barxas de Moaña en presentación exclusiva para todo o universo traémoslles o nunca visto, unha obra maestra realizada en colaboración polos departamentos de Normalización Lingüística e Plástica. O texto é da profesora Iria Collazo, a parte plástica de Luz Beloso e está posto en boca de Daniel Álvarez, un alumno de 4º de ESO.
Pero non perdamos máis tempo, xa temos aquí á única no mundo, á inigualable, á máis poderosa de todas as mulleres que nunca existiron, xa está aquí para todos vós, A MULLER LAMPREA!  
A Muller Lamprea ten unha misión no universo, a súa loita contra os inmundos monstros: as mentiras e os prexuízos!
Non perdas de coñecer a historia desta nova heroína galega que chega ata nós para loitar pola recuperación do galego.

2010/03/08

É moito pedir

 (clica na imaxe)
É moito pedir que as páxinas de Turgalicia en galego non sexan unha mala tradución automática.

2009/12/12

Motorola non connected with the Galician



Ningún teléfono Motorola ten opción galego na escolla de idioma. Recibín confirmación oficial a través de correo electrónico tras realizar a consulta ao seu servizo de atención ao cliente.
Síntoo por eles.
Motorola does not connect with me