2013/06/13

Portal das palabras (visita devagar)


Engala o Portal das Palabras.

Hoxe presentouse ao público o Portal das Palabras como froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Como figura na presentación, ten como obxectivos:

"Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

Pois benvido sexa este portal, porque se hai algo que precisamos é de "ferramentas modernas" para ensinar e aprender que promovan o coñecemento e o uso, isto é, que axuden a "normalizar" o galego.
O Portal das palabras conta coas seguintes seccións: 
 
LÉXICO

Dicionario RAG (renovado e ademais incorpora unha utilidade de sinónimos e antónimos, e un sistema de busca avanzada, que permite buscar nas entradas e noutros campos, como as definicións, exemplos, etc. Os autores din que este sistema de busca complexa pode utilizarse tamén como dicionario de rimas, e engado eu, e xa non digamos para traballar a morfoloxía!)

 
Mira que din (observatorio das tendencias máis actuais da lingua, unha das miñas seccións favoritas dende xa!)


Palabra do día (estudo polo miúdo dunha palabra)

Setestrelo (agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra, ideal para os campos semánticos)

Palabras asinadas (un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia, onde por veces a lingua se converte en literatura)


VÍDEOS

Pregúntalle á Academia (un membro da RAG explica temas relacionados co léxico e a norma, pílulas de lingua!)


O mundo en palabras (unha persoa convidada repasa o léxico dun determinado ámbito temático).

XOGOS (vendo as posibilidades de toda a sección xa me emociono!)


Pódese participar en actividades e exercicios de coñecemento e habilidade lingüística dirixidos a públicos de distintas idades e destreza no manexo das palabras (Canto sabes, Dimo con letras, Apunta ben, A ver se das, Verdadeiro ou falso, Opa!, Só unha vale).
 
DIDÁCTICA
educaBarrié (o espazo de comunicación e intercambio de coñecemento da Fundación coa comunidade educativa, propón actividades educativas, tanto nos ámbitos familiar como escolar. Contén unha pequena unidade didáctica de uso do dicionario moi práctica para iniciar o alumnado)

Por certo, se che apetece traballar co uso do dicionario, tamén podes usar o meu JClic O dicionario.

Persoalmente había tempo que non levaba a nivel lingüístico unha alegría coma esta.

* O Portal das palabras aínda garda unha sorpresa máis, as apps do Dicionario para móbiles e tablets con sistema iOS e Android, pero diso falaremos outro día.

Nenhum comentário: