Mostrando postagens com marcador reivindicación. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador reivindicación. Mostrar todas as postagens

2011/11/11

O Ben-Cho-Shey, demandas educativas con ritmo


O 22 de setembro a ANPA do CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar facía público este vídeo de denuncia en YouTube, unha forma lúdica de protesta que sumaban ás súas manifestacións e andainas.
Semella que a situación ten cambiado para esta xente reivindicativa e reproduzo o contido da última entrada no seu blog con data 6 de outubro.

"A Consellería de Educación mediante un comunicado de prensa, anunciou o pasado mercores 5 de outubro, a inclusión dunha partida orzamentaria de 200.000 euros para a ampliación do noso colexio para o ano 2.012.
Non obstante, O ANPA do colexio público Ben-Cho-Shey, continuarán coas accións reivindicativas en defensa dos seus lexítimos dereitos, en tanto, non exista un compromiso firme e por escrito, da inclusión dunha partida no proxecto de presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2.012, para licitar o proxecto e as obras de ampliación e melloras do colexio Ben-Cho-Shey, así como, o compromiso de que as devanditas obras se finalicen antes do inicio do curso 2.012-2.013.
Por último, a Comunidade Educativa do colexio público Ben-Cho-Shey, seguirá reclamando insistentemente, unha igualdade de oportunidades e non discriminación, entre o ensino público e privado en Pereiro de Aguiar, así como, unha educación pública e gratuíta de calidade, independentemente das condicións sociais, económicas ou outras circunstancias, dos alumn@s."

2009/12/02

Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais na Internet

Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía Sustentable de modificacións lexislativas que afectan ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través da internet, os xornalistas, bloggers, usuarios, profesionais e creadores da internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que:

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de lles impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación vai crear inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e demorando aínda máis a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Coa internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias das obras e na internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se adecúen aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolverlle á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse despois do oportuno debate público e tendo consultado previamente a todas as partes implicadas. Non parece democrático que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia. Por favor difunde este manifesto no teu blog, Twitter, en redes sociais, en foros ou imprímeo e repárteo.