_________________
Paixón de biblioteca
O
vindeiro 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Este ano, o
excritor Patxi Zubizarreta, expón no cartaz promocional un fermoso texto
que fala de nós, as persoas que traballamos nas bibliotecas, e di, dun
xeito lánguido e reconfortante, que somos xente apaixoada. Eu tamén creo
na paixón. Hoxe en día a biblioteca é moitas cousas, de sobra por todos
coñecidas, pero a fin primeira aínda responde a ese romanticismo: vou a
tenderche unha man.
Cando pola porta entra esa indecisa señora e plantexa: -Quero unha novela, pero non sei que levar- e eu lle pregunto - ¿Que lle gusta?, ela sorrí. Debe de ser, que quedan poucos lugares onde fagan esa pregunta e agarden a escoitar a resposta. A miúdo piden unha novela sinxela, que non me dea que pensar, que non dea problemas, problemas xa teño eu dabondo, algo livián... Nós dicimos, -Veña comigo.
E ela adoita seguirnos confiando no noso criterio e confía de todo no
plan que temos trazado para as súas tardes de choiva ou as súas noites
de insomnio.
Cando día tras día o rapaz máis introvertido da cidade senta a ler banda deseñada no chan, fuxido, ausente,
irreverente, e un ve que escolle volver ao mesmo sitio, adoito pensar,
que non erramos deixándoo autónomo e que foi acerto proporcionarlle un
lugar.
Cando
ante nós desfila, só nunha tarde, o avó, a coidadora, a rapaza coa súa
nai, o ciclista, a que sae de traballar, o pai coa mochila de Dora
Exploradora, un neno co traxe de judo, dona Carme, Ahmed… creo que a
nosa fortuna é a de contar co grande espazo onde collemos todos.
Imaxina
unha grande botica chea de tarriños con soños que a xente pode soñar,
imaxina escoller un xeado, imaxina unha solución, unha calma ao teu
problema, imaxina unha compaña, un capricho, unha posibilidade, imaxina
un apoio, unha paz, imaxina que é onde a ves sen que se dea conta, ou
onde o viches por primeira vez, imaxina que está na túa cidade…
Leva
moita razón Patxi Zubizarreta no seu discurso deste ano, eu tamén creo
que somos beduinos que prendemos lume no cumio da montaña cando imos
durmir….