Mostrando postagens com marcador Xerais. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xerais. Mostrar todas as postagens

2010/04/15

Melancolía de Sofá de Luísa Castro

Aquí vos deixo o artigo aparecido o 15 de abril de 2010 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo. Nel falo sobre o libro de artigos xornalísticos Melancolía de sofá de Luisa Castro publicado por Xerais.

(Clica na imaxe para ver en grande)

2009/06/09

A profa en Brétemas e no blog de Xerais

Tras os Premios Xerais, seguimos na rede e este blog aparece citado tanto en Brétemas como no blog de Xerais.

A min tamén me tocou o Xerais

Si, si, e non estou tola, a min este ano tamén me tocou o Xerais, e ademais en varias ocasións, aínda que iso non o recollerán os papeis.

Un día chamoume o señor Bragado, ese que eu seguía en Brétemas e na Radio Galega, para me ofrecer formar parte do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia.
Logo puiden coñecer a Noli e tamén poñerlle cara amable á voz de Celia coa que tiña falado nalgunha ocasión por teléfono.
Ese mesmo día tiven a oportunidade de participar nun xantar tan exquisito como divertido no castelo de Soutomaior. E alí tamén coñecín a Fran Alonso e a outras e outros que prefiro non nomear por medo a esquecer a alguén.
E chegou a hora do traballo e/ou diversión de intercambiar con Amanda (sempre certeira), Alba (experta en fantasías varias), Mónica (magnífica coincidente) e Verónica (pesquisadora inesgotable) os nosos pareceres e praceres sobre as lecturas con Noli (supersecretario respectuosísimo). E tiven o honor de formar parte dun xurado que lle outorgou o premio Fundación Caixa Galicia 2009 a unha das miñas máis admiradas escritoras, Rosa Aneiros.
Recibín agasallos xa moi queridos que hei conservar moi celosamente (en galego) todo o tempo.
E fixen dúas grandes descubertas: Ana Bande e Mónica Góñez.


Unha romaría de xente diversa iniciamos a travesía mariñeira nun barco festeiro que ofrecía músicas e risos fronte a nubeiros ameazadores.
Gustoulles a nosa proposta e, antes da cerimonia, mesmo deixaron chegar o sol ao paseo dos buxos onde atopei amigos.
E soaron as zanfonas e as voces potentes de Sobre rodas, como habería de ser unha terra na que todos soubesen cantar así?


E presenciei as “Oito doas para San Simón” de Agustín Fernández Paz alí preto, cada palabra saíndo da súa boca, que parecía que falaba o sentimento dun pobo enteiro.


E cando rematou el, puiden erguerme e, xunto cos demais, ofrecerlle en forma de longo aplauso o respecto, o cariño, a admiración... o agradecemento todo. Unha longa homenaxe coas bágoas da inxustiza de saber que a quen lle correspondería non llo ha de facer como ben merece.
Como ás veces as cousas na vida cadran aínda mellor que na ficción, Jacobo Fernández Serrano recibiu o seu agasallo de aniversario.
E tamén estiven alí cando Rosa Aneiros explicou a súa aposta pola adolescencia e lle dedicou o premio a Agustín Fernández Paz.


Logo escoiteina, A ver Rosita, que conto queres que che conte, o conto do rato chosco ou o conto de Cuba?... e souben que ben merece o premio quen tan fermosamente é quen de recibilio.


E chegou a hora dO Xefe, o noso Celta ascendía, o anuncio da dixitalización dos fondos, os logros acadados, mais un aquel acedo impedíalle o riso grande, non era por menos, o que tiña que dicir non era noticia festeira, foi breve, valente e claro, era necesario, a súa mensaxe tiña que traspasar aquel recinto, saír daquela illa, daquela ría e chegar lonxe, moi lonxe.
Prestaron a empanada, e o polbo, e o xamón, o queixo con marmelo e as roscas.
Puiden visitar “A ILLA”, observala, pisala e ulila en breves pero intensos momentos afastada do bulicio da festa.


E fixen unha viaxe de retorno en barco deliciosa, deixamos atrás a illa, unha lúa enorme e todas as luces da ría para nós no mar. Desexo forte de que aquela travesía tan pracenteira non rematase tan axiña, só un chisco máis, que ao mellor logo non o lembro ben todo.
Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.