2009/04/24

flocos.tv


flocos.tv, unha páxina creada pola Axencia Audiovisual Galega, dependente da Consellería de Cultura tense convertido desde a súa creación en cita imprescindible no mundo da cultura audiovisual galega, é o vídeoclub on line da nosa cinematografía.
As producións organízanse en catro tipos: ficción, animación, documental e experimental.
Tamén ofrece outra sección para ciclos. Aí podemos atopar algúns claramente aproveitables no ensino: A lingua animada, A Guerra Civil ou  Memoria de Muller.
A páxina ofrece tamén unha estrutura de rede social de tal xeito que podemos puntuar as obras, facernos fans, realizar comentarios, establecer amigos no noso perfil ou acceder ás páxinas dos directores.
Esta iniciativa de momento parece ter unha acollida máis que exitosa con máis de 1.000 usuarios rexistrados en dous meses, segundo Martin Pawley.
Máis información en Días estranhos.

2009/04/23

Blogaliza renóvase

Esta entrada recolle a información enviada pola administración de Blogaliza.

A comunidade Blogaliza acolle a máis de 1.700 blogues en galego (sobre temas literarios, educativos, blibiotecarios, deportivos, persoais, políticos, etc.) e máis de 6.000 usuarios/as rexistrados/as. A portada de Blogaliza amosaba até agora o último publicado no blogomillo, todos os blogues escritos en galego, na propia Blogaliza ou noutros sistemas, máis o directorio deste crecente blogomillo.

NOVOS SERVIZOS DA BLOGALIZA

O próximo 1 de maio abriremos a nova Blogaliza, unha versión ampliada do habitual servizo de blogues en galego que integrará tamén noticias culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e moitos outros contidos.

A partir dunha nova portada xeral da comunidade, poderase consultar a actualidade do blogomillo, con especial intensidade no ámbito da cultura a través de seccións especializadas en literatura, música, cinema, artes visuais, etc. A apertura destas seccións será progresiva, comezando pola de letras.

PARTICIPACIÓN NA CONFIGURACIÓN

Desde a Blogaliza temos claras expectativas do que non debe faltar, mais queremos facer un convite público a todas as persoas, colectivos e institucións que queiran facer propostas para enriquecela.

Desde hoxe e até o 1 de maio na portada de Blogaliza accederase a un blogue aberto ás propostas de todos. Calquera pode mandar ideas e debatelas para que sexan integradas na nova Blogaliza. Para iso só é preciso enviar un correo para propostas at blogaliza.org, que será publicado como nova anotación, cos comentarios abertos para, entre todos/as, ir perfilando as novas ideas.

DIFUSIÓN DO PROXECTO

Agradeceremos toda a difusión posíbel deste correo, coa pretensión de facermos da Blogaliza un aberto centro cultural na rede. Un espazo sen cancelas onde poder comunicar, debater, partillar e fornecer en liberdade e respecto a cultura que queremos.

PUBLICIDADE

Na Blogaliza temos o compromiso de que os blogues continúen a ser de balde e sen publicidade, como até agora, salvo nas portadas temáticas, espazos onde posibilitaremos referencias publicitarias coa intención de financiar o proxecto e asegurar a súa viabilidade.

Vía Brétemas.

2009/04/22

Biblioteca Dixital Mundial (WDL)


Enlace do trinque, estreamos a Biblioteca Dixital Mundial (WDL) que nace con 4 grandes obxectivos:
  • Promover o entendemento internacional e intercultural;
  • Ampliar a cantidade e a variedade de contidos culturais na Internet;
  • Facilitarlles recursos aos educadores, estudosos e ao público en xeral;
  • Permitirlles ás institucións asociadas reducir a distancia dixital dentro de e entre os países.
Trátase dun proxecto de colaboración entre a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, a UNESCO e socios de todo o mundo tanto na parte de elaboración como colaboración privada nos custos de mantemento.

Está dispoñible en 7 idiomas: árabe, chinés, español, francés, inglés, portugués e ruso. Todos os citados menos o portugués son os idiomas oficiais da ONU. A enciclopedia ofrece versión tamén en portugués por ser un idioma moi falado a nivel mundial e tamén porque Brasil desempeñou un papel importante no desenvolvemento inicial do proxecto.

Á parte dun buscador directo, podemos ademais efectuar as buscas a través de cinco criterios: lugar, tempo, tema, tipo de artigo e institución.

A páxina carga bastante ben e ofrece as imaxes en tamaño grande.

Así, sen remexer moito atopei este manuscrito inglés de 1589 onde se ven os portos da Coruña e Ferrol.

Vía Vieiros.

2009/04/16

Aprendo en galego (en Blogaliza)


Aprendo en galego é un novo grupo que abrín na novísima rede social de Blogaliza para que quen quixer deixe alí enlaces a materiais didácticos (ou simplemente útiles para o ensino) realizados en galego para calquera disciplina de calquera nivel.
Creo que pode ser unha iniciativa bastante dinámica posto que todos os días hai compañeiras e compañeiros que realizan diferentes tipos de materiais que descoñecemos.
E independentemente de que vos interese ou non o grupo, anímovos a formar parte da rede social de Blogaliza que creo que se ha de converter en non moito tempo no máis importante centro de encontro virtual en galego.