Mostrando postagens com marcador RAG. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador RAG. Mostrar todas as postagens

2013/11/23

Fina Casalderrey, a irmá máis pobre

A fotografía da autora é de Editorial Galaxia.

O 22 de novembro de 2013 Fina Casalderrey lía en Pontevedra o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Chegaba unha muller máis á institución e canda ela toda a nosa literatura infantil e xuvenil.

A creación infantil e xuvenil galega é a máis vizosa das nosas literaturas, pero segue a ser a irmá máis pobre de todas elas; abonde con mirar as referencias nos medios de comunicación ao acto de onte. Tanto ten os premios que se leven, os recoñecementos todos, calquera betseller miserento é merecedor de máis páxinas e atencións.
Se quixésemos calcular todas as conversas que Fina Casalderrey ou Xabier Docampo ou Agustín Fernández Paz tiveron con escolares en Galicia, perderiamos a conta, e dubido moito que entre os tres deixen algún centro educativo da nosa terra sen escoitar a voz do autor porque percorreron a xeografía toda. Décadas de literatura repartida de balde, aula a aula, biblioteca a biblioteca. Algún día este pobo hase decatar da importancia social das súas autoras e autores, e quererá erguer con solemnidade unha estatua, mais xa será tarde para facer xustiza literaria.

Vaian os meus parabéns para Fina Casalderrey e para todas as escritoras e escritores que nos ilusionaron no pasado e que día a día seguen a alimentar os lectores do futuro.

Discurso de entrada de Fina Casalderrey na RAG en PDF.

2013/06/13

Portal das palabras (visita devagar)


Engala o Portal das Palabras.

Hoxe presentouse ao público o Portal das Palabras como froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Como figura na presentación, ten como obxectivos:

"Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

Pois benvido sexa este portal, porque se hai algo que precisamos é de "ferramentas modernas" para ensinar e aprender que promovan o coñecemento e o uso, isto é, que axuden a "normalizar" o galego.
O Portal das palabras conta coas seguintes seccións: 
 
LÉXICO

Dicionario RAG (renovado e ademais incorpora unha utilidade de sinónimos e antónimos, e un sistema de busca avanzada, que permite buscar nas entradas e noutros campos, como as definicións, exemplos, etc. Os autores din que este sistema de busca complexa pode utilizarse tamén como dicionario de rimas, e engado eu, e xa non digamos para traballar a morfoloxía!)

 
Mira que din (observatorio das tendencias máis actuais da lingua, unha das miñas seccións favoritas dende xa!)


Palabra do día (estudo polo miúdo dunha palabra)

Setestrelo (agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra, ideal para os campos semánticos)

Palabras asinadas (un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia, onde por veces a lingua se converte en literatura)


VÍDEOS

Pregúntalle á Academia (un membro da RAG explica temas relacionados co léxico e a norma, pílulas de lingua!)


O mundo en palabras (unha persoa convidada repasa o léxico dun determinado ámbito temático).

XOGOS (vendo as posibilidades de toda a sección xa me emociono!)


Pódese participar en actividades e exercicios de coñecemento e habilidade lingüística dirixidos a públicos de distintas idades e destreza no manexo das palabras (Canto sabes, Dimo con letras, Apunta ben, A ver se das, Verdadeiro ou falso, Opa!, Só unha vale).
 
DIDÁCTICA
educaBarrié (o espazo de comunicación e intercambio de coñecemento da Fundación coa comunidade educativa, propón actividades educativas, tanto nos ámbitos familiar como escolar. Contén unha pequena unidade didáctica de uso do dicionario moi práctica para iniciar o alumnado)

Por certo, se che apetece traballar co uso do dicionario, tamén podes usar o meu JClic O dicionario.

Persoalmente había tempo que non levaba a nivel lingüístico unha alegría coma esta.

* O Portal das palabras aínda garda unha sorpresa máis, as apps do Dicionario para móbiles e tablets con sistema iOS e Android, pero diso falaremos outro día.

2010/01/18

Grazas á RAG

Hoxe a RAG, coa súa codena ás bases do decreto trilingüista, fixo que moitos galegos sentísemos que hai unha intelectualidade en Galicia comprometida coa nosa cultura e co seu futuro. Parabéns aos membros da RAG e especialmente aos que participaron na exquisita redacción do texto.

Por se alguén máis se anima:
presidencia@realacademiagalega.org

2009/09/11

A inequívoca boca da liberdade galega


Así se refire o Rivas a Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, en alusión ao seu recente discurso en Celanova en contra da política lingüística de Feijoo diante do presidente.

Nunca escoitara falar da Declaración de Arbroath pero hoxe grazas ao Rivas souben dela e da seguinte frase desa declaración:

"It is in truth not for glory, nor riches, nor honours that we are fighting, but for freedom". "En verdade non é por gloria, por riquezas nin por honores polo que nós loitamos, senón pola liberdade".

E logo di tamén "o que dixo Barreiro ten madeira dese anaco de Arbroath".