2013/11/23

Fina Casalderrey, a irmá máis pobre

A fotografía da autora é de Editorial Galaxia.

O 22 de novembro de 2013 Fina Casalderrey lía en Pontevedra o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Chegaba unha muller máis á institución e canda ela toda a nosa literatura infantil e xuvenil.

A creación infantil e xuvenil galega é a máis vizosa das nosas literaturas, pero segue a ser a irmá máis pobre de todas elas; abonde con mirar as referencias nos medios de comunicación ao acto de onte. Tanto ten os premios que se leven, os recoñecementos todos, calquera betseller miserento é merecedor de máis páxinas e atencións.
Se quixésemos calcular todas as conversas que Fina Casalderrey ou Xabier Docampo ou Agustín Fernández Paz tiveron con escolares en Galicia, perderiamos a conta, e dubido moito que entre os tres deixen algún centro educativo da nosa terra sen escoitar a voz do autor porque percorreron a xeografía toda. Décadas de literatura repartida de balde, aula a aula, biblioteca a biblioteca. Algún día este pobo hase decatar da importancia social das súas autoras e autores, e quererá erguer con solemnidade unha estatua, mais xa será tarde para facer xustiza literaria.

Vaian os meus parabéns para Fina Casalderrey e para todas as escritoras e escritores que nos ilusionaron no pasado e que día a día seguen a alimentar os lectores do futuro.

Discurso de entrada de Fina Casalderrey na RAG en PDF.

Nenhum comentário: