2012/12/20

Gústame... o galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fainos chegar este vídeo dentro da divertida campaña Gústame… o galego! que iniciaron no Culturgal con moitísimo éxito.
Encántame ver tanta xente xunta á que lle gusta o galego!

2012/12/16

Desconecta e goza

Lembra que fóra das pantallas a túa vida agarda por ti.



Vía Jorge Couñago.

Isto non é un chiste. Te corresponde, nos corresponde



Te corresponde, nos corresponde

O coñecemento pode vir de todas as partes

Está visto que o coñecemento pode vir de todas as partes, como exemplo déixovos a última sorpresa corrixindo. A "marabillosa" resposta en vídeo é obra dun prodixioso alumno de 2º de ESO.

PREGUNTA: Coñeces a Eduard Punset? En caso afirmativo xustifica a resposta.
RESPOSTA: Si, coñézoo por unha parodia que se fixo deste programa. 
E de xeito aplicado inclúe link ao vídeo que vos achego.

2012/12/14

Chove sobre mollado

Imaxe de Subaria.

Estado meteorolóxico de alerta vermella, unha carapucha sobre unha mochila con patas avanza de costas aos vehículos sen reflectantes baixo o temporal no medio da nada, comodamente no meu coche, ao seco, reparo na escena, paro e dígolle que se quere o achego a algún sitio, enchoupado dime que non, que xa lle queda pouco. 
Seica non debería ter parado, que se é un menor e os pais me poden denunciar, que se o seguro da consellería non se faría cargo de nada, que se non se pode sentar precedente que logo cho piden todos. Volvo para a casa, continúa o temporal, paso polo mesmo camiño de onte e penso no absurdo, case é máis politicamente correcto atropelar a un alumno que subilo ao teu coche.
Estamos tolos ou que?
Seica o mundo non sabe que en Galicia chove!

Lecturas optativas bacharelato


Clica na imaxe.

2012/12/02

10 anos despois da GRAN MANIFESTACIÓN (1 de decembro de 2002)

Fai 10 anos tivo lugar en Santiago de Compostela A GRAN MANIFESTACIÓN en protesta polo GRAN DESASTRE DO PRESTIGE.


Pero as desgrazas agachan grandes momentos. 
A a nivel social, houbo daquela unha marea de solidariedade que percorreu Galicia coma nunca que nos fixo sentir a moitos de nós que aínda todo era posible. 
E e a nivel persoal, é para min un motivo de felicidade poder seguir estando rodeada das mesmas persoas coas que comparto esta imaxe gravada para sempre nos ollos e no corazón.



Daquela estabamos indignados. Dez anos depois, seguimos a estar INDIGNADOS!

2012/11/22

Petición | Ministro de Educación José Ignacio Wert: Retirada anteproyecto Ley LOMCE y diálogo con comunidad educativa | Change.org

Petición | Ministro de Educación José Ignacio Wert: Retirada anteproyecto Ley LOMCE y diálogo con comunidad educativa | Change.org

Nuncabunga

Nuncabunga é un espectáculo de elefanteelegante, a compañía de María Torres e Gonçalo Guerreiro, que vai andar de xira no mes de decembro por numerosas localidades galegas.
Trátase dun espectáculo sen palabras que como podedes observar no vídeo convida a acudir a velo.

2012/11/19

A nosa historia en 2 minutos

Hoxe na sala de profes Xosé Maneiro ensinounos este vídeo que parece ser é un traballo escolar dun alumno de secundaria.


Marabillounos a selección das imaxes, a sincronización coa música e a súa adaptación a ela (véxase por exemplo cando estala o nazismo) e sobre todo o concepto circular.
Comparto con vós esta marabilla.

Vía Viaxe a Ítaca.

Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz - Premio da Crítica Galicia 2012


 Parabéns Agustín!

Fotografía procedete de Letra en obras

“Fantasmas de luz” de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2012, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez; Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga; Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.
Escoitemos de palabras do propio Agustín como é o seu libro.
Este libro de Agustín é unha historia do cine, unha historia da crise dun mundo cambiante, a historia dun home, a historia do seu fogar e a historia de todos nós que desexamos ser de cores.
Grazas por alimentarnos.
*Podedes atopalo tamén na biblioteca do instituto.

Máis información sobre Fantasmas de luz no blog da editorial Xerais.

2012/11/13

2012/10/26

Aviso para o alumnado de 1º A e 1º B



O traballo en grupo deste trimestre terá un prazo de execución de 3 semanas que rematará para os 2 cursos o domingo 18 de novembro, data límite de entrega, e incluirá a lectura do libro Galván en Saor.


Constitución dos grupos:

1º A - 4 grupos de 4 persoas e 1 grupo de 5 persoas. 
O grupo de 5 persoas (Alba Pérez, Noa Varela, Laura Davila, Marta Sánchez e Alicia González) realizará un traballo sobre a ambientación medieval na novela.
1 grupo realizará o traballo sobre Galván.
1 grupo realizará o traballo sobre Merlín.
1 grupo (Clara González, Laura Brey, Sara García e Paula García) realizará o traballo sobre Artur.
1 grupo realizará o traballo sobre os heroes e as heroínas.


1º B - 4 grupos de 4 persoas e 1 grupo de 3 persoas. 
O grupo de 3 persoas (David Insua Domínguez, Rafael Méndez Portela e Rafael Picos Sanisidro) realizará un traballo sobre os heroes e as heroínas.
1 grupo (Aroa Míguez, Marina Varela, Nerea Pereira e María Sánchez) realizará o traballo sobre Galván.
1 grupo (Sergio Sobrido, Daniel Buceta, Mario Touceda e Jorge Ramos) realizará o traballo sobre Merlín.
1 grupo realizará o traballo sobre Artur.
1 grupo realizará o traballo sobre a ambientación medieval na novela.

Comunicaredes a formación de cada grupo mediante un comentario nesta entrada no que indicaredes:

- o curso
- as persoas que forman o grupo
- e o tema elixido. 

Os temas serán adxudicados por orde de entrada.

*Debido á duración das reunións de pais de luns e martes pola tarde, aprázase a entrega das normas de realización. Do mesmo xeito aprazarase tamén a data de entrega dos traballos.

Miyamoto e Como inflúen en nós os videoxogos?

Sigue os seguintes pasos para a realización da actividade:

Hoxe está de moda este home.




1) Sóache de algo?



2) E agora? Chámase Shigeru Miyamoto, investiga por que hoxe está de moda este home en España?

3)  Gústanche os videoxogos?

4) Xogaches algunha vez a algún dos seus videoxogos? En caso afirmativo, que che pareceu?

5) Cres que os videoxogos son bos ou malos? Xustifica a túa resposta.

6) Mira o vídeo do programa Redes emitido por RTVE o 21 de outubro de  2012.



7) Coñecías o programa Redes previamente? En que xénero televisivo podemos encadrar este programa (informativos, concursos, telenovelas...? Xustifica a túa resposta.




8) Coñeces a Eduard Punset? Se non é así, investiga quen é.




9) E sabes quen é Jorge Mira?




10) Que teñen en común estas dúas persoas?

Falemos agora do contido do vídeo.

11) Que é a práctica deliberada?

12) Que é a plasticidade cerebral?

13) Que é un nativo dixital? Na túa familia hai algún nativo dixital?

14) Que é o efecto multitarea?

15) Que efectos negativos teñen os videoxogos violentos? 

16) Que habilidades poden potenciar os videoxogos? 

17) Que é a empatía? Cres que es unha persoa empática? Cres que as novas tecnoloxías favorecen a empatía? Xustifica a túa resposta.

18) Canto tempo precisa o cerebro para reaccionar a un estímulo externo? E canto tempo precisa o cerebro para sentir determinadas emocións como a admiración? Que significa isto?

19) Cres que existe algunha relación entre o sentimento de soidade e os videoxogos?

20) Despois destas actividades mudou en algo a opinión que tiñas dos videoxogos. En caso de resposta afirmativa, explica en que.

2012/10/13

Máis que un fotógrafo: Guillermo Cameselle


Esta semana faleceu o xornalista gráfico Guillermo Cameselle (Vigo 1951-2012) despois de trinta anos de traballo en Faro de Vigo.

Os fotógrafos en moitas ocasións son os irmáns pobres do xornalismo en tanto que se minusvalora o seu traballo fronte ao do sacrosanto redactor. Un fotoxornalista ten que ser retratista, paisaxista, fotógrafo deportivo e o que se lle poña por diante, e rapidiño que en corenta e cinco minutos hai que estar ao outro lado da cidade porque alguén inaugura non sei que cousa.

O instante preciso.

O enfoque exacto. 

A captura do espírito.
A construción da nosa memoria histórica.
Durante os meus anos na sección de corrección e cerre de La Opinión A Coruña tiven a oportunidade de traballar canda eles e de comprobar como ás veces a forza do costume trivializa a arte, pero moitas outras é o disparo certeiro o que mellor capta a esencia da noticia e enche de verdade sen intermediarios a páxina do xornal. 

Vaia dende aquí a miña homenaxe a Guillermo Cameselle e a todos os xornalistas gráficos galegos que día a día constrúen a nosa memoria histórica en imaxes.

*As fotografías que ilustran este post son da autoría de Guillermo Cameselle e están tiradas da fotogalería de Faro de Vigo.

** Acabo de dar con este post sobre Cameselle en Brétemas.


2012/10/12

Cancelación actividade 1º de bacharelato

Fotografía de prestigiacomo.patricia en Flickr.

Debido a problemas técnicos queda cancelada a actividade prevista de visualización do vídeo, esquema e visualización da animación dos códices ata novo aviso.
Podedes aproveitar para ir adiantando a lectura.
Boa fin de semana sen deberes!

2012/10/11

O Bichero: O novo ensino | osquelemos

O Bichero: O novo ensino | osquelemos

Gálix: SOCIO DE HONRA 2012: Agustín Fernández Paz

Gálix: NOMEAMENTO DE SOCIO DE HONRA 2012: Agustín Fernánd...: Prezados socios/as e amigos/as de GÁLIX, Como sabedes, o vindeiro xoves día 18 de outubro , ás 11 da mañá , na Sala de Conferencias do Cen...

Gálix: Kalandraka: Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial

Gálix: Kalandraka: Premio Nacional á Mellor Labor Editori...: O Ministerio de Cultura distingue a KALANDRAKA   co Premio Nacional á Mellor Labor Editorial 2012.   O Ministerio de Educación, Cu...

2012/09/30

Musicalidades con Paco Gallego

O pasado 14 de setembro inaugurouse no Ágora da Coruña a exposición Musicalidades. Esta fin de semana uns grupo de amigos tivemos a oportunidade realizar unha visita cun guía de luxo, Paco Gallego, o comisario da exposición. Foto a foto fomos redescubrindo facetas descoñecidas de artistas que xa coñeciamos e, sobre todo, soubemos doutros cantantes e formacións cuxa existencia ignorabamos por completo. Tamén nos contou do proceso de realización de moitas das instantáneas e do instinto artístico de Sue Rainbow, a autora. Saímos do ágora enriquecidos e desexando chegar á casa para buscar música deses novos artistas que viven ao noso carón e dos que non sabiamos nada.




Velaquí vos deixo un vídeo sobre a exposición.



Anímovos a visitala, de momento vai estar na Coruña ata o 13 de outubro e probablemente despois sexa acollida noutras localidades.

2012/06/30

MOVING


Dende o IES Castro Alobre de Vilagarcía chegan estes ventos frescos MOVING.
Parabéns ao Equipo e a todos os membros da comunidade educativa que participaron no proxecto, velos é unha inxección de enerxía positiva incrible para rematar o curso.
Grazas por convidarnos a  movernos tamén.

2012/06/08

Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz

Agustín nos Xerais de 2009. (Fotografía de Aprofa)

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).


Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com
O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.
Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.
A Cerna de ProLingua
P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.
Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as
2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

2012/05/27

Caramiña creativa 2012



Mañá no IES da Pobra temos o luxo de contar con catro artistas das nosas letras para que reflexionen connosco sobre a creatividade desde diferentes perspectivas.

Uxía Casal ofrecerá unha visión da creatividade en xeral.
Antón Riveiro Coello falará da especificidade da creatividade literaria.
Rosa Aneiros responderanos a preguntas como: De onde nacen as historias?  ou se estas se buscan ou veñen?
Marcos Calveiro realizará unha reflexión sobre principio e final.

En nome do EDLG do IES e no meu propio gustaríame agradecerlles publicamente a súa xenerosidade por compartir connosco de xeito desinteresado tanto o seu tempo como o seu traballo.

2012/05/11

Sherezade de Carlos Medrano


Texto publicado no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo o 10 de maio de 2012.

2012/05/10

10 anos de Faro da Cultura



Hoxe cumpre dez anos a publicación do suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo
Gustaríame desde aquí darlle as grazas ao capitán da nave, a ese home grande chamado Xosé Ramón Pena, por me ter dado a oportunidade de formar parte da tripulación e por achegarme a lecturas que doutro xeito nunca tería experimentado.

2012/04/17

Paremos os ataques contra o galego!

2012/03/09

Presentación de "Sherezade" de Carlos Medrano

Hoxe andaremos por aquí:


3C3 Editores comprácese en convidalo/a á presentación do libro
                                                                                                                                          

SHEREZADE

Novos relatos de pensamento creativo


de Carlos L. Medrano


No acto intervirán:

Pilar Ponte Patiño –profesora de Lingua Galega–.
Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3–.
Carlos L. Medrano  –autor da obra– .

O autor co seu anterior volume.


LUGAR: Librería COUCEIRO  (Praza de Cervantes, 6. SANTIAGO).
DÍA: Venres, 9 de marzo, ás 8 da tarde.

2012/02/08

Boicot a Ariel Actilift por campaña sexista


Ariel amósanos esta temporada unha tristemente sexista campaña de lanzamento do seu produto Ariel Actilift, nela amósasenos a unha muller cando menos "ridícula e frívola" que avergonza o home que ten ao seu carón. É lamentable que aínda existan publicistas que crean que este tipo de publicidade pode atraer consumidores sen insultar a súa intelixencia.
Se ti tamén o ves así, convídote a que boicotees esta campaña publicitaria e a que lle deixes a túa queixa á compañía na súa páxina de contacto.

2012/02/05

Só a leitura salva


Vía Brétemas chéganos desde O Brasil este vídeo de animación á difusión da lectura.

2012/01/22

Receitas de sardiñas

Sardinas Parrochas Marinadas con Queso Idiazabal y confitura de Tomate
Fotografía de jlastras en Flickr, para ir á súa páxina clica na imaxe.

A práctica consiste no seguinte:
1 - Elaboración de 2 receitas que teñan as sardiñas como ingrediente principal.
2 - Unha receita deberá ser de cociña tradicional, para isto podes botar man de como se cociñan as sardiñas na túa casa.
3 - Unha receita de cociña innovadora, bótalle imaxinación e sorprende a nosa vista e o noso gusto.
4 - Sinala ben tanto os ingredientes como as fases de elaboración.
5 - Non esquezas achegar un elemento gráfico que ilustre a túa receita.
6 - Prazo de entrega: ata o día 29/01/2012 inclusive.
Se che parece pouco e queres lucirte tamén podes gravar un vídeo do proceso de elaboración.
Podes descargar aquí o modelo de documento para elaborares a túa receita.
Ánimo, e xa sabes...
presta máis unha sardiña con gusto, que unha galiña con disgusto.