2014/01/23

O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres - Estremadura)

O valego, lección de resistencia

PILAR PONTE
A colección Crónica de Xerais reservábanos como fin de festa para 2013 un interesante ensaio sobre as falas de orixe galega en Estremadura. Un estudo dialectolóxico? Si e non. A resposta será afirmativa en canto o obxecto de estudo, mais tanto polo contido do volume como polo seu obxectivo estamos perante unha obra que vai máis aló resultando unha lectura interesante non só para sisudos filólogos senón tamén para calquera persoa interesada en como a fala pode sobrevivir durante séculos grazas á conciencia idiomática e de comunidade diferenciada dos seus falantes.
O doutor Xosé-Henrique Costas actualiza, reestrutura e revisa de xeito conxunto os estudos realizados ao longo de dúas décadas de visitas ao Val do Ellas engadindo ademais materiais inéditos. Para isto achega a descrición da xeografía, onomástica, demografía e economía do val formado polos “Tres Lugaris”, realiza unha historia do galego nesta zona, desenvolve as hipóteses sobre o mantemento no tempo desta fala, delimita as falas obxecto de estudo e leva a cabo unha minuciosa descrición lingüística.
Resultan especialmente atractivos desde o punto de vista sociolingüístico o capítulo dedicado ao contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, o que estuda a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, así como o que afonda na historia da reivindicación destas falas.
Como o autor recolle no epílogo, o que interesa é que o valego “se coñeza e se recoñeza, que se ame”.
COSTAS GONZÁLEZ, Xosé-Henrique: O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 278 páxinas.
Este texto foi publicado o xoves 9 de xaneiro de 2014 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2014/01/20

Made in Galiza - 1ª semana

Arrincamos con Made in Galiza, para estudar esta obra imos utilizar a guía de lectura Lendo Made in Galiza.
  • O compromiso de lectura é ter lido para o xoves 23 de febreiro ata a páxina 26 incluída, isto é, os cinco primeiros textos da obra.
  • Do apartado Antes de leres o libro, realiza as actividades 4, 5, 6 e 7. 
  • Do texto Curtametraxe, realiza a actividade 80.
  • [Actividade de carácter voluntario] Do texto Uf, realiza o podcast da actividade 225.

Practica a morfoloxía verbal

Velaquí tes unha serie de test para practicares a morfoloxía verbal por cortesía de Revolta da freixa.

Verbos galegos 1
Verbos galegos 2
Verbos galegos 3
Verbos galegos 4
Verbos galegos 5
Verbos galegos 6
Verbos galegos 7
Verbos galegos 8

Procedemento de uso:
1. Clica no link ao test.
2. Rexístrate na aplicación (só a primeira vez).
2. Realiza o test.
3. Cando o remates, clica en Enviar test, envía unha copia a pilarponteclases@gmail.com

2014/01/19

Ámote Leo A. - 2ª semana

Fotografía de Fashion, Glam and Life.

LISBOA
  • O compromiso de lectura é ter lido para esta segunda semana ata a páxina 45 incluída.
  • Que leva Leo de Lisboa?
  • Que autores e lecturas aparecen ata a páx. 45 na novela? Elixe algo que che guste de tres deles e tráeo á clase.
  • Coñeces Lisboa? Resume a túa impresión sobre a cidade. En caso contrario, dános a túa impresión sobre calquera cidade que coñezas de xeito que poidamos vela a través dos teus ollos.

2014/01/17

Ámote Leo A. - Destino xalundes

LEO NON É BARBIE
Pilar Ponte


Prefiro espirme dende un comezo e confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi por iso para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes, e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.
E comezas a ler e convérteste en Leo, nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos, e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e, sobre todo, aprenderás de ti.
Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós que no seu momento non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun Ken.
Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas desexarás ter rematado este curso a carreira.
Algúns xa estamos preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular Destino xalundes con Leo A.

Este texto foi publicado o xoves 12 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2014/01/14

Hoxe aparezo no Cuestionario Proust de Ramón Nicolás



Pois si, hoxe, 14 de xaneiro de 2014 protagonizo a entrega do Cuestionario Proust de Ramón Nicolás, o meme galego do momento.

2014/01/12

Ámote Leo A. - 1ª semana


Nesta primeira semana realizaredes o Mapa sentimental de Leo A. baseándovos na información aparecida nas páxs. 11-15. Neste texto de reflexión daredes conta de cal é a situación de Leo e que circunstancias a rodean en canto aos afectos.