LEO NON É BARBIE
Pilar Ponte
Prefiro espirme dende un comezo e
confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi por iso
para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes,
e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que
continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.
E comezas a ler e convérteste en Leo,
nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos,
e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás
xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e,
sobre todo, aprenderás de ti.
Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me
gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós
que no seu momento non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha
viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos
viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa
con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes
unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda
coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun
Ken.
Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa
mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a
viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de
Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas
desexarás ter rematado este curso a carreira.
Algúns xa estamos
preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal
de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular
Destino xalundes con Leo A.
Este texto foi publicado o xoves 12 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário