Hoxe Areaquente de An Alfaya gañou o Premio San Clemente 2010, alegroume a noticia, creo que a obra merece o premio como xa merecera o Lueiro Rey.
Aproveito a ocasión e déixovos aquí o artigo escrito para o suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo que saíu publicado o 24 de decembro de 2009. Nel falo sobre esta novela publicada por Sotelo Blanco Edicións.
Aproveito a ocasión e déixovos aquí o artigo escrito para o suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo que saíu publicado o 24 de decembro de 2009. Nel falo sobre esta novela publicada por Sotelo Blanco Edicións.
Fotografía de Paco Vilabarros en A Nosa Terra. |
O acoutamento da existencia
Pilar Ponte
Acabo de rematar a lectura de Areaquente de An Alfaya, premio Lueiro Rey 2009 de novela curta que non ha decepcionar. Sempre é gozosa a concesión dun premio, en primeiro lugar polo compromiso dos convocantes coa nosa cultura, neste caso o concello do Grove e a editorial Sotelo Blanco e en segundo lugar polo que supón de valoración da obra en si e de promoción social do título gañador. Neste caso hai que engadir a dotación económica (3000 euros) que non é nada desdeñable nestes tempos en que a crise económica parece sempre que comeza polas artes.
A obra de Alfaya, inscríbese de pleno no existencialismo no que ten de exploración da condición humana e da liberdade individual. A capacidade de decidir e de asumir posteriormente a responsabilidade envolve a todas as personaxes do texto: do Val e Bernarda nun momento determinado optan pola fuxida como errada táboa de salvación, Primitivo e Elixio deciden calar e afogar así as súas existencias, Inés decide deixar a do Val, Cao decide suicidarse. Unha e outra vez as diferentes decisións de todos eles trazan xiros inesperados nunha trama que non deixa de nos sorprender ata un final que a discreción non nos permite desvelar.
E non podemos deixar de ver as influencias do mestre do existencialismo, e así, Do Val, como o Meursault de L’Étranger de Albert Camus, experimenta o illamento. O protagonista no seu desamor non desexa ter ningunha relación con ninguén e nese estado total de illamento semella ter perdido a sensibilidade e nin a morte do amigo é quen de o facer reaccionar, non está para ninguén, só está para si mesmo, o resto é pura desconexión do mundo materializada nese silenciar o móbil. E tamén como na obra do alxeriano, aquí a calor adquire valor de axente como un elemento que modifica a conduta das personaxes, atúrdeas e condúceas ao soño, de tal xeito que viven nun alternativo estado de soño vixilia onde por veces perden a consciencia de en cal dos dous estados se atopan.
Inevitable é tamén facer referencia á potente presenza lorquiana anticipada xa co poema “Tierra seca” que atopamos nos textos que preceden á obra. Velaí a esencia de La casa de Bernarda Alba perante nós neses habitantes de Areaquente, que como as personaxes do granadino, padecen esa calor que intensifica a tensión dramática e tamén posúen o carácter triste dos de terras secas, e esa vivencia da paisaxe condúceos agora aquí, como outrora acolá, á fatalidade. Mundos endógamos que só poden conducir á autodestrución. Unha fonte creativa que a autora lonxe de ocultar mesmo quere explicitar con esa chiscadela que supón a utilización do mesmo nome para unha das súas protagonistas.
Outro eixe vertebrador da novela é o visual. A imaxe sobrepasa o papel de escenario para adquirir protagonismo na construción do discurso narrativo, aínda que o termo imaxe resulta moi xeral e debeiramos falar máis propiamente dun encadramento fotográfico co que a autora vai recortando e fixando parcelas da realidade nos nosos ollos de lectores fotógrafos. E así na propia obra atopamos confirmacións destas visións diferentes sobre un mesmo elemento convertido en personaxe: “Para Inés era un sentimental; para Veiga un nostálxico. A perspectivas sobre a súa persoa coincidían”. Noutras ocasións An Alfaya afástanos e achéganos coma se cambiase de lentes desde unha panorámica de todo o páramo a unha macro das engurras dunha man ao tempo que leva a cabo unha perfecta dosificación da trama. Areaquente configúrase deste xeito como un texto rico de apaixonante lectura que nos lembra canto de básico temos nas nosas comúns existencias.
ALFAYA, An: Areaquente; Sotelo Blanco Edicións; Colección Medusa ; A Coruña, 2009; 187 páxinas.
Aquí, o vídeo da presentación da obra.
Um comentário:
Déixoche un agasallo con toda a miña admiración. http://www.blogoteca.com/snlredondela/index.php?cod=86866
Parabéns por este blog.
Postar um comentário