2010/05/25

Grazas por ese inmenso raio, blogueiro entre os blogueiros!


Un lóstrego

por Marcos Valcárcel

Ourense, 24 de maio de 2010

Aproveito a amabilidade do amigo Juan, un dos meus coidadores, para enviar estas liñas a todos os amigos e amigas.
Son de agradecemento a todas as entidades que nos últimos tempos me dedicaron o seu apoio ou recoñecemento, como o Pen Clube de Galicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Editores Galegos e o Liceo de Ourense.
Grazas a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a miña candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta de Galicia por concederme a medalla Castelao.
Grazas tamén á Fundación Curros Enríquez, ao Congreso Manuel Luís Acuña, á Fundación Carlos Casares, ao grupo Sarabela e aos medios de comunicación.
Grazas aos meus compañeiros do Instituto da Carballeira, os mellores do mundo. Grazas aos amigos que organizaron a homenaxe do 2008 e o libro Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade, con máis de duascentas colaboracións de escritores e artistas. Os amigos foron un diamante en bruto e un apoio constante: Benito Losada, Afonso Monxardín, Eduardo Núñez, César Ansias, Moncho Quintana, Xosé Luís Troitiña, Xoán Fonseca, Pepe Trebolle, Xulio Outomuro, Millán Picouto, e as súas donas.
Grazas ao meu irmán Fiz e a Ánxela polas xornadas fresqueiras ao pé dos carballos da súa casa no Pereiro.
E, por suposto, a María e a Eire: por todo.

Aproveito para despedir voces amigas, destacadas na nosa historia cultural: Anselmo López Morais, Manuel de Dios, Begoña Muñoz, Javier Randulfe e Perfecto Estévez.
“A vida, un lóstrego entre dúas escuridades”, escribiu o poeta Vicente Aleixandre. Até o labrego que vive nunha aldea na montaña deixa ese lóstegro entre os seus seres amados.Escoito a cantante brasileira María Bethânia e encontro este verso:”Navigar é preciso; viver nao é preciso”.
Navigar, descubrir a vida en cada minuto, deixar as fiestras abertas e reconciliarse coa TERRA.

Nota dos Amigos de Marcos:
O coidador foi apañando palabra a palabra, letra a letra nos casos de dúbida, para escribir este texto nas longas noites desta primavera. Con el péchase definitivamente o vizoso ciclo d´As Uvas na Solaina. Moitas grazas a todos e todas.


Nenhum comentário: