2014/09/23

21 días para 10 anos


Este ano faise unha década do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este texto tiña como fin deter, en primeiro lugar, e reverter, despois, a perda de falantes na nosa lingua. 
Vou falar dende a miña posición como profesora de lingua e como falante, e non preciso académicos ensaios de asisados investigadores que me demostren aquilo que o meu alumnado detecta sen problema ningún, que o galego non é unha lingua normalizada e que segue a perder falantes vertixinosamente. No meu instituto levamos dous cursos realizando unha actividade chamada 21 Días co Galego, un groliño de auga cheo de ilusión na longa travesía do deserto para o galego que supón a práctica lingüística do noso alumnado. Se o Plan funcionase, unha actividade coma esta sería un absurdo, lamentablemente teño a convicción de que é necesaria porque en moitos casos supón o primeiro intento de utilizar socialmente o galego. Preciso máis argumento que a existencia deste tipo de actividades para amosar a agoniante realidade da lingua galega? Poderemos falar sen descanso das marabillas do traxe novo do emperador, pero a realidade non deixará de ser que o rei está nu, que as autoridades e a sociedade galega non respectan o PXNLG e que non abondan 21 días para 10 anos.


Ilustración de Bertall para o conto O traxe novo do emperador.
- - - 
Disto tamén falaron outros que saben máis ca min:

Agustín Fernández Paz - Palabras baleiras
"Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes sabemos que a nosa liberdade lingüística é limitada. [...] Nestes días, cando lembramos o décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, cómpre reiterar o primeiro dos cinco Obxectivos Xerais que o Plan sinala: "Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións." Non son, non poden ser palabras baleiras."

Xabier Docampo - Dez anos que se esfarelaron en nada

Este domingo, 21 de setembro,  cúmprense dez anos daquel día no que o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Cando rematou a votación os parlamentarios, comezando polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga e seguindo polo vicepresidente, Alberto Núñez Feijoo, aplaudiron aquela decisión que acababan de tomar. Cos seus aplausos facían manifestación pública do que se comprometían diante do pobo galego:
·         Garantirlle a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
·         Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
·         Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
·         Promover a visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
·         Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
...hoxe as ilusións que depositamos no PXNLG, o crédito que lles demos aos políticos que o aprobaron no Parlamento foi deitado ao lixo do esquecemento. Dez anos despois conseguiron que o PXNLG desaparecese, como se nunca tivese existido e no canto de vermos avances na normalización lingüística o que se nos presentou foi un proceso de demolición do cativo edificio que tiñamos construído.

Xosé Antón Laxe Martiñán - Dez anos de PXNL: nada podemos celebrar

"Hoxe, en 2014, se todo decorrese como debe ser en democracia, as institucións públicas galegas estarían organizando ducias de congresos, conferencias, seminarios e outros actos encamiñados a conmemorar a histórica data e a explicar os avances que se deberan lograr nunha década. [...] Pero nada disto será posible. Nada se celebrará, nada se analizará e nada se fiscalizará, porque ben poucas medidas foron aplicadas."

Ramón Nicolás - Resiliencia para a lingua galega

"Con todo, persoalmente, obrígome a cultivar a resiliencia, isto é, tentar sobreporse a situacións adversas e xerar sinerxias positivas, neste caso a prol do idioma galego. Resiliencia, pois, polo de agora como resposta ao incumprimento do que a lei ditou, seguir sendo, como dixo Celso Emilio,  “mariñeiros, labregos da linguaxe, remo i arado, proa e rella sempre”, talvez hoxe máis que nunca."


"Sigamos loitando polo soño de normalizar a lingua que herdamos dos nosos devanceiros empuñando as armas da palabra, esixamos que se cumpra co compromiso adquirido aquel 21 de setembro do 2004, cando o consenso entre as diferentes forzas políticas que nos representan fixo danzar os corazóns do pobo."



Víctor F. Freixanes - O patrimonio da lingua

Marcelino Fernández Mallo - Dez anos de agonía lingüística

Francisco X. Fernández Naval - Dez anos con plan, pero plantados





Radio Galega - Diario cultural

Xavier Senín - Apúntome a un bo plan

2014/08/13

Oh capitán, meu capitán...


Onte morría Robin Williams, o actor, ademais do doutor Patch Adams, Armand o divertido pai do noivo, a coidadora Mrs. Doubtfire, o avogado Peter Pan, o profesor Gerald Lambeau, o soldado Adrian Cronauer, para moitas persoas da miña xeración será xa para sempre o querido e admirado profesor Keating.
Fai 25 anos, en novembro de 1989, estreábase El club de los poetas muertos, lembro que non había quen saíse do cine sen os ollos inchados.
Estaba en segundo de carreira cando vin por primeira vez o filme de Peter Weir, era un canto á pedagoxía da liberdade, á fascinación da paixón de ensinar a vivir, a permanecer. Ao longo deste cuarto de século non lembro xa en cantas ocasións tiven a oportunidade de ver de novo a película, pero en todas elas volvín a experimentar a mesma emoción pola profesión.
Grazas Sr. Williams!

2014/05/25

Cea de Graduación IES da Pobra do Caramiñal 2014


 

Cea graduación 2014 do alumnado de 2º de Bacharelato do IES da Pobra do Caramiñal o 23 de maio de 2014.

* Todos os dereitos reservados.
* Só teñen dereito á utilización de cada unha das imaxes as persoas que nela saen retratadas.
* Estas imaxes inclúen contido con menores de idade.

2014/05/16

Tecendo Galicia con Xosé María Díaz Castro


http://www.educabarrie.org/recursos/tecendo-galicia-con-xose-maria-diaz-castro

Outro gran de area no achegamento a Díaz Castro no que participamos Enrique Sánchez Rodríguez (educaBarrié), Patricia Galán Gómez (CEIP Ponte dos Brozos) e Pilar Ponte Patiño (IES da Pobra do Caramiñal). A fotografía correu a cargo de Ramón Vila Anca.
Actividades didácticas arredor dos vídeos do Portal das Palabras dirixidas a alumnado de primaria e secundaria.