O prezo da paixón
PILAR PONTE
Houbo un día en que Wilson Valderrama era un home novo, alegre, aventureiro, embriagador e apaixonado ao que todas as vontades se rendían. Pero ás veces a paixón lévanos a onde non debemos e, Wilson Valderrama, coma un home endebedado, pasou o resto da súa vida dedicado a pagar o prezo da súa paixón, ou mellor dito, das súas paixóns. Por un lado a que unha noite o levou a un encontro coa linda Gloria Inés, orquídea raíña de Antioquía, nunha peza abandonada. Por outro, a que o arrastrou unha e outra vez a emprender grandes proxectos que habían de quitar da pobreza os seus compatriotas colombianos. E o grande Wilson pagou unha e outra vez durante o resto da súa vida sen se atrever a afrontar a realidade en ningún dos dous casos. Esta é a miña visión do protagonista de Nunca te vin chorar, a última novela de Miguel Suárez Abel publicada por Editorial Galaxia, pero non se fíen porque, ao mellor, tampouco era así, a fin de contas estamos ante unha novela de mulleres con protagonista masculino.
Nunca te vin chorar é fundamentalmente un tratado sobre a lembranza, sobre o proceso de lembrar en si mesmo e tamén sobre a relatividade coa que a lembranza configura a nosa percepción das cousas co paso do tempo. A novela constrúese así sobre dúas voces de mulleres, a da linda Gloria Inés, que nos fala desde Colombia, e a de Pastora, unha galega de Curtis emigrante en Alemaña e situada no país xermano que ten unha curiosa relación con el. E vai ser a través delas, das súas lembranzas, como nos acheguemos ao personaxe de Wilson agora que vai morrer. Eses recordos corren paralelos ao avanzar biográfico del pero falan delas, de como elas o viviron, de como o interpretaron e, tamén, de como o quixeron cada unha á súa maneira. O autor roubounos a versión de Wilson, decidiu que non poidamos ser simples lectores pasivos e obrigounos á aventura de recrear iso que o conquistador Valderrama cala, a súa verdade, a dura verdade da propia vida á que todos nos temos que enfrontar.
Aparece nesta novela a emigración próxima a Alemaña, a dos últimos trinta anos do século pasado, a que non fixo as américas e conservou casa na aldea, á que lle medraron os fillos alí e xa non puido voltar.
Xa había tempo que o autor non publicaba e non podo achegarme a el sen lembrar felizmente como aló polo ano 1993 a súa novela Sabor a ti introducía con éxito na literatura galega a moitos adultos que nunca leran en galego e que se abraiaban ante a posibilidade de que unha obra na nosa lingua puidese non falar da aldea. O de Arzúa ten manifestado que, coma Rachid Boudjedra, el escribe para non ter frío, pois señor Súarez Abel, deséxolle que pase moito máis frío e non nos teña outros sete anos agardando unha nova obra súa.
SUÁREZ ABEL, MIGUEL, Nunca te vin chorar, Editorial Galaxia, Colección Literaria nº 284, Vigo, 2010, 183 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 24 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)
3 comentários:
Estou de acordo. Acabei onte de ler a novela. Fai sentir moito.
Collereina para ler neste verán. Grazas pola recomendación.
Al leer esta novela, sabiendo desde el primer capítulo que el protagonista muere (ya es arriesgado escribir así) me ha ocurrido algo sorprendente...no quería que pasara el tiempo, que ese momento llegara, quería saber más.
Postar um comentário